As autoridades descoñecen os aditivos químicos dos ‘pellets’ un mes despois da vertedura

O único dato oficial sobre as bólas é que están feitas de polietileno, o plástico máis común, pero aínda non se sabe que outras substancias conteñen

O polietileno é o plástico de uso máis común. E tamén é o material do que están formados os pellets, as diminutas bólas que inundan as praias galegas dende o 13 de decembro. Así o confirmou este luns a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, baseándose nunhas “conclusións preliminares” do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim). A raíz desta afirmación, a tamén vicepresidenta segunda da Xunta asegurou que as bólas plásticas “non son tóxicas nin perigosas” sen aludir a ningún estudo científico que o avale. De feito, o que determinaría a toxicidade dos pellets serían os seus aditivos químicos que, ata o momento, se descoñecen. Non hai ningún informe de acceso público, sen contar as declaracións da conselleira, que ofreza datos oficiais sobre a composición das bólas plásticas, máis alá de que son de polietileno.

“Dicir que as bólas son de plástico é como non dicir nada. O plástico tan só é a matriz na que podes meter a substancia química que queiras”, explica Ricardo Beiras, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo (UVigo). Segundo explica o experto, pódese saber “en cuestión de minutos” se os pellets son de polietileno, PET, polipropileno ou calquera outro tipo de material plástico. Pero o verdadeiramente importante está en determinar que susbtancias químicas conteñen para saber se se poden tocar, se irritan os ollos, se emiten vapores ou calquera outro efecto adverso que poidan provocar. En definitiva, se son tóxicas ou perigosas para os humanos e, tamén, para os organismos que habitan no mar.

Publicidade

Máis alá das declaracións da conselleira, e dunhas “conclusións preliminares” do Cetim que non son de acceso público, xornais como elDiario.es e La Voz de Galicia fixéronse eco dun informe no que supostamente se baseou a Xunta para descartar que os pellets fosen tóxicos. O documento, de tan só unha páxina, non ten data, non explica quen encarga o informe nin tampouco quen é a entidade que o realiza. A sinatura corresponde a Santiago García Pardo, identificado como doutor en Ciencia e Tecnoloxías de Polímeros no grupo Valtalia, unha empresa ourensá dedicada ao tratamento de residuos. Fontes da Consellería de Medio Ambiente “non saben” nada dese informe e reiteran que as declaracións de Ángeles Vázquez se basearon nas “conclusións preliminares” do Cetim. Iso si, tampouco saben se eses resultados se comunicaron oralmente ou por escrito.

No citado e sucinto informe asegúrase que as bólas de plástico “non son perigosas” e son “aptas para o consumo alimentario”. No documento non se explica que metodoloxía se levou a cabo para sacar ditas conclusións, máis alá de que se basearon nas “fichas de seguridade” e na “ficha técnica recibida”, onde se especifica que o produto “está composto por entre un 88% e un 90% de polietileno e entre un 10% e un 12% de aditivo UV622”. Con todo, o material no que García Pardo asegura apoiarse non aparece no informe e tan só se anexa unha lista dos riscos que recolle o Regulamento 2020/878. Malia a falta de documentación, o empregado de Valtalia conclúe que “todos os riscos contemplados pola normativa vixente quedan excluídos, tanto para o produto para os seus ingredientes de forma individual”. Unha afirmación que contrasta coa opinión da comunidade científica.

Publicidade

A visión da ciencia

O catedrático de Ecoloxía da UVigo cre que “mentres non haxa información transparente non podemos aventurarnos a avaliar o impacto”. Pola información que aparece recollida nos sacos de Bedeko Europe, pode que os pellets teñan estabilizadores UV; uns filtros solares que se lle engaden aos materiais plásticos para facelos máis resistentes á luz. Hai moitos tipos e poden ser tóxicos para algúns organismos mariños, como o plancto e as larvas dos invertebrados. Con todo, Beiras insiste en que se debería facer pública a safety data sheet, é dicir, o DNI dos pellets onde se especifica que tipo de sustancias químicas conteñen. No momento en que ese documento se faga público, “os científicos poderemos opinar con coñecemento de causa”, sostén Beiras.

As voces científicas tamén se alzan fóra de Galicia, apuntando aos riscos potenciais dos pellets no ecosistema mariño. A directora do Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudo da Auga (IDAEA-CSIC), Ethel Eljarrat, en declaracións recollidas polo Science Media Centre España, explica que “o material plástico é máis tóxico canto máis pequeno sexa” e que os pellets, unha vez no medio mariño, en contacto coas ondas e coa radiación solar, vanse ir fragmentando cada vez máis. Ademais, a directora do IDAEA-CSIC asegura que estas bólas plásticas poden ocasionar danos nos animais mariños. Un deles pode ser o impacto físico, ao obstruír o tubo dixestivo e impedirlle inxerir outros alimentos. O outro, “o dano químico”, que provocarían os aínda descoñecidos aditivos das bólas plásticas.

“Falouse de que algúns poden levar filtros solares, e sábese que algúns deles poden ser moi tóxicos. Incluso aínda que non os levaran, e se se tratara de compostos máis inertes como o PET, estes plásticos actúan como esponxas que acumulan outros contaminantes presentes no medio mariño, polo que tamén poden producir danos químicos”, sinala Eljarrat. A experta non esquece mencionar o consumo de peixe: “O que acumularan ímolo acumular nós cando o comamos”, malia que o executivo central asegurou esta mañá que as verteduras de pellets en Galicia “non están xerando problemas par ao consumo de peixe ou marisco”. Eljarrat é taxante nas súas declaracións: “Contaminación cero no peixe non hai”. E aínda que recoñece que aínda é cedo para valorar as dimensións do acontecido, “a vertedura vai provocar que os niveis de contaminación sexan superiores”.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Consecuencias da invasión

A ameaza dunha alga asiática que xa está en Galicia

A causa dos ‘pellets’ arquivouse, pero a contaminación continúa

A finais de 2023 o buque 'Toconao' perdeu seis contedores fronte ás costas portuguesas, e unha marea de bólas blancas de plástico comezou a chegar ás praias galegas

Non tan verdes: os ecoplásticos son máis tóxicos que os envases convencionais

Un estudo da Universidade de Vigo conclúe que os aditivos dos novos plásticos fanos máis perigosos para o medio ambiente

Un visor do Ministerio considera toda Galicia zona sensible á implantación de eólicos

A conselleira de Medio Ambiente esixe a rectificación do xeoportal e asegura que se trata dunha ferramenta informativa e non vinculante