A última actualización das praias afectadas por ‘pellets’: 51 areais en 27 concellos

A provincia con maior presenza de bólas plásticas nos seus areais é A Coruña, con 33, fronte aos 12 de Pontevedra e os 6 de Lugo

Tres provincias, 27 concellos e 51 praias. Esa é a última actualización oficial da situación dos pellets en Galicia máis dun mes despois de que o Toconao perdese un contedor con 26 toneladas de bólas plásticas fronte ás costas de Viana do Castelo. Así o confirmou a consellería de Medio Ambiente este xoves, cuxos datos sinalan a provincia da Coruña como a máis afectada, con 33 praias. Séguea Pontevedra, con 12, e Lugo con 6. Aínda que a denominada “marea branca” se detectou por primeira vez na praia do Espiñeirido, en Ribeira, e a zona máis afectada nun principio foi a ría de Muros e Noia, as correntes mariñas achegaron os pellets a toda a costa galega.

Con todo, os datos oficiais contrastan cos que ofrecen outras entidades e organismos que están a monitorizar a chegada de granulados a Galicia. A Asociación Noia Limpa foi unha das primeiras en dar a voz de alarma sobre unha extensa capa de bólas blancas que se extendía por varias praias da ría de Noia. Alertou sobre a detección de pellets dende a segunda metade do mes de decembro pero non foi ata a primeira semana de xaneiro cando as autoridades tomaron cartas no asunto. Mentres tanto, grupos de voluntarios organizáronse para saír a limpar as praias e froito desta actividade altruísta naceron mapas colaborativos co número de praias afectadas polos pellets. Un deles elabórano dende Noia Limpa a través das achegas dos voluntarios.

Publicidade

Segundo explican dende a entidade, eles recibiron notificación de 81 praias afectadas dende que saltou a alarma a mediados de decembro. Na listaxe que ofrece Noia Limpa sinálase Porto do Son como un dos concellos onde se detectaron pellets, con 10 areais afectados. Porén, este municipio non aparece na listaxe oficial achegada pola Xunta. Esta diferenza no número total de praias afectadas pode deberse a que a consellería de Medio Ambiente tan só ofrece datos dos areais nos que os dispositivos de limpeza están a actuar, pero non aqueles que xa quedaron libres de pellets. De feito, fontes da Xunta aseguran que o número total de areais pode variar: “A actuación das brigadas estará condicionada á situación de cada praia e ao volume de residuos atopados. De feito, segundo os operarios vaian rematando nun areal pasarán ao seguinte máis próximo da contorna”.

No que respecta á cantidade de material recollido, a Xunta anunciou este martes que xa rolda os 3.130 quilos de pellets, “o equivalente a 125 sacos”. Porén, estas cifras están bastante lonxe da carga que levaba o buque Toconao cando perdeu seis contedores fronte á costa portuguesa; un deles cheo de pellets. As estimacións oficiais apuntan a que portaba 26 toneladas de bolsas plásticas en máis de 1.000 sacos de rafia. De todos modos, segundo a análise que está a realizar un equipo da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, prevese unha “forte diminución” de granulados no litoral porque as correntes están afastando os pellets da costa galega.

Publicidade

A situación dos pellets tamén será analizada dende Galicia por un comité científico, segundo anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, esta semana. Fontes do departamento confirman que os expertos se reunirán por primeira vez este venres, polo que aínda non trascenderon os nomes das persoas que o conforman. O que si é oficial é que estará integrado por un total de 15 investigadores de diversas entidades, como as tres universidades galegas, do Instituto Español de Oceanografía (IEO), do Centro de Estudos de Portos e Costas (CEDEX) do CSIC, membros de organismos autonómicos como Cetmar e Intecmar e da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma). Finalmente, representantes de entidades ambientais e ecoloxistas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Non só sofren as praias do Mediterráneo: estes son os impactos que ameazan os areais de Galicia

O litoral galego tamén padece danos reais: erosión, vertidos, plásticos e contaminación fecal son algúns dos efectos

As seis bandeiras negras que marcan as praias contaminadas e mal xestionadas de Galicia

Os residuos nas augas, a ocupación de terreos de dominio público e o proxecto de Altri protagonizan o informe de Ecoloxistas en Acción

Desaconsellado o baño en praias e ríos por problemas derivados do apagamento masivo

A falla na subministración fixo que parte dos caudais "non puideran ser tratados con normalidade", segundo a Xunta

Os temporais reviven a crise dos pellets nas praias galegas

A asociación Noia Limpa alerta de que as bólas plásticas están chegando de novo aos areais e atribúeno ás últimas borrascas