A ambición científica de que as máquinas chegasen a simular ou superar un día á intelixencia humana para mellorar as nosas vidas, foi presentada ao mundo a mediados do século pasado baixo o nome de intelixencia artificial. Foi no verán do ano 1956 no Dartmouth College, unha universidade da costa este dos Estados Unidos de América, cando un grupo multidisciplinar de científicos celebrou unha reunión, financiada pola Fundación Rockefeller, para dar a coñecer o nacemento dun novo campo científico tecnolóxico.
“Ese foi o xermolo da intelixencia artificial pública, a primeira vez que se falaba dela nos medios e nos laboratorios de investigación de todo o mundo. Nesa reunión había matemáticos, físicos, psicólogos, filósofos, enxeñeiros e economistas. Tamén podemos dicir que o verdadeiro arranque da intelixencia artificial foi pouco antes, no ano 1943, coa publicación do primeiro modelo matemático de neurona, pero é certo que foi despois desa reunión no Dartmouth College cando se fixo público ese novo campo, cun nome e cun obxectivo claro que era ser capaces de crear unha intelixencia artificial equivalente ou superior á humana. Aínda estamos lonxe de alcanzar ese reto, entre outras cousas porque non sabemos sempre como avanzar”, asegura Senén Barro, director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A electricidade do século XXI
Case sete décadas despois, o concepto xa forma parte do noso vocabulario e sobre todo da nosa vida cotiá, porque é un dos elementos esenciais en moitos dos servizos que empregamos e nos coidados que recibimos: desde os asistentes de voz nos nosos teléfonos intelixentes que nos axudan a atopar unha información, ata o diagnóstico de doenzas, pasando pola identificación automática de correos electrónicos non desexados ou as propostas das plataformas de música ou vídeo que empregamos, baseándose nas nosas preferencias.
Esta revolución impulsada nos últimos anos grazas aos avances tecnolóxicos, á dispoñibilidade sen precedentes de enormes cantidades de datos e, sobre todo, o investimento económico, foi bautizada por Andrew Ng, profesor na Universidade californiana de Stanford e gurú da intelixencia artificial, como a “electricidade do século XXI”.
“Esta comparación é un pouco esaxerada, pero moi útil xa que, dalgunha maneira, ofrécenos varias mensaxes interesantes. A primeira é que tal como a electricidade hoxe está en todas partes e non poderiamos ter a vida que temos, a vida que construímos, sen ela, pois cada vez máis acontece o mesmo coa intelixencia artificial, xa que moitos dispositivos que empregamos xa a levan integrada, como os reloxos, os teléfonos, os coches, os ordenadores, os robots, etc. En segundo lugar, debemos pensar que se un día se produce un apagamento enerxético, iso sería dramático para a humanidade, pois coa intelixencia artificial pasará o mesmo se a desconectamos. Sen ela, os nosos dispositivos non funcionarán correctamente, nun mundo no que xa dependeremos en boa medida dela, nun mundo no que xa non saberemos vivir sen a intelixencia artificial porque tamén fará mellores as nosas vidas”, afirma o científico do CiTIUS.
É como alarmarnos pola superpoboación en Marte
Pero como aconteceu con todos os grandes avances que tiveron un impacto importante na humanidade polo seu poder transformador, a intelixencia artificial tamén esperta moitos receos, temor e desconfianza. Uns sentimentos propios do pánico moral ou do pesimismo típico que provocan todas as grandes revolucións tecnolóxicas.
Para saber se existe realmente o risco de que a intelixencia artificial chegue a poñer un día en perigo a humanidade, preguntámoslle a Senén Barro, quen nos responde cunha enxeñosa frase do profesor Andrew Ng.
“Preocuparnos hoxe por unha intelixencia artificial superintelixente que poida tomar o control do mundo e someternos, é como preocuparse pola superpoboación en Marte. Pero é unha frase moi directa e que nos fai reflexionar. Eu creo que é positivo que algunhas persoas se interroguen sobre esa posible superintelixencia que poderiamos ter o día de mañá. É importante que o fagan porque é unha forma de pensar a longo prazo, de poder anticiparse ou de aportar ideas que poden ser moi útiles. Pero desde logo ter pánico, crear a alarma e, sobre todo, transmitir esa preocupación á poboación, iso é mala fe porque agora mesmo non estamos nesa situación. Hai riscos, claro, temos que afrontalos, pero agora mesmo non é certo que a intelixencia artificial poida chegar a someternos ou aniquilarnos“, subliña Senén Barro.
Automatización do traballo, a preocupación máis urxente
A educación e sobre todo unhas regras exhaustivas como as previstas na futura lei de intelixencia artificial da Unión Europea, pendente de adopción por parte do Parlamento e do Consello europeos despois do acordo alcanzado o pasado mes de decembro, son os elementos que o director do CiTIUS considera indispensables para garantir o bo uso da intelixencia artificial.
Pero para rematar, Senén Barro desvélanos cal é a súa maior inquietude respecto á intelixencia artificial, unha preocupación que sería a máis axeitada afrontar neste momento do seu desenvolvemento.
“Que nos despreocupemos completamente de cal pode ser o impacto da automatización do traballo. Creo que é un tema que merece toda a nosa atención e sobre todo a dos gobernos. Aínda non se está traballando nesa liña coa intensidade coa se debería. Automatizar o traballo, en principio, é moi positivo, na medida na que a produtividade resultante e a riqueza que se xere, sexa distribuída dunha maneira xusta e non sirva para facer maiores as diferenzas sociais, económicas, culturais ou as relacionadas coa saúde. Iso é do que nos deberíamos estar preocupando agora e non da posibilidade de que un día a intelixencia artificial se nos vaia das mans. Como dixo Andrew Ng, iso é como estar hoxe en alerta pola superpoboación en Marte”, conclúe Barro.