O CINBIO, seleccionado para crear os dispositivos que marcarán o futuro da enerxía solar

No marco do consorcio europeo ‘Adaptation’, a entidade elaborará partículas capaces de captar luz do Sol con capacidade de refrixeración

O Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina, CINBIO, da Universidade de Vigo é unha das nove entidades seleccionadas para participar no consorcio europeo Adaptation, financiado con 3,6 millóns de euros de axudas Pathfinder da Unión Europea e que ten como principal obxectivo a creación dos novos dispositivos que marcarán o futuro da enerxía solar. Farano inspirándose nos procesos naturais de xestión enerxética máis eficientes da Terra: a fotosíntese e o arrefriamento radiativo terrestre. 

O proxecto arrancou este mes e nel a participación viguesa chega da man Grupo de NanoBioMateriais Funcionais, FunNanoBio, dirixido pola catedrática Isabel Pastoriza Santos, quen explica que o seu grupo de investigación achegará a este proxecto toda a súa experiencia en Química Coloidal e Materiais. “O noso principal labor vai consistir en desenvolver partículas baseadas en pigmentos e colorantes capaces de captar enerxía solar e con capacidade de refrixeración, que despois serán empregados para fabricar os dispositivos sostibles que xeren electricidade e regulen a súa temperatura”, salienta a docente da Facultade de Química, quen conta cunha longa traxectoria investigadora no campo do deseño e aplicación de materiais nanoestruturados durante máis de 20 anos, realizando achegas relevantes na síntese de nanopartículas de ouro e prata mediante a Química Coloidal.

Publicidade

Apto para todo tipo de superficies e adaptable a toda Europa

Coordinado pola Universidade do Minho e con socios de cinco países —Portugal, España, Francia, Austria e Países Baixos—, Adaptation contribuirá a lograr unha economía limpa e resiliente fronte ao cambio climático producindo o primeiro material captador de luz apto para todo tipo de superficies e adaptable a todas as zonas xeográficas de Europa.  

Imaxe creada con IA para o proxecto Adaptatión Foto: CSIC

Por diante quedan catro anos de traballo nos que a idea é chegar a crear unha serie de dispositivos que absorban a enerxía solar para convertela en electricidade á vez que sexan capaces de arrefriarse a si mesmos, evitando perdas de enerxía. Para conseguilo traballarase a nivel molecular da mesma maneira que se organiza o tecido fotosintético natural de cara a xerar eses novos materiais que serán a base dos novos dispositivos.

Publicidade

Eses futuros aparellos estarán formados por varias estruturas nanométricas e terán as propiedades necesarias de absorción e transporte de enerxía, así como de control térmico.

Nove entidades de cinco países

Adaptation está financiado coas denominadas axudas Pathfinder da Unión Europea, destinadas ao financiamento de proxectos disruptivos que apoian o desenvolvemento en fases iniciais de tecnoloxías futuras, baseadas en investigación de alto risco e alta ganancia de tecnoloxía. Neste caso participan nove entidades de cinco países distintos: a Universidade de Minho e o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL), por parte de Portugal; a Universidade de Vigo, o CSIC e as empresas Avanzare Innovation Tecnológica SL e Cooling Photonics; a Universidade de Estraburgo, por parte de Francia; a Universidade de Utrech, dos Países Baixos, e a empresa Sunplugged-solare Energiesysteme, de Austria.

A IP do proxecto é a investigadora galega Sara Núñez Sánchez, experta en Nanofotónica. Despois de diferentes estancias internacionais (Bristol, Exeter…) esta investigadora formou parte ata 2023 do cadro de persoal investigador do CINBIO, onde xa colaborou con Pastoriza en diferentes proxectos de investigación, entre eles Catarsis, dirixido tamén a “desenvolver os fundamentos dunha nova tecnoloxía de captación de enerxía solar inspirándonos na natureza, máis concretamente, en como a enerxía é capturada e transportada na fotosíntese”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega propón un tratamento contra a artrose que ataca o envellecemento celular

O proxecto SENPAD desenvólvese no marco da convocatoria Ignicia Proba de Concepto articulada pola Axencia Galega de Innovación

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Un científico galego revela que os virus máis agresivos actúan como ‘aceleradores’ do envellecemento

O equipo no que traballa Rubén González no Instituto Pasteur de París realizou un experimento en moscas da froita e demostrou que a idade biolóxica dos insectos permaneceu elevada pese á eliminación do patóxeno