Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

O Parlamento Europeo acolleu este mércores o encontro The role of artificial intelligence in supporting linguistic diversity in Europe, impulsado por Google con motivo do Día Europeo das Linguas. A xornada reuniu eurodeputados e representantes dos gobernos do Estado, entre eles Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, xunto con expertos, investigadores e membros do ecosistema lingüístico e dixital, co obxectivo de analizar o papel da intelixencia artificial no desenvolvemento da diversidade lingüística e cultural de Europa.

O Proxecto Nós participou na xornada para presentar “Arena Nós”, unha ferramenta pioneira na avaliación do nivel de representación cultural e lingüística galega nos grandes modelos de IA. Así mesmo, a delegación galega trasladou ao eido europeo a importancia de garantir que todas as linguas continúen a ser linguas vivas no tempo da intelixencia artificial. Trátase dun paso fundamental para protexer de forma efectiva os dereitos lingüísticos dos falantes, potenciar a capacidade produtiva e asegurar o desenvolvemento futuro da sociedade.

Publicidade

O Proxecto Nós estivo representado por Manuel Loureiro, investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela, quen participou na mesa redonda IA ao servicio das linguas e as comunidades xunto a especialistas e representantes de diferentes ámbitos relacionados coa inclusión, a educación, a investigación lingüística e a tecnoloxía. Na sua intervención, centrouse no traballo como exemplo de ciencia aplicada no desenvolvemento dos recursos necesarios para atinxir unha representación plena da lingua e da cultura galegas nas ferramentas e aplicacións baseadas na intelixencia artificial. O investigador salientou a importancia destes recursos “para que empresas como Google poidan, a través dos procesos de adestramento e avaliación, representar dun xeito profundo a nosa diversidade lingüística e cultural nos seus modelos”.

O galego, unha lingua viva nos ecosistemas dixitais

Entre as liñas do Proxecto Nós atópanse tamén o deseño de aplicacións de síntese de voz, tradución e corrección de textos. O obxectivo é fornecer a sociedade de todas as ferramentas esenciais precisas para que o galego sexa unha lingua útil nos sistemas de IA. Como exemplo disto, Loureiro presentou os resultados preliminares de “Arena NÓS”, que pretende avaliar o nivel de representación da nosa cultura nos grandes modelos de linguaxe, así como comparar a súa capacidade de producir texto e voz na nosa lingua. A iniciativa, que concluirá o seu desenvolvemento nos vindeiros meses, ten como fin facer accesibles datos públicos baseados en metodoloxías científicas de referencia.

Publicidade

Isto permitiralle á sociedade galega obter respostas a preguntas básicas: que intelixencia artificial entende mellor se se lle fala en galego; cal ten máis capacidade para escribir un artigo, corrixir ou traducir un texto, facer un traballo profesional na nosa lingua ou responder a unha dúbida sobre lexislación; ou cal serve para planear unha viaxe, aprender a coidar da horta ou programar en galego. Esta avaliación pensada para o noso idioma tampouco está accesible para a gran maioría de linguas e culturas, coa excepción do inglés. Por este motivo, o proxecto Nós publicará os materiais e o código en aberto para facilitar que outras comunidades poidan replicar a metodoloxía.

Tamén participaron na mesa Fina Paulos e Oscar Rey, profesores no centro público IES Maximino Romero de Lema en Baio, que desde o rural galego son recoñecidos internacionalmente polo seu traballo coa IA nas aulas. Os docentes puxeron como exemplo do seu traballo as aplicacións para a inmersión lingüística e a atención a diversidade, que desenvolven os propios alumnos.

A diversidade lingüística como parte do futuro dixital

A participación do Proxecto Nós permitiu trasladar ao debate europeo a importancia de que o desenvolvemento da intelixencia artificial non conduza a unha progresiva homoxeneización lingüística e cultural. Ao final da súa intervención, Manuel Loureiro destacou que decidiu traballar no Proxecto Nós “non só para que o galego sobreviva nos ecosistemas dixitais, senón para que volva florecer, porque florecendo a nosa lingua e a nosa cultura, florecerá tamén a diversidade e, por tanto, a intelixencia da terra». Recalcou tamén a necesidade de que institucións e empresas tecnolóxicas aposten por unha representación profunda das diferentes linguas nos sistemas de IA.

Unha xornada completa

As eurodiputadas Idoia Medía e Diana Riba, participantes nunha mesa sobre as perspectivas europeas da IA, abordaron o papel das institucións públicas, as organizacións sociais, a investigación e as grandes compañías tecnolóxicas na construción de ecosistemas de intelixencia artificial que coloquen a representación da pluralidade lingüística e cultural das sociedades europeas como unha prioridade real. Pallav Mehta, director de produto en Google, falou do reto tecnolóxico que supuxo a recente inclusión do galego, o catalán e o éuscaro, xunto co castelán, como linguas oficiais en Gemini para darlle servizo a 12 millóns de falantes. Karen Massin e Miguel Escassi, do Departamento de Relacións Institucionais do buscador, situaron nas súas intervencións o compromiso coa diversidade lingüística como un dos valores culturais, sociais e institucionais fundamentais para Europa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova investigación identifica os xenes asociados a defectos de pigmentación en rodaballos de cultivo

Un equipo do IIM-CSIC revela unha importante base xenética tras as anomalías e abre novas vías para a mellora dos programas de selección en acuicultura

⁠Algas e microalgas: o tesouro biotecnolóxico que agocha o mar galego

O centro tecnolóxico ANFACO presenta en BioSpain o seu aproveitamento da biomasa mariña para crear novos ingredientes

Vigo, entre as 20 cidades europeas con máis alertas de po sahariano de 2026

Un novo informe de Copernicus contabiliza nove xornadas con avisos no enclave galego, na súa maioría de intensidade moderada-alta

De campamento neandertal a enterramento: os achados das escavacións en Cova Eirós e Monte Penedo

Os traballos, liderados dende a USC, permiten descubrir restos óseos infantís e adultos e amplían os períodos de ocupación humana das cavidades