Os ‘pellets’ desprendidos do ‘Toconao’ esténdense xa pola metade dos concellos costeiros

A Xunta detecta "unha caída en picado" das chamadas ao 112 para notificar a presenza de bólas plásticas nas praias

A marea de bólas plásticas que se desprenderon do cargueiro Toconao a comezos de decembro xa se estende pola metade dos concellos costeiros. Así o confirmou esta mañá a Consellería do Mar, que cifrou en 33 os municipios afectados pola vertedura de pellets, dun total de 69 localidades con litoral en Galicia. O dato que non facilitan dende a Xunta é o número de praias nas que se detectaron bólas plásticas nas últimas semanas. Negan que se trate dunha “ocultación de información” e atribúeno a unha decisión interna. O que si confirmaron dende o executivo galego é a “caída en picado” das chamadas ao 112 nos últimos días, polo que consideran que se está a producir un descenso na chegada de pellets ás costas galegas.

As diminutas bólas plásticas arribaron no litoral o 13 de decembro, cando se atopou o primeiro saco de pellets na praia do Espiñeirido, en Ribeira. A información que te ten ata o momento é que proceden do cargueiro Toconao, que perdeu seis contedores á altura de Viana do Castelo. Un deles contiña máis de 1.000 sacos de bólas de plástico duns 25 quilos cada unha. É dicir, soltáronse ao mar bolsas de rafia con máis de 26 toneladas de pellets. Dende mediados de decembro, este material —do que aínda non se coñece a súa composición— comezou a chegar ás praias galegas. Amais da recente limpeza que está a efectuar a administración nos areais, grupos de voluntarios levan semanas organizándose para eliminar os pellets da costa galega.

Publicidade

Ante as últimas declaracións do Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, instando á “calma” ante a vertedura, o seu departamento defende que se están a recibir avisos “de moitas praias onde a presenza é case residual”. “En determinados areais pódese facer moito dano entrando sen control”, defenden fontes da Consellería, que enfatizan a boa intención dos voluntarios que están a limpar as praias. Advirten que os labores de retirada dos pellets son especialmente delicados en zonas protexidas, como as dunas de Corrubedo, e instan a ser especialmente coidadosos con estes hábitats. Por iso, a Consellería asegura que este martes publicará un protocolo de recomendacións para os voluntarios.

Finalmente, dende a Consellería do Mar informan que a diminución na chegada de pellets ás costas galegas contrasta cos primeiros avisos en Asturias, Cantabria e incluso Francia. Aínda non se sabe se se trata da mesma vertedura e, aínda que así fose, segue sen coñecerse a composición das bólas plásticas, se tiñan aditivos químicos e cal era o seu destino final. Dende a Xunta confirman que o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño en Galicia (Intecmar) recibiu as primeiras mostras e realizou as análises preliminares da vertedura, pero que está a ser o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) o que está realizando o informe sobre os pellets.

Publicidade

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño