Teresa de Zúñiga, a poderosa condesa que foi brutalmente asasinada polos seus vasalos

A galega, nacida no século XV, xestionou un inxente matrimonio, secuestrou a un nobre e adoptou o fillo ilexítimo do seu marido

Teresa de Zúñiga ampea. Trata de coller aire, encher os pulmóns e continuar a súa fuxida. O ano 1470 está a piques de chegar á súa fin e os seus vasalos perséguena cun único fin: acabar coa vida da súa señora. Un obxectivo que cumpriron ás portas da desaparecida igrexa de San Xes, en Ribadavia. Foi unha morte extremadamente violenta, malia que os testemuños escritos difiren da súa causa. Foron coitelos, puñais ou frechas as que segaron a vida de Teresa de Zúñiga? Quen sabe. O único certo é que a mal chamada “condesa endiañada” pasou á historia polo seu abrupto final. Unha morte que eclipsou todo o feito en vida como muller poderosa e moi activa socialmente, capaz de xestionar un inxente patrimonio.

“Teresa de Zúñiga é unha muller moi interesante. Por nacemento e casamento está integrada nunha rede familiar sumamente destacada do Reino de Galicia e, en xeral, da Coroa de Castela”, describe o investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) e da Universidade de Santiago (USC), Miguel García-Fernández, especializado en rescatar a historia das mulleres medievais galegas.

Publicidade

A unión cos Sarmiento

Antes de 1428, ano do seu casamento, apenas hai información sobre Teresa de Zúñiga. Pénsase que naceu na segunda década do século XV e que, por tanto, chegou a unha idade avanzada para a época. Todo o demais vaise reconstruíndo cos documentos conservados despois do seu enlace con outro home de gran poder: Diego Pérez Sarmiento. Froito da voda, recibe un dote da súa familia que, probablemente, funcionase tamén como un adianto da súa herdanza. “Dende logo, as fillas non eran vistas como unha simple carga familiar, senón, sobre todo, como membros de pleno dereito que axudaban a engrandecer as súas liñaxes, ademais de recoñecérselle, por suposto, a súa condición de herdeiras lexítimas do patrimonio familiar”, subliña García-Fernández.

Máis alá do dote, Teresa de Zúñiga tamén recibirá as arras. É dicir, diñeiro achegado polo seu marido para consolidar un patrimonio persoal. Unha fortuna, a de orixe e a de casamento, que xestionará —ou coxestionará co seu marido— a propia condesa de Santa Marta de Ortigueira e que será clave para manter o señorío do seu home. Unha relación, a económica, que manteñen Diego Pérez Sarmiento e Teresa de Zúñiga en certo equilibrio. Por exemplo, cando mercan a vila de Aguiar, el achega 15.000 marabedís e ela, 10.000. “Ademais, xestionan parte do patrimonio en réxime de gananciais e pensando, en boa medida, no engrandecemento colectivo do patrimonio familiar”, remarca o investigador do IEGPS, deixando atrás a estereotipada imaxe de muller submisa e afastada dun poder exclusivamente masculino.

Publicidade

O fillo ilexítimo

Un documento clave para entender a influencia de Teresa de Zúñiga é o testamento do seu home. “Permítenos ver as emocións e os estreitos vínculos no seo das familias nobres e moi especialmente entre os cónxuxes”, describe García-Fernández. Diego Pérez Sarmiento deixa á elección da súa muller o lugar onde vai ser enterrado, o que mostra unha confianza plena entre eles. Recoñece, ademais, a axuda inestimable de Teresa de Zúñiga para recuperar algúns bens perdidos. E precisamente polos “grandes traballos que pasou” e os “obsequios recibidos”, Pérez Sarmiento nomea a súa muller titora do seu patrimonio ata que o fillo, Bernardino, non sexa maior de idade. Pero isto non é o dato máis rechamante: a chave desta historia é que é un fillo ilexítimo que o señor dos Sarmiento tivo con Úrsula, a escrava do matrimonio.

Documento coas últimas vontades de Teresa de Zúñiga.

Eu crieino e tomeino como fillo dende pequeno e ata agora, e el sempre me obedeceu e nunca saíu do meu mandato. Así deixa por escrito Teresa de Zúñiga a súa estreita relación con Bernardino que, pese ás circunstancias do seu nacemento, foi adoptado como fillo de pleno dereito da condesa. E non só iso, senón que no seu testamento de 1470 ela légalle todos os seus bens. É tal a relación entre ambos, que a nobre defende con garras e dentes a Bernardino: Se o meu irmán o vizconde ou os meus sobriños ou parentes dixesen que por non ter fillos a eles pertencen os meus bens, e sobre esta razón quixesen poñer a preito a dito conde, o meu fillo, que atopen a maldición de Deus. Unhas palabras tan concisas como determinantes.

Amor de nai; amor de fillo

O amor que sentía Teresa de Zúñiga por Bernardino foi recíproco. No testamento do herdeiro, datado en 1486, emprega o termo “miña nai” para referirse a ela. E neste documento, no que deixa constancia da reorganización do panteón familiar, outorga o mesmo protagonismo aos seus proxenitores, o que demostra unha historia familiar que García-Fernández cualifica de “fermosa”. Máis alá dos excesos e abusos que Teresa de Zúñiga cometese cos seus vasalos, como boa representación da nobreza medieval, estaba completamente entregada ao mantemento e engrandecemento da súa casa señorial.

A adopción de Bernardino foi unha forma de perpetuar a liñaxe ante a falta de fillos biolóxicos do matrimonio. Aí poderían mesturarse dúas realidades habituais na época: a esterilidade e a elevada mortalidade neonatal. Non obstante, García-Fernández baralla a hipótese de que o matrimonio tivese unha filla en común que probablemente morrese na infancia. Apóiase na “dona Teresa” que está enterrada no panteón dos Condes de Santa Marta, en Mucientes (Valladolid). Mais non hai ningún outro rexistro sobre esta filla lexítima.

O inicio da fin: as revoltas irmandiñas

A finais da década dos sesenta do século XV prodúcense as revoltas irmandiñas e o ambiente de inestabilidade social, que derivará no seu asasinato, é cada vez máis cru. Con todo, ao comezo deste movemento, Teresa de Zúñiga ten un papel fundamental. “Comparece en Monterrei ante as autoridades irmandiñas en 1467 para denunciar a outros nobres galegos como Pardo de Cela, Diego de Andrade e Sancho de Ulloa por cometer excesos contra as súas propiedades”, relata o investigador do IEGPS. De feito, deixa por escrito unha frase para a historia: Os pequenos, os medianos e os grandes vivamos ben e en paz e sosego.

Crónica do asasinato de Teresa escrita por Baltasar de Zúñiga.

Dalgunha maneira, a condesa toma a xustiza pola man. Ante os excesos que estaba a sufrir o seu patrimonio por culpa doutros nobres, secuestra a Sancho de Ulloa na súa casa de Mucientes. “É un claro exemplo de como preitea, comparece ante os tribunais e ten o poder suficiente para sobrepoñerse a un home, tamén nobre. E isto demostra, de novo, a imaxe afastada da realidade que ás veces temos na memoria colectiva sobre as mulleres nobres da Idade Media. Teresa de Zúñiga ten unha historia rechamante, sen dúbida, pero tampouco é unha excepción”, sinala o experto.

Movemento constante

Outro dos estereotipos que derruba García-Fernández é esa imaxe de mulleres inmóbiles. Todo o contrario. “Moveuse moito polo territorio. En gran medida, porque xestiona señoríos polinucleares“, sinala. De feito, ante a crecente inestabilidade social de Ribadavia, Teresa de Zúñiga exíliase en Mucientes. Pese aos seus esforzos para conseguir que os irmandiños a respectasen, a condesa non deixaba de ser unha señora feudal que debeu exercer, como tantos outros, o seu poder abusivo sobre os vasalos. Volve a Galicia en 1470, despois de escribir o seu testamento. E as crónicas conservan o relato da súa morte violenta a mans do pobo de Ribadavia.

Despois da morte, o roubo

Hai quen di que morreu o 27 de novembro; outros o 25. Iso si, á porta da igrexa de San Xes despois de intentar escapar. Algúns cren que foi acoitelada, outros apuñalada e hai quen defende a tese de que foi asasinada por unha frecha. As fontes consultadas por García-Fernández apuntan a que embalsamaron a popular condesa e que, talvez, a sepultaron de forma transitoria no mosteiro de Santa Clara de Allariz. Dúbidas que penden aínda sobre un asasinato que rematou co roubo da súa facenda, pensando os vasalos que atoparían xoias, e coa queima de documentos que hoxe terían un inestimable valor histórico.

Malia que foi descrita como unha muller presuntuosa, endiañada e de mal carácter, o poder de Teresa de Zúñiga foi incuestionable. Estivo plenamente integrada nos círculos de poder da súa época, foi moi activa nas accións sociais da liñaxe de orixe e de matrimonio, e adoptou un fillo ilexítimo para engrandecer o señorío dos Sarmiento. Viviu situacións difíciles e tivo un final aciago, pero é unha boa mostra da capacidade, situación e poder das mulleres nobres no século XV. Unha imaxe que serve para combater os prexuízos que rodean a Idade Media, pero tamén para reivindicar os suxeitos femininos que quedaron silenciados polo relato androcéntrico da historia.

A violenta morte de Inés Enríquez de Monroy

Os asasinatos dos nobres por parte dos seus vasalos non eran frecuentes, e moito menos as mortes violentas de mulleres. Mais hai un caso onde a agresividade do crime traspasa as fronteiras dos libros de historia, aínda que por motivos distintos aos de Teresa de Zúñiga. É o caso de Inés Enríquez de Monroy a comezos do século XVI. O seu fillo encargou matala cando ía percorrendo eses camiños medievais que Miguel García-Fernández tamén reivindica como espazos femininos máis alá dos muros domésticos e monásticos. Malferida, atopou refuxio na casa dun cura, que a acolleu durante a súa recuperación.

Finalmente, o fillo foi xulgado polo matricidio, mais tamén por outros delitos, como o de falsificación documental. De todos modos, cruzar a fronteira galego-portuguesa permitiulle evadir a condea a Pedro Álvarez de Soutomaior, neto do seu homónimo, o célebre Pedro Madruga quen, pola súa parte, era sobriño da tristemente célebre Teresa de Zúñiga.


Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que se executaba á xente hai 1.000 anos?

A Idade Media non inventou a pena de morte, un procedemento que xa existía no mundo romano e que perviviu ata non hai tanto en Europa occidental

Da forca á decapitación: as principais formas da pena de morte no noroeste ibérico durante o medievo

A investigación da USC de Abel de Lorenzo, recollida nun libro, documenta os perfís sociais de quen padece e executa este tipo de condenas e como se orixinan

Catro mapas históricos para percorrer Galicia a través dos séculos

O Instituto Xeográfico Nacional conserva cartografía antiga datada entre o XVII e XIX e amosa a evolución do territorio ao longo de máis de 200 anos

Unha historia de resistencia na Galicia do século X: a neta que denunciou o avó por violación

O investigador Abel de Lorenzo rescata os casos de violencia sexual na Alta Idade Media no noroeste peninsular