O Convenio internacional para previr a contaminación por buques (MARPOL, polas súas siglas en inglés) prohibe as verteduras de plásticos ao mar. O transporte de pellets, as bólas de plástico que están a invadir as costas galegas, debe cumprir esta normativa para protexer os océanos, con todo, a súa viaxe polas augas mundiais non está a salvo de accidentes como o acontecido en Viana do Castelo. Foi a catástrofe do buque X-Press Pearl, que se incendiou na costa de Sri Lanka en 2021 con 422 contedores que contiñan pellets de diversos polímeros, a que sentou as bases para establecer unha regulación específica sobre estes residuos e mitigar o impacto de posibles vertidos accidentais. Por iso, a Organización Marítima Internacional (OMI), busca catalogar estas boliñas de plástico como ‘mercancía perigosa’ como medida preventiva fronte á contaminación por plásticos ao establecer un protocolo de seguridade no seu transporte.
O buque X-Press Pearl derramou no océano máis de 7.000 millóns de grans de plástico en maio de 2021 arredor de Sri Lanka (India). As pezas de plásticos xuntáronse nas costas en montóns de dous metros de altura. Foi o accidente máis grave rexistrado por perdas de pellets no mar e, dende entón, diversos informes resaltan a importancia de abordar o risco medioambiental destes pequenos materiais, xa que se estima que cada ano entran billóns de microplásticos ao mar. Múltiples organizacións instaron á Organización Marítima Internacional (OMI) a clasificar os pellets como contaminantes mariños para sometelos a normas máis estritas no seu transporte. “Cando a OMI prohibe a descarga de maneira voluntaria é porque non é bo para o medio mariño porque tarda moito tempo en desaparecer”, explica Alsira Salgado, subdirectora da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña e capitá da Mariña Mercante.
A Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, alegou este luns que estas pequenas pezas de plástico “non son tóxicas nin perigosas”. Non obstante, este martes, a Xunta decidiu declarar o nivel dous de emerxencia, o que permitirá a intervención de recursos por parte do Estado. Neste senso, a regulación europea e internacional que se está a preparar e que pode aprobarse este ano, si que considera que existe un impacto importante sobre a vida mariña que podería chegar aos humanos. En España, de feito, o Ministerio de Transportes traballa neste tema dende hai dous anos a raíz do desastre de 2021 e trala proposta nada en Sri Lanka despois de vivir o “maior desastre ambiental do país”. Noruega, que apoiou a petición, abordou novas recomendacións de embalaxe, así como facer obrigatorias condicións de transporte e regular en consecuencia dos pellets como mercancía perigosa; tamén, estudaron a posibilidade de basearse en programas iniciados pola industria.
A Comisión para a coordinación do transporte de mercancías perigosas abordou esta cuestión nunha reunión celebrada o 3 de marzo de 2022. Naquela xuntanza, tratáronse os documentos que se presentarían ante o Subcomité de prevención e loita contra a contaminación (PPR) para a definición dos pellets plásticos como mercancía perigosa. A decisión podería coñecerse en abril. Ademais disto, na actualidade, tamén existe un borrador preliminar de Nacións Unidas do instrumento internacional xuridicamente vinculante sobre a contaminación por plásticos, incluso no medio mariño. O documento recolle: “Cada parte deberá previr e evitas as emisións e liberacións de pellets, escamas e pó de plástico procedentes da produción, a almacenaxe, a manipulación e o transporte, tendo en conta, segundo corresponda, as disposicións e pautas aplicables acordadas no marco de organizacións internacionais como a Organización Marítima Internacional.
O código internacional de mercadorías perigosas
O transporte de mercancías perigosas por mar está regulado polo Código Marítimo Internacional de Mercancías Perigosas (IMDG, polas súas siglas en inglés) e o Acordo Europeo relativo a transporte internacional de mercancías perigosas por vías de navegación interior (ADN, polas súas siglas en inglés), que ten como obxectivo garantizar a seguridade do movemento deste tipo de cargas que poden ter consecuencias no medio mariño e a saúde das persoas. O Código IMDG é a publicación da OMI e reúne as diferentes clases nas que se agrupan as mercancías perigosas, o seu modo de embalaxe, o seu etiquetado, a estiba, así como unha guía para o tratamento de emerxencias e accidentes. Aquí se inclúen os explosivos, gases, líquidos inflamables, substancias tóxicas e infecciosas, materiais radiactivos… De facelo efectivo, os pellets pasarían a formar parte desta lista e só poderían ser embarcados acompañados dunha declaración de mercancías perigosas.
O portavoz de Medio Ambiente da Comisión Europea, Adalbert Jahnz, recoñeceu este martes as repercusións negativas da contaminación por microplásticos e, en particular, das perdas de bólas de plástico. Ademais, lembrou que, o pasado mes de outubro, o Executivo comunitario xa propuxo unha normativa para reducir este tipo de contaminación.