As praias son lugares fermosos que convidan o descanso e a diversión. Nelas realízanse todo tipo de actividades de lecer, que van desde relaxarse tomando o sol ata practicar deportes acuáticos como o esnórquel ou o surf. Por iso, e a pesar do aumento da oferta de actividades alternativas en España nos últimos anos –como o turismo cultural e gastronómico, os roteiros de sendeirismo ou as visitas a contornas rurais–, as praias, xunto co bo clima, seguen sendo o principal atractivo turístico para os visitantes, tanto nacionais como estranxeiros.
Ademais de ser espazos de recreo, as praias son ecosistemas costeiros de gran valor ecolóxico que albergan unha notable biodiversidade. Esta riqueza biolóxica débese ao elevado dinamismo destas áreas, sometidas ao constante impacto da ondada, ao desprazamento dos sedimentos e á alternancia entre a exposición ao aire e ao sol, e a inmersión en auga salgada.
Pola súa condición de ecotonos, é dicir, fronteiras entre o mar e a terra, as praias son o fogar de numerosas especies de animais e plantas altamente especializadas e resistentes, a maior parte das cales non se atopan en ningún outro lugar.
A iso súmase o feito de que as praias e a natureza que albergan brindan diversas e importantes contribucións ás persoas, como a protección fronte á ondada e a erosión costeira, así como a produción de alimentos.
Bandeiras azuis, bandeiras negras
Moitos dos animais que habitan as praias, ao pasar boa parte da súa vida enterrados na area ou ter hábitos nocturnos, adoitan pasar desapercibidos para os visitantes. Por esta razón, a biodiversidade non adoita ser un dos valores que os bañistas teñen en conta ao elixir que praia visitar.
En cambio, o habitual é que seleccionen o areal en función de criterios de funcionalidade como a proximidade, a accesibilidade, os servizos dispoñibles ou a seguridade, e non por motivos ambientais, coa posible excepción da calidade da auga de baño.
Por iso, as bandeiras azuis, un galardón outorgado por un consorcio de entidades privadas previa solicitude das Administracións públicas locais, resultan convenientes para moitos, xa que se centran na avaliación dos servizos básicos e da calidade da auga de baño, especialmente no que respecta á contaminación fecal.
Desgraciadamente, a contaminación por augas fecais, xa sexa por mor de verteduras procedentes de depuradoras deficientes ou de verteduras incontroladas, é un problema habitual en moitas zonas costeiras de España, incluída Galicia. Esta situación afecta mesmo a praias que ondean bandeiras azuis, tal e como expón a ONG ambientalista Ecoloxistas en Acción no seu informe Bandeiras negras 2025.
Sobrepesca e contaminación industrial
A pesar do seu impacto evidente sobre as persoas e os ecosistemas, a contaminación fecal non é o problema máis grave que afecta as praias do norte de España. Os ecosistemas litorais sofren unha ampla variedade de ameazas que, en conxunto, comprometen seriamente a súa viabilidade ecolóxica e socioeconómica.
Entre estas ameazas destacan a sobrepesca e o furtivismo (tamén de bañistas), a destrución de hábitats e a alteración das correntes costeiras provocada por infraestruturas como portos, encoros e diques, así como por actividades de extracción de areas e dragaxes. A iso súmase un turismo crecente que presiona tanto os ecosistemas como os servizos básicos e é fonte de conflitos en moitas áreas costeiras.
Unha mención especial merece a contaminación industrial, que con frecuencia alcanza o mar a través dos ríos, unha situación especialmente preocupante en Galicia. Un caso emblemático é o da papeleira da multinacional española ENCE, que ocupou durante décadas o dominio público marítimo-terrestre na ría de Pontevedra, vertendo residuos industriais e contribuíndo tanto á degradación dos ecosistemas costeiros como á deterioración da calidade de vida na zona.
Ademais, esta empresa favoreceu a expansión do monocultivo de eucalipto, unha especie que empobrece a biodiversidade e altera o equilibrio hidrolóxico.
A esta situación súmase unha nova ameaza: a posible instalación dunha nova planta de celulosa da multinacional portuguesa ALTRI, que recibiu recentemente unha declaración de impacto ambiental favorable por parte da Xunta de Galicia para situarse a beiras do río Ulla.

Este río desemboca na ría de Arousa, a máis produtiva en termos de marisqueo. A planta vertería nela millóns de litros de augas residuais ao día, o que podería agravar a crise de produtividade que o marisqueo na ría xa vén sufrindo desde hai décadas como consecuencia de múltiples impactos humanos.
Os invisibles habitantes das praias
Aínda que unha praia con bandeira azul podería parecer unha opción adecuada en contornas urbanas, esta distinción resulta claramente insuficiente para a inmensa maioría das praias. En realidade, normas como a ISO 14001 ou o sistema europeo EMAS ofrecen estándares de calidade ambiental máis completos e esixentes, e xa están a ser adoptados por algunhas Administracións locais comprometidas coa sustentabilidade.
Con todo, máis aló de selos e certificacións, é fundamental reaprender a mirar as praias como o que realmente son: lugares fermosos porque os compartimos cunha multitude de seres vivos que, aínda que a miúdo pasen desapercibidos, están aí, entregados ás súas actividades cotiás ao noso ao redor.

As pulgas de mar que se refuxian baixo as arribazóns de algas, os vermes que deixan os seus pequenos fideos de area enroscada sobre a superficie, os diminutos gobios que nadan na mesma beira, unha sepia que adhire os seus ovos nas follas dunha herba mariña ou o voo dunha gaivota recortándose sobre o azul do ceo son só algunhas desas pequenas marabillas.

Tomar conciencia da presenza desa vida por momentos invisible é un primeiro paso esencial para transformar a nosa relación coas praias e contribuír á súa protección como legado para as xeracións futuras. Á fin e ao cabo, os nosos antepasados probablemente deron os seus primeiros pasos vacilantes nunha praia esquecida fai millóns de anos. Debémosllo.
Cláusula de divulgación: Pablo Pita recibe fondos do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, convocatoria Ramón e Cajal 2022 (RYC2022-035937-I), e dos Proxectos de Excelencia. Ano 2024, da Xunta de Galicia (ED431F 2024/09).















Iso sen facer mención á conversión de bosques en polvoreiras inaccesibles e incontroladas, cuxa cinza contamina ríos, regos e regatos que arruinan o aporte nutricional das especies das rías.
Fenomenal traballo, Pablo.