O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Máis de 220 estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP de 25 centros educativos de Galicia participaron esta fin de semana na segunda edición do festival científico CinVigo. Ciencia na rúa cun total 58 proxectos. Dende unha investigación sobre os montes de Beade ata o deseño dunha neveira eficiente para o transporte de órganos, pasando por un estudo sobre a presenza de microorganismos en diferentes medios da contorna escolar. Temáticas variadas e múltiples enfoques, pero todos eles cun ingrediente común: a ilusión das que serán as futuras e futuros investigadores.

E é que fomentar as vocacións científicas do alumnado de ensino medio é precisamente o principal obxectivo co que Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo (UVigo), organizou por segundo ano consecutivo este encontro aberto a toda a cidadanía con actividades paralelas enfocadas ás familias, como a xincana ou os espectáculos de ciencia e maxia, e outras especialmente deseñadas para as cativas e cativos da casa, como os obradoiros científicos.

Publicidade

Ourense, Nigrán, Cangas, Tomiño, Ponteareas, San Cibrao de Viñas, Soutomaior, Catoira, Santiago de Compostela, Redondela e, por suposto, Vigo son os concellos de procedencia do alumnado participante na feira científica que, grazas ao seu traballo previo e ás explicacións que ofreceron ás persoas asistentes ao longo das dúas xornadas que durou o festival, acadaron preto de 10.000 votos rexistrados nunha aplicación móbil coa que se decidía o premio do público.

Algúns premios quedaron en casa

O premio popular do público quedou na cidade olívica grazas ao proxecto Automatización del riego del césped con arduino realizado por estudantes de 1º de ESO do Colexio Apóstol Santiago. Tanto este como o resto de premios foron entregados nun acto de clausura que deu comezo ás 13.00 horas do domingo. Téxtil aislante térmico feito con papel reciclado é o título do proxecto que acadou o primeiro premio da categoría Early researchers grazas ao traballo realizado por estudantes de 2º de ESO do CPR María Auxiliadora Salesianos de Vigo. Pola súa banda, na categoría Young researchers para alumnado 3º e 4º da ESO o proxecto gañador foi Respirando cambios, do IES A Guía. O acto rematou co primeiro galardón da categoría Teen researchers para o alumnado de 1º de Bacharelato do IES Carlos Casares de Vigo, polo seu proxecto Incidencia do radón no cancro de pulmón en contornas graníticas.

Publicidade

A concelleira delegada de Educación e Recursos Humanos e Formación, Olga Alonso Suárez; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director do CINBIO, Miguel Correa, foron os encargados de entregar os galardóns no acto de clausura. Correa, que foi o encargado de abrir a quenda de intervencións, pediu un aplauso para o equipo humano do CINBIO, encargado da organización do evento, que “co seu traballo e un grande esforzo ao longo de varios meses conseguiu que CinVigo sexa hoxe unha realidade”.

A segunda edición de CinVigo, que contou coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia de Innovación, pechou así unha fin de semana para a lembranza pola alta participación e boa acollida destas propostas de divulgación, na que 700 cativas e cativos gozaron dos obradoiros científicos infantís.

CinVigo. Ciencia na rúa conta co financiamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea e co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e do Concello de Vigo, Portomédica, Büchi, Jasco, EcoClima, Termocalor, Leboriz, Fisher, Frutas Nieves, El Corte Inglés, Radio Vigo, Coca Cola, Vodea, Service-Lab entre outras entidades, que se suman á colaboración da FECYT.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol

EN DIRECTO | A Coruña vive a eclipse entre nubes, cunha coroa solar apenas visible

A totalidade durou un minuto e 16 segundos na cidade, mentres que noutros puntos de Galicia, como Sigüeiro, durou menos con ceos despexados

Galicia vivirá unha xornada astronómica única: o máximo das Perseidas chega tras a eclipse total de Sol

As condicións serán favorables para contemplar ata 200 meteoros por hora durante a noite do 12 ao 13 de agosto, con nubosidade prevista no norte da comunidade

Nubosidade no norte, risco de incendios no sur e calor: esta é a previsión para o día da eclipse total en Galicia

A Aemet alerta de cúmulos baixos no litoral, mentres o interior estará marcado por alertas amarelas e laranxas polas temperaturas máximas elevadas