A falta de perspectiva de xénero na historia axudou á conformación de estereotipos arredor das mulleres de épocas pasadas. A través dunha documentación onde, cunha mirada masculina e machista, se ignoraban por completo ás personaxes femininas que gobernaban e eran poderosas, creouse un imaxinario social onde elas quedaban relegadas dos procesos históricos, como é o caso do Reino de Galicia. Nada máis lonxe da realidade. O pasado medieval foi moito más complexo que o que chegou ata nós: as mulleres da nobreza non se limitaron a vivir nos castelos sumisas ás decisións dos seus maridos e as pobres non só foron labregas que traballaban as terras dos señores. A pesar de existir uns condicionantes de xénero e de clase que se perpetúan ata os nosos días, no Reino de Galicia existiron mulleres imposibles de obviar que exerceron un papel fundamental na organización da súas familias, negociando matrimonios, gobernando, encargando grandes obras de arte, promocionando a cultura escrita ou indo á guerra, como a raíña Urraca. Algunhas atrevéronse con só oito anos a decidir o seu destino, negándose a matrimonios concertados. E outras, que naceron marxinadas, lograron nunha sociedade radicalmente patriarcal tomar as rendas da súa vida e gañar autoridade.
É un mito que o pasado das mulleres na Idade Media se descoñeza ou non se ensine nas escolas por falta de documentación que nos fale de personalidades da época, de inventos, de mandatos ou do seu papel nas actuacións xurídicas. Cando as historiadoras contemporáneas —que foron as que empezaron a rescatar do esquecemento aquilo que se silenciou— se mergullaron nos traballos históricos e seleccionaron as fontes, atoparon que hai moito material e que o único motivo polo que non se plasmou nos libros de texto e se desarmou o discurso que ignoraba o peso social das mulleres foi porque non se tomaron en consideración. “Hai que ler con outros ollos e poñer as lentes de perspectiva de xénero. Hai moitísima documentación”, apunta Mireia Comas Via, especialista en historia medieval das mulleres na Universidade de Barcelona. Unha vez que se toman a elas como suxeitos activos do proceso histórico do Reino de Galicia, descóbrense mulleres sobresaíntes.
En Mulleres con poder na Galicia Medieval (siglos XIII-XV), coordinado por Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, os autores enumeran mulleres salientables da nobreza, burguesía e dos grupos de elite urbana que están intimamente relacionados con eles, e que, por clase social, tiveron unha serie de posibilidades. Un dos seus autores, Miguel García Fernández, apunta que “temos imaxes que aplicamos á Idade Media moi condicionadas polo romanticismo decimonónico, ou mesmo por realidades e procesos históricos posteriores onde a posición das mulleres se viu resentida, como durante o franquismo, de aí ideas reiteradas como a de que as mulleres en xeral — e exceptuando grandes figuras femininas como diversas raíñas— estaban totalmente sometidas aos varóns, case sen capacidade de proxección pública e sen voz máis alá do fogar e do ámbito familiar. Cando revisamos a sociedade medieval, descubrimos que as mulleres teñen unhas marxes de liberdade das que ás veces non somos conscientes”. No libro, o autor apunta que a evolución das mulleres ao longo da Idade Media é complexa e está chea de diferenzas territoriais e sociais. Pola súa banda, Mireia Comas salienta unha desemellanza notable entre a consideración da muller na Alta e na Baixa Idade Media. Na primeira, esta era valorada pola sociedade ao achegar descendencia. De feito, existía o dote, explica a investigadora de Barcelona, que consistía en que os homes compraban a “virxinidade” —un concepto relixioso que alude á abstinencia sexual— ás familias das súas futuras esposas.
A visión misóxina dos filósofos
Esta situación evoluciona coa recuperación do dereito romano, e, entre os séculos XIV e XV, a visión da muller muda coa introdución e circulación dos textos de Aristóteles e Platón que entran nas universidades e a recuperación de determinados textos dunha visión misóxina —aversión ás mulleres— e misógama —aversión ao matrimonio—. Segundo explica a investigadora Comas, isto creará un contexto no que a muller será a “causa de tódolos males”, considerándoa inferior ao home polo feito de ser creada a posteriori segundo a relixión cristiá. “Isto creará unha serie de ideas á par que medran as urbes, que deixarán ás mulleres nun posto moi secundario e empeorando a situación xudírica da muller”, sostén. A pesar disto, moitas decidiron non acatar esta posición tan limitada aínda que o imaxinario social estivese sendo alimentado por declaracións que conformarían as vísceras dunha sociedade patriarcal con saúde aínda no século XXI:
Daqueles que naceron como homes, todos os que foron cobardes e pasaron a vida facendo maldades foron transformados, no seu segundo nacemento, en mulleres (…), (Platón, século V-IV a.C.)
Teresa de Zúñiga é unha das mulleres indispensables á hora de falar do Reino de Galicia polo seu papel na Rebelión Irmandiña de 1467 segundo indican os expertos na materia. Zúñiga casou con Diego Pérez Sarmiento, señor de Ribadavia e primeiro conde de Santa Marta. No seu testamento, Pérez confioulle a tutoría e administración das súas terras, vilas, casas fortes e fortalezas. A condesa de Santa Marta pasou á historia por presentar unha demanda en febreiro de 1467, segundo recolle o volume Mulleres con poder na Galicia medieval, ante a Irmandade Xeral para proceder contra os querellados que tomaran e derrubaran fortalezas súas como a de Castro Candelas de Orellón. Carlos Barros, profesor titular de Historia Medieval e coordinador do Grupo de Investigacións Historiográficas da Universidade de Santiago, escribiu A morte a lanzadas da condesa de Santa Marta (1470). Nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia apunta que “durante eses anos de guerra e revoltas, tanto os cabaleiros de Galicia como os vasalos revoltados da Condesa aproveitáronse da súa debilidade como muller para as artes da guerra, e da pouca idade que tiña o seu herdeiro. Non lle perdoaron a súa fortaleza de carácter para defenderse nun mundo de homes violentos”.
Xoana de Castro —medio irmá de Inés de Castro— é outras das personalidades que paga a pena lembrar do Reino de Galicia. Esta muller foi comprometida con só dous anos de idade pero nunca chegou a facerse realidade. Casou dúas veces: primeiro con Diego de Haro, que morreu, e despois, co rei don Pedro. Un día despois da boda, o rei don Pedro abandonou a Xoana —de aí o seu alcume, a ‘Desamada’—. “O que deu pé a supoñer que o rei foi coñecedor ese mesmo día da conspiración da irmá de doña Xoana e outros nobres para ofrecer a coroa de Castela a Pedro de Portugal ante a ausencia de herdeiros lexítimos ao trono”. Entón, tras este breve matrimonio, doña Xoana retirouse á vila de Dueñas e foi nomeada para sempre raíña de Castela. Xoana manexou un gran patrimonio, probablemento herdado ou recibido como dote: a fortaleza de Ponferrada, a aldea de Pieros (Bierzo), os cotos de San Mamede e Nonás en Bobarás (Ourense) ou o de Banga en Carballiño (Ourense). E, como viúva, obtivo outros bens procedentes das arras, como as aldeas de Gumiel de Mercado e Araúzo de Mel, que serían arrebatadas máis tarde por Enrique II trala morte do rei don Pedro.
No Reino de Galicia as mulleres podían denunciar os abusos sexuais e o maltrato dos seus homes. Así foi como María Pimentel de Castro se converteu nunha das mulleres da Galicia medieval en facer uso deste dereito. Casou con don Bernadino Pérez Sarmiento —bastardo lexitimado de don Diego Pérez Sarmiento—, primeiro conde de Ribadavia. Segundo recolle o volume Mulleres con poder na Galicia medieval (siglos XIII-XV), o matrimonio foi disolto en 1487 pola demanda presentada por María Pimentel ante os Reis Católicos ao acusar ao conde de estar casado con Teresa de Zúñiga II e por malos tratos. Segundo expón Miguel García Fernández, a pesar destes traballos de recuperación histórica, a materia pendente é a integración dos avances nos discursos históricos. “Fallan os historiadores, falla o sistema educativo e falla o ámbito de divulgación”, alega. É así como se perderon tamén nomes como a doña Maior de Ulloa, que deixou sen efecto o compromiso matrimonial que arrastraba dende os dez anos; ou o de Constanza das Mariñas, que casou ás agochadas do seu pai cun dos seus paxes, Fernán Pérez Parragués, e non con Lope Sánchez de Moscoso, porque no era hombre para mujer.