Os ‘pellets’, portadores de patóxenos que impactan nos moluscos: “Poden impedir o desenvolvemento embrionario”

Os microplásticos alteran a función das células inmunes en animais, facéndoos susceptibles a bacterias, virus e fungos

Un mes despois de que o buque Toconao vertese de maneira accidental 26 toneladas de pellets ao mar, aínda non existen resultados experimentais publicados sobre a toxicidade destes residuos. A falta de evidencia científica fai imposible determinar o perigo real que estas bólas de plástico supoñen para as rías galegas —así como a dificultade para estimar o tempo da súa degradación— , mais si que existen traballos previos arredor do impacto medioambiental dos microplásticos e nanoplásticos. “Cada pellet é un mundo”, alega Eva Jiménez Guri, bióloga da Universidade de Exeter, en Reino Unido. A experta, que estuda o ADN destes pequenos plásticos, apunta que poden chegar a ser portadores de patóxenos ao desprazarse coas correntes mariñas impedindo o correcto desenvolvemento embrionario en moluscos. Outras investigacións conclúen que os microplásticos alteran a función das células inmunes en animais, facéendoos máis susceptibles a bacterias, virus e fungos. Canto máis tempo pasen no mar, máis probabilidades existen de que as substancias prexudiciais dos pellets se distribúan no vasto océano.

Jiménez apunta que é moi importante coñecer a concentración dos aditivos químicos dos grans de plástico xa que, de ser baixa, non ten por que ser “tóxica” para os ecosistemas mariños e os seus seres vivos. “Os pellets poden causar estrés oxidativo, o que implica que o animal non está en boas condicións e non vai xerar embrións tan bos. É dicir, os eventos de posta de ovos e as fertilizacións non van funcionar. O ano seguinte, isto poderá implicar menos mexillóns e moluscos en xeral”, alega. Neste senso sostén que as bólas de plástico, de maneira individual e sen substancias químicas nocivas, poden ser inocuas para os bivalvos, xa que de inxerir estes materiais, expulsaríanos inmediatamente. Pola contra, si que poden causar obstrucións no estómago e intestino nas aves e animais mariños, como quedou demostrado noutras ocasións. “Este plástico tan pequeno non ten por que ser malo para os moluscos, non van ter problemas de indixestión“, alega.

Publicidade

Todos os plásticos conteñen estabilizadores e algúns poden ser nocivos para a vida mariña. Os pellets, no mar, poden cambiar de forma, como calquera tipo de plástico. Da mesma maneira que un cristal na auga mariña se vai limando, un plástico tamén se vai erosionar. De momento, dende o punto de vista científico, non se pode estimar canto poden tardar en degradarse os pequenos residuos que están chegando ás costas galegas. O biólogo e investigador do grupo de Inmunoloxía e Xenómica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Antonio Figueras, apunta que esta invasión de boliñas de plástico hai que lela nun contexto xeral de contaminación por plásticos no medio mariño. “Estes residuos son moi rechamantes porque van xuntos —referíndose á perda accidental do buque en Viana do Castelo— pero realmente a contaminación xa existía. É un cravo máis no ataúde dos ecosistemas naturais”, alega. Os animais que se alimentan por filtración, inxerirán os pellets, entrarán no seu sistema e alterarán a función das súas células inmunes.

“Os animais mariños serán máis susceptibles a pátoxenos oportunistas e estarán máis debilitados. Serán máis sensibles a infeccións”, aputa o biólogo. Neste senso, lembra traballos previos onde se analizou a presenza de micro e nanoplásticos en mexillóns, onde a reprodución e xeración en moluscos xuvenís vese alterada e non se desenvolve correctamente. “O plástico non é inerte. Está constantemente degradándose, pasando aos alimentos e aos seres humanos”, apunta. “É un desastre moi díficil de parar”, sostén.

Publicidade

Foron seis contedores os que se perderon en augas portuguesas. Un deles ía cargado con 1.000 sacos de granulados de plástico, e, segundo informou este mércores a Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, aínda viaxan polo mar uns 900 sacos de rafia. “Estas bolsas non son impermeables. Están preparadas para soportar a auga da chuvia, pero non están cosidas para evitar que entre auga”, sostén Eva Jiménez. Por iso, cre que os centos de sacos xa están “soltando” substancias no mar, creando unha zona de alta concentración que pode ser moi prexudicial para a vida mariña. “Cando os químicos saen das bólas, dilúense na auga. Unha bóla soa non é un problema. Todas xuntas si. Ademais, despois de soltar, poden recoller outros químicos”, explica Jiménez. O informe do Centro Tecnoloxíco de Investigación Multisectorial (CETIM) realizado sobre os pellets chegados a Galicia a partir da súa ficha técnica proporcionada polo fabricante, identificou que os pellets conteñen un aditivo químico que se denomina ‘estabilizador UV’, e que pode ser tóxico para algúns organismos mariños, como para o plancto.

O documento marca unha concentración do 0,07% de Pentaerythritol tetrakis. Antonio Figueras sostén que esta é unha medida realizada na “mellor das circunstancias”, xa que os pellets non están preparados para sufrir os cambios de temperatura, a exposición solar e demais circunstancias que lles afectarán na súa viaxe polo mar, moi dispares dos ambientes para os que foron creados. “Haberá que ver o seu cambio. Hai que ter en conta o proceso de degradación. A única maneira de asegurar algo é un experimento”, explica Figueras, referíndose a que aínda non está feito e que servirá para constatar a toxicidade destes plásticos. De feito, Eva Jiménez apunta que é case “imposible” identificar nestes estudos a totalidade de substancias perigosas. “Pode que nunca saibas todo”, alega. Figueras traslada que este accidente se suma á contaminación da industria téxtil e automobilística que sofren os mares. De feito, Toconao perdeu ademais cinco contedores que portaban pneumáticos, pasta de tomate, barras de aluminio e rolos de papel film. “Os plásticos empezarán a degradarse e os peixes comeranos. Despois chegarán ao consumidor. Xa estamos comendo plásticos, xa respiramos plásticos. Temos plásticos nos pulmóns e no cerebro. Nun futuro próximo, o médico preguntaranos canto plástico temos na casa”, apunta Figueras.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales son as principais ameazas para a saúde global? Estes son os 17 retos para o século XXI

O Comité da prestixiosa revista médica ‘The Lancet’ identifica os riscos que poderían comprometer a supervivencia das vindeiras xeracións ata 2100

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca