A dona máis garrida / e a mais doce e mais triste enamorada. Estas foron as palabras que adicou Rosalía a Inés nun fermoso poema publicado en 1885. Ambas eran dúas afoutas galegas que, aínda separadas por unha fenda de máis de 500 anos, tiñan un indeleble vínculo espazo-temporal: apelidábanse De Castro. Unha é a raíña indiscutible das letras galegas e a outra, tamén raíña, pasou á historia pola súa lenda negra: subiu ao trono despois de morta. A liña entre a ficción e a realidade é tan estreita que gran parte da vida de Inés de Castro (1320-1355) é aínda un misterio. Pese ao halo de escuridade e desgraza que se cerneu sobre a raíña de Portugal, a súa figura alumeou a través dos séculos unha inxente cantidade de obras literarias, musicais e incluso audiovisuais que recollen o mito, pero tamén a biografía dunha muller eterna.
“Hai moita información sobre Inés de Castro; pero tamén hai moitas preguntas sen resposta”, recoñece o historiador Eduardo Pardo de Guevara, profesor ad honorem do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS). É dicir, falar da raíña de Portugal é como pisar por terreo esvaradío. De feito, non se coñece a ciencia certa o seu lugar de nacemento. “Dise que naceu en Monforte de Lemos pero, na miña opinión, é un disparate. É filla natural de Pedro Fernández de Castro, que se cría na Corte de Portugal, e é alí onde coñece a Aldonça Lourenço de Valadares, a súa nai”, explica o historiador. Segundo a súa investigación, a hipótese que ten máis forza é que naceu en terras de Estremadura; concretamente en Alburquerque. Con todo, Pardo de Guervara cre que non hai suficientes probas documentais para asegurar taxantemente o lugar de orixe de Inés. O único certo é que o seu pai era galego, de Monforte de Lemos, e que se refuxiou en Portugal sendo tan só un neno.
Sen información detallada sobre a súa infancia, o seguinte capítulo sobre o que pisar con firme fai referencia directa á chegada de Inés á Corte portuguesa. Segundo refire Pardo de Guevara, formou parte do grupo de damas que acompañou a Constanza Manuel a Portugal, onde casaría con Pedro I —que aínda era infante— en 1340. Inés tivo o privilexio de acompañar a futura raíña porque estaba nunha posición elevada dentro da aristrocracia da época aínda que o seu pai nunca casara coa súa nai e, polo tanto, era filla ilexítima de Pedro Fernández de Castro. Pese a todo, Inés chegou á corte portuguesa con apenas 20 anos, onde chamou a atención a súa beleza. Segundo o profesor do IEGPS era coñecida como “pescozo de garza”; unha expresión que exalzaba a súa fermosura. Fose polos motivos que fosen, o certo é que o infante Pedro, futuro rei de Portugal, namorouse perdidamente da aristócrata galega.

Xusto aí, no momento en que Inés e Pedro se coñecen, comeza unha historia chea de luces e sombras que acabaría como unha verdadeira traxedia. Pardo de Guevara defende que a relación entre ambos non comezou ata a morte de Constanza, a primeira muller de Pedro e raíña de Portugal, que faleceu en 1349 durante o parto. O infante, viúvo, comeza a súa relación con Inés, segundo o relato do historiador galego, coa que tivo tres fillos. “Finalmente casaron e, aínda que non hai probas, todo parece indicalo”, expón o profesor do IEGPS. A unión, que se celebrou en xaneiro de 1354, durou tan só un ano. Polas mesmas datas de 1355, Inés morre asasinada a man de tres homes a soldo do seu sogro Afonso IV de Portugal. Pedro Coelho, Diego López Pacheco e Alfonso González mataron a Inés a puñaladas, segundo cre Pardo de Guevara, na Quinta das Bágoas, en Coímbra.
O motivo polo que a aristócrata galega foi asasinada non está claro pero sospéitase que como procedía dunha podente e influente familia, os Castro, Afonso IV vía algún obstáculo para a sucesión ao trono. “O rei manda matar a Inés por algún conflito político que non coñecemos ben. Non sei cal era o alcance das manobras nas que estaban implicados os Castro galegos. Oficialmente, o asasinato produciuse porque Inés era filla natural, é dicir, non lexítima, e o infante era o herdeiro ao trono. Iso é o que contan os cronistas, pero pode haber outros motivos”, sinala o historiador. Do que non hai dúbidas é de que o asasinato de Inés tivo a súa vinganza. Pedro matou coas súas propias mans a dous dos tres criminais: “A Coelho arrincoulle o corazón polo peito e a González polo lombo”. Diego López Pacheco foi o único que sobreviviu, dado que se exiliara en Avignon e anos despois foi perdoado.
A lenda… e a verdade
A partir de aquí, toda a historia é lenda. Ou iso conta Pardo de Guevara, que insiste en que Inés de Castro é unha figura que aínda está chea de incógnitas. O motivo polo que é famosa é, precisamente, o seu mito, que relata como Pedro expuxo o cadáver de Inés na Corte portuguesa e obrigou aos seus vasalos a bicar a súa man. Segundo a lenda, non cabe dúbida de que a aristócrata galega foi raíña despois de morta, subida ao trono e honrada polos nobres da Corte. “O máis probable é que fose unha figura de cera. Naquela época facíase unha imaxe deste material dos defuntos cando eran reis e raíñas e os vasalos pasaban a rendirlle tribuno e bicaban a man… De cera. Agora ben, bicar o cadáver descomposto e obrigar á nobreza a bicalo… Pois non”, sostén Pardo de Guevara.

O que non é lenda, senón verdade, é que Pedro lle rendiu tributo a Inés cun espectacular sepulcro que aínda hoxe se pode visitar no mosteiro de Alcobaça. Segundo explica o profesor do IEGPS, o infante e futuro rei de Portugal mandou construír unha sepultura para el no mesmo sitio para que o día da Resurrección o primeiro que vise fose a ela, a Inés. Esta historia, que constata o amor de Pedro pola nobre galega, tingue a figura de Inés de certo romanticismo que contrasta coa imaxe que se tiña dela en vida. “Na época tiña moi mala fama polo seu catácter altivo, insoportable e antipático. De feito, sempre se poñía de exemplo de mala muller pero todo cambiou cando se forxou a lenda”, apunta Pardo de Guevara. Un mito ao que a literatura, a música e moi posteriormente as artes audiovisuais contribuíron notablemente.
Un mito sen fronteiras
“Dificilmente imos atopar unha literatura cunha tradición consolidada na que non haxa algunha influencia de Inés de Castro”, di a filóloga Isabel Morán, profesora na Universidade de Santiago (USC). A historia da raíña de Portugal traspasou fronteiras e non só está presente nas obras occidentais, senón que a súa presenza é un denominador común nas literaturas de todo o mundo. O que demostra, indubidablemente, a forza da súa historia. “O seu crime provocou unha grande conmoción e inmediatamente converteuse nun mito. Foi fonte de inspiración literaria ao pouco tempo de morrer”, confirma a investigadora. O que perdura nas obras literarias sempre é a súa visión de amante durante a vida e de raíña despois de morta. No ámbito da prosa, Morán destaca a Crónica de D. Pedro de Fernão Lopes, onde se relata de maneira “espeluznante” e se contan os detalles “máis macabros” da historia, centrada na vinganza que tomou Pedro cos asasinos de Inés.

Máis alá da prosa, a nobre galega estivo sempre moi presente nos romances a nivel oral. De feito, Morán salienta un cancioneiro de 1516 onde aparece un longo poema adicado a Inés onde é ela a que ten a palabra e explica como foi asasinada. E aínda que tamén aparece en obras teatrais, a verdadeira consolidación do mito de dona Inés na literatura vén da man da Luís de Camões e de Os Lusíadas, a gran obra mestra da literatura portuguesa. “É unha obra épica na que se relatan grandes batallas históricas e conquistas pero neste caso, e de maneira bastante sorprendente, aparece o amor de Inés de Castro e de don Pedro”, explica Morán. O carácter disruptivo dunha historia de amor dentro dunha obra épica aparece reforzado pola idea que traslada Camões dos dous amantes: “Amor, puro amor”. “Sorprende moito que nunha obra épica se adiquen uns versos a unha historia de amor que se desvincula, en certo sentido, da política”, continúa Morán.
“Na nosa literatura hai que ter en conta que Inés é de orixe galega e, por iso, trata de explorarse moito nese sentido”, apunta a investigadora da USC. Máis alá da referencia a Inés no poema de Rosalía, Morán menciona a obra de teatro Raíñas de pedra de Cándido Pazo, enmarcada na literatura galega contemporánea. Pero esta é tan só unha selección da literatura máis relevante e máis próxima a Galicia e ao galego. Amorear todas as referencias e obras influídas polo mito de Inés de Castro sería un labor inxente e case infinito. Porque máis alá da literatura, a nobre galega colonizou a música, o cinema, a pintura e, incluso, a artesanía en cerámica. Probablemente Inés nunca imaxinou que a súa tráxica historia servise como fonte de inspiración. E que pese á súa mala fama en vida, sería considerada “garrida, doce e triste namorada” pola atemporal Rosalía. E polos atemporais lectores que 700 anos despois seguen tratando de descifrar a lenda de dona Inés.

















Nada me sorprende destes comentarios históricos tan típicos e lamentables dos membros del Colonialísimo Instituto Padre Sarmiento (por certo ao igual que moitos dos mais “reputados” medievalistas das nosas Universidades). Por suposto, como ia nacer Ines de Castro en Galicia, por Deus!, non señor naceu en E’PAÑA! en Extremadura, e para mais detalle en Alburquerque, como non podía ser doutro xeito! e ademais, nada de ser unha garrida, doce e triste namorada como a cantaba a nosa Rosalia de Castro… naaaada… segundo este personaxe era altiva, insoportable, antipática e sempre se poñía de exemplo de mala muller. Que autoxenrreira e que peniña a desta xentiña… abofé que deben ser moi infelices… por certo, aos de GCiencia, que facedes un magnífico labor: pasade desta xente e buscade informadores sobre a nosa Historia menos amargados e apodrecidos que os hai, e moi bos, en Galicia. O que e moi curioso e que este home non sabía o porque do asasinato da Inés de Castro “non sabe en que manobras andaban implicados os Castro galegos”… pois eu enviolle estes parágrafos de Francisco Rodríguez que estudou en detalle os acontecementos do século XIV en Galicia, Portugal e España: “o grave equívoco da historiografía española está en identificar a influencia galega na Corte de Lisboa cun partido castelán, e non galego-portugués. Os Manuel representaban a influencia castelá, como os Castro representaban a galego-portuguesa. Inés de Castro é asasinada polos favorábeis ao entendemento con Castela e podemos afirmar con rotundidade que detrás do seu asasinato estaban os falsos Trastámara e os partidarios de impedir que un monarca portugués puidese acabar sendo rei da monarquía plurinacional agrandada, onde o peso galego-portugués fose irreversíbel e hexemónico. Esta foi a dialéctica real: o casamento de Pedro de Portugal con Inés de Castro e a súa descendencia foi visto como un ataque á descendencia habida con Constanza Manuel e á influencia castelá na Corte de Lisboa”.