Luns 29 Abril 2024

A longa vida dos ‘pellets’: así impactan en ecosistemas mariños e seres humanos

Un informe de Fauna & Flora internacional alerta das “catastróficas perdas” destes plásticos en todo o planeta

Entre 19 e 23 millóns de toneladas de lixo plástico rematan cada ano en lagos, ríos e mares. Isto equivale arredor de 2.200 Torre Eiffeles, segundo informa a Organización das Nacións Unidas (ONU). Miles de toneladas destes residuos perténcelles aos pellets, dos que o ser humano verte entre 52.000 e 184.000 ao ano derivadas da súa fabricación e transporte. Un informe de Fauna & Flora International apunta que o impacto da contaminación por bólas de plástico é cada vez máis visible no mundo, con “catastróficas perdas” en todo o planeta. Dende a década dos 70 estes ciscallos invaden o océano e as praias, e nalgúns lugares a contaminación plástica superou niveis que ocasionan riscos ecolóxicos significativos. Que sabemos entón do comportamento dos pellets no mar?

En primeiro lugar, para abordar a “vida” destes pequenos plásticos hai que empezar na súa fabricación. Segundo informa Fauna & Flora International no seu estudo, nos últimos trinta anos os esforzos para tratar a contaminación destes residuos oriéntanse cara as verteduras nos seus lugares de produción e fabricación. Os granulados adoitan derramarse nas zonas industriais e arrástranse ata os desaugadoiros. Unha vez listos para transportar, empaquétanse e viaxan en camións, onde o “risco de perda é alto”. A organización informa que os pellets recentemente creados envásanse en sacos de 25 quilogramos, algo menos que os que se perderon do buque Toconao. Ademais, os sacos de rafia non son de todo resistentes e é fácil que se rompan.

Publicidade

“Préstase moita menos atención aos pellets que se perden durante o transporte, especialmente no mar”, apunta Fauna & Flora. Estes plásticos mal envasados poden filtrarse dos contedores durante o transporte marítimo, e, como se rexistrou varias veces, poden caer ao mar polas condicións meteorolóxicas. Como explican os expertos Lucía Viñas e Jesús Gago nun artigo en The Conversation, este material ten unha densidade inferior á auga de mar, de maneira que flotan na auga e son arrastrados polas correntes mariñas. “O máis habitual é atopalos mesturados con outros residuos que quedan na zona máis alta que alcanzou a marea”. Tamén poden quedar soterrados na area e a súa recollida en terra é moi difícil.

Os gránulos poden danar o espectro taxonómico de aves e todo tipo mamíferos mariños. Segundo o informe, catorce millóns de toneladas de microplásticos contaminan o fondo do océano e o zooplancto. En si, o plástico pode ocasionar inanición, xa que os animais o confunden con comida. Un estudo revelou que o zooplancto que inxire microplásticos podería ter o potencial de reducir a produción de osíxeno nos océanos. E, de feito, outros apuntan que os pellets poden actuar como vectores de patóxenos. “Pode ter un impacto ecotoxicolóxico no ecosistema. Isto vai depender principalmente dos aditivos”, apuntan os investigadores no artigo publicado en The Conversation.

Consecuencias na vida mariña e humana

Nun comunicado emitido pola Universidade de Vigo (UVigo) sobre os aditivos dos pellets que afectan ás costas galegas, os expertos alegan que hai pouca información sobre o seu impacto nos animais mariños. Despois de que a Xunta fixese públicos os dous primeiros informes sobre os pequenos plásticos de Toconao, os investigadores do grupo de investigación en Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña apuntan que a substancia atopada, o estabilizante solar UV622, sería “pouco tóxico” para Daphnia, un invertebrado acuático que se emprega como modelo para coñecer a toxicidade dunha substancia. Sospéitase que os gránulos poden danar a especies de todo o espectro taxonómico e evitar nalgunhas pradeiras de pastos mariños que as plantas fagan a fotosíntese.

Como consecuencia, Fauna & Flora sostén que os pellets poden ascender pola rede trófica se os depredadores comen presas que anteriormente inxeriran estes elementos. Segundo informa a ONU, a contaminación por plásticos podería causar “cambios hormonais, trastornos do desenvolvemento, anomalías reprodutivas e cancro”. Os plásticos poden inxerirse a través dos produtos do mar, bebidas e tamén a sal común, así como penetrar na pel e ser inhalados. Os microplásticos poden penetrar no corpo humano por inhalación e acumularse nos órganos, como poden ser o cerebro, os pulmóns e a placenta. “Os vínculos entre a exposición ás substancias químicas asociadas aos plásticos no medio ambiente mariño e a saúde humana non están claros”, expón o organismo internacional.

Os plásticos teñen unha longa vida, tanto, que os científicos apuntan que é case imposible coñecer o total do impacto dos pellets no mar. No caso dos que afectan a Galicia, a súa alta concentración de raios UV fomenta que a súa degradación sexa máis lenta. Co paso dos anos, as boliñas irán erosionándose e rompéndose en partículas moito máis pequenas, converténdose en microplásticos e posteriomente en nanoplásticos. Recoller este tipo de materiais, tan minúsculos, é unha tarefa case imposible. Por iso, os expertos e organizacións como Fauna & Flora inciden na importancia da prevención da contaminación por pellets, o que suporía unha “acción internacional” coordinada para mellorar os procesos de produción e transporte. O ideal sería que estes plásticos chegasen ao final da súa vida útil, entrasen nun sistema de xestión de residuos e fosen reciclados, lonxe de derrames.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O río Lagares, o máis contaminante de Galicia: arrastra 13 toneladas de plástico ao mar

A organización The Ocean Cleanup deseñou un mapa interactivo mundial dos 1.000 cursos de auga que máis residuos depositan nos océanos

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes