Descrito un novo tipo de xenes relacionados coa predisposición ao cancro

Un equipo internacional revela que máis de 100 xenes que causan enfermidades hereditarias tamén aumentan o risco de cancro

Científicos do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), en colaboración con investigadores coreanos, propuxeron un novo tipo de xenes con predisposición ao cancro (CPGs, polas súas siglas en inglés). A probabilidade de desenvolver un tumor é maior en quen herda determinadas variantes alteradas dalgún deses xenes.

“Pero eses cen xenes só explican un 10 % dos casos de cancro. A gran maioría do resto pode estar relacionado con mutacións que descoñecemos”, explica Solip Park, xefa do Grupo de Xenómica Computacional. Atopar estoutras variantes alteradas axuda á detección temperá e a desenvolver tratamentos que contrarresten o seu efecto.

Publicidade

Para descubrilas, os expertos decidiron acoutar a procura nun grupo cun perfil xenético facilmente identificable: persoas portadoras de xenes que, cando están alterados, dan lugar a unha enfermidade hereditaria. Son enfermidades monoxénicas, é dicir que se producen pola alteración dun só xene, como a distrofia muscular ou a enfermidade de Gaucher.

Enfermidades monoxenéticas

Park, xunto con colaboradores de varias institucións de Seúl (Corea do Sur), descubriu 103 xenes nos que as alteracións que causan enfermidades monoxenéticas a miúdo coexisten con outras alteracións que predispoñen ao cancro. Publicado na revista Genome Medicine, o estudo verifica que as persoas con mutacións de enfermidades monoxenéticas hereditarias neses 103 xenes tamén presentaban maior cantidade de mutacións implicadas en cancro que o grupo de control (persoas sas).

Publicidade

Algunhas destas mutacións asócianse a tipos específicos de cancro, como carcinoma de células renais, linfoma non Hodgkin de células B, adenocarcinoma de mama e meduloblastoma; outras, coa propensión ao cancro en xeral. “Estes 103 xenes cuxas mutacións poden causar enfermidades mendelianas poden comportarse tamén como xenes de predisposición ao cancro”, sinala Park.

Os autores analizan tamén como as variantes defectuosas deses xenes promoven a progresión dos tumores e causan outras enfermidades, e apuntan a diversos mecanismos de acción, como distorsións do metabolismo celular ou da resposta inmune. Algúns son vías non contempladas ata o de agora en cancro, polo que destacan a necesidade de profundar nelas.

Así mesmo, analizaron exhaustivamente o xene PAH –coñecido porque algunhas das súas mutacións ocasionan a enfermidade rara hereditaria fenilcetonuria, que dificulta a asimilación de proteínas e aspartamo–. Seleccionado porque presentaba a maior cantidade de variantes susceptibles de dar lugar a varios tipos de cancro, descubriron a súa relación co carcinoma de células escamosas de pulmón, tumores do tecido hepático, así como con outras enfermidades e cun atraso no crecemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto Xenoma Galicia detecta 42 persoas con variantes xenéticas de risco

O programa pioneiro de cribado xenético analiza 2.504 mostras e acada unha taxa de positividade do 1,7% para enfermidades hereditarias graves

Galicia, entre as comunidades con máis mortalidade por cancro: estas son as causas da desigualdade

Un informe europeo revela que a taxa de falecementos é maior e a redución de mortes é menor ca en rexións como Madrid e Cataluña

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Cancro en Galicia: o 36% dos homes e o 25% das mulleres serán diagnosticados antes dos 75 anos

A última actualización do Rexistro Galego de Tumores revela que se detectaron máis de 17.000 en 2023, e sitúa os de próstata e mama como os máis frecuentes