As correntes afastan os ‘pellets’ da costa galega cara ao interior do Atlántico

Un grupo de investigación canario que modeliza a vertedura prevé unha forte diminución de granulados no litoral

A pasada fin de semana a Xunta de Galicia prevía unha avalancha de pellets nas costas galegas. Con todo, o patrón dos ventos desprazou ese aluvión de plásticos cara dentro do Atlántico, alonxándose de Galicia. Os modelos actuais que manexa OpenPLAS, un grupo de investigación de microplástico mariño, apuntan que a maior parte dos pellets seguen en océano aberto. “O gordo está no mar e non hai unha proximidade á costa galega”, apunta Daura Vega Moreno, química da Universidade das Palmas de Gran Canaria.

Os plásticos, coas correntes mariñas, viaxaron ata Asturias e Cantabria, pero as cantidades son mínimas en comparación coas de Galicia. Vega traslada que se descoñecen as condicións nas que se atopan os sacos que seguen no Atlántico, mais a porcentaxe de apertura é alta. “A maioría non chegaron á costa. Cantos de estes pellets chegarán de maneira próxima e cantos se quedarán no Atlántico recirculando durante anos non o sabemos, pero ambas cousas ocorrerán”.

Publicidade

OpenPLAS está formado por expertos da Universidade das Palmas de Gran Canaria, a sede territorial do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e o grupo de investigación en Química Analítica Aplicada da Universidade da Laguna, coordinado polo profesor Javier Hernández Borges. “A dispersión de pellets é moi distinta á dos sacos. Non ten sentido buscalos con helicóptero. Aínda que floten, a auga pásalles por enriba e os sensores só perciben a auga. O ollo humano tampouco os vai ver”, sostén Vega. OpenPLAS comunicou nas súas redes sociais que realiza o seguimento dos pellets dende o “8 de febreiro”. Durante toda a crise da vertedura do Toconao, a Xunta non se puxo en contacto co grupo de investigación.

Neste senso, Daura Vega apunta que o único que poden axudar nestes momentos son os modelos de dispersión como os que se publican dende OpenPLAS —encargados polo Goberno central— en base a datos obtidos de Copernicus, o programa europeo de monitorización da Terra. Este sistema permite predicir cun máximo de sete días e tres de fiabilidade a traxectoria dos plásticos, pero a meteoroloxía non pode asegurar un prognóstico e o réxime dos ventos influirá moito no movemento dos pellets polo mar. Así as cousas, as chegadas masivas serán moito menores porque a dispersión é maior. “Irán chegando en pequenas manchas”, sostén.

Publicidade

A Xunta de Galicia agarda que os gránulos se movan cara ao norte e se dispersen no Golfo de Biscaia, sen chegar a tocar o litoral en grandes cantidades. “Cómpre estar moi vixiantes, posto que aínda que a previsión que se fixo dende o 8 de decembro explica a grandes trazos o comportamento dende esa data, as incertezas vanse acumulando conforme van pasando os días”, apuntan dende o Goberno autonómico.

Os ‘pellets’ volverán, pero en “pequenas manchas”

Os ‘pellets’ volverán, pero en “pequenas manchas”. Vega explica que os granulados chegarán nas seguintes semanas e nos seguintes meses, mais non posúen información sobre en que porcentaxe ocorrerá cada un destes transportes. A chuvia desta fin de semana dificultou moito a recollida nos distintos concellos galegos. Segundo informou MeteoGalicia, Galicia estivo baixo a influencia dos ventos do nordés ou ventos do leste, pero dende o luns gañan compoñente oeste.

Así mesmo, a química apunta que é probable que estes plásticos entren no xiro subtropical do Atlántico Norte e que será máis habitual que cheguen ás Rías Baixas máis que a outros puntos do territorio galego. A responsable de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, informaba nunha entrevista concedida o pasado domingo a Radio Galega que a chegada de plásticos concéntrase na zona das Rías Baixas e con “menos intesidade” na Mariña Lucense, desprazándose cara Asturias e Cantabria. O Goberno cántabro comunicou este luns que as bólas de plástico están chegando en moi pouca cantidade. Mentres tanto, continúan os difíciles labores de limpeza coas condicións meteorolóxicas en contra. A borrasca Irene deixará fortes ventos en toda Galicia e ondas de ata catro e cinco metros na Costa da Morte.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

  1. 1-É evidente que a UE debe tomar moi en serio esta contaminación e lexislar para que os buques que transporten estes ” pellets”, en Europa, non podan perder esta carga e causar esta contaminación que é grave pois estes granulados plasticos rematan por entrar nas cadeas tróficas e finalmente chegan aos humanos afectando seriamente á nosa saúde.
    2- Hai que regular tamén con craridade quen/es é/son o responsable destes barcos (quen é o propietario real da carga) así a xustiza pode obrigalos a pagar todos os gastos ocasionados polo verquido e a conseguinte contaminación.
    3- Do Prestige as administracións non aprenderon nada pois repiten exactamente os mesmos erros.
    4- Reprobar a inoperancia e as mentiras da Xunta do PPdGa conselleira de Medioambiente da Xunta que,afirmou, sen rubor ( sen citar as fontes) que os pellets non eran tóxicos nin perigosos. Nesas mesmas datas investigadores do CSIC afirmaron que si eran tóxicos e contaminantes.ç
    5- Como hai eleccións o 18 F en Galicia, a mencioinada conselleira hai uns dias,afirmou que a Xunta do PPdG actuara de 10, no tema dos pellets, cando todos vimos a inoperancia, ineficacia e descoñecemento do goberno do Sr. Rueda.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol

EN DIRECTO | A Coruña vive a eclipse entre nubes, cunha coroa solar apenas visible

A totalidade durou un minuto e 16 segundos na cidade, mentres que noutros puntos de Galicia, como Sigüeiro, durou menos con ceos despexados

Galicia vivirá unha xornada astronómica única: o máximo das Perseidas chega tras a eclipse total de Sol

As condicións serán favorables para contemplar ata 200 meteoros por hora durante a noite do 12 ao 13 de agosto, con nubosidade prevista no norte da comunidade

Nubosidade no norte, risco de incendios no sur e calor: esta é a previsión para o día da eclipse total en Galicia

A Aemet alerta de cúmulos baixos no litoral, mentres o interior estará marcado por alertas amarelas e laranxas polas temperaturas máximas elevadas