A seguinte eclipse solar total será en 2026 e si, poderase ver dende Galicia

Dentro de dous anos, o fenómeno observarase en todo o seu esplendor na zona oeste do territorio galego arredor das 20:20 horas

Despois da noite astronómica deste luns 8 de abril, Galicia non deberá agardar moito para contemplar outra eclipse solar. De feito, será máis visible que esta última e o territorio galego poderá observar este fenómeno de maneira privilexiada en 2026, xa que, como adoita ocorrer, o evento só será observable dende algúns puntos da Terra. Producirase o 12 de agosto de 2026 e comezará no norte do continente americano, desprazarase cara Groenlandia, Islandia, Europa e o noroeste de África. É a primeira vez en 114 anos que este evento ocorre na península ibérica. De maneira que, para moitas persoas, suporá a única ocasión na que poderán contemplar como o Sol queda completamente tapado pola Lúa e o día, de súpeto, se fai penumbra.

A partir das 19:30 horas a eclipse total empezará no Atlántico Norte e desprazarase cara ao suroeste. Despois das 20.20 horas, o Sol ocultarase completamente en España en liña diagonal dende o Norte de Galicia ata as Illas Baleares. Así o amosa a animación publicada por Time and Date, onde se pode descubrir a traxectoria exacta da eclipse e os lugares do planeta nos que se poderá ver.

Publicidade

Ao producirse en pleno agosto, moitas persoas estarán na praia. Pois ben, como ocorre con este fenómeno, é posible que a temperatura descenda ao ocultarse o Sol trala Lúa —os termómetros poden caer ata 10 graos dependendo da localización—. A fase total da eclipse durará aproximadamente un minuto, e será só na zona oeste do territorio galego onde se poderá percibir ao 100%: dende a ría de Corme e Laxe a Viana do Bolo, pasando por Bergantiños, Xallas, Santiago, Deza, Chantada, Lemos, Trives e Viana. A fin do fenómeno coincidará, na meirande parte do seu percorrido, co solpor. Para evitar lesións oculares, será necesario empregar instrumentos homologados para a observación.

Na parte máis escura, as zonas onde se poderá observar a vindeira eclipse solar total, o 12 de agosto de 2026. Foto: Time and Date

2 de agosto de 2027

Aínda que a eclipse de 2026 será a única que se poida ver de maneira total en moitas décadas, uns meses despois producirase un fenómeno similar. Afectará á gran parte de Europa, África, Oriente Medio e Asia. En España será total. Empezará pola mañá, entre as 9:40 e as 9:45 horas, aproximadamente e durará catro minutos e medio.

Publicidade

26 de xaneiro de 2028

Seis meses despois, outra eclipse de Sol afectará a España. Desta vez, será un anular —prodúcese cando a Lúa se atopa no seu punto orbital máis afastado da Terra e é demasiado pequeno como para tapar totalmente o Sol—, e terá lugar o 26 de xaneiro de 2028: a súa franxa de máxima ocultación cruzará a península dende o sudoeste cara ao nordeste. Poderá observarse un círculo dourado que adoita denominarse como ‘anel de lume’.

Despois dunha ausencia de 67 anos, as eclipses volven visitar España nesta década. Despois deste último, non haberá outro fenómeno semellante ata o 12 de setembro de 2053 e só se poderá apreciar no Estreito de Xibraltar. O que fai destas ocasións unha oportunidade única e, practicamente, irrepetible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como ver a eclipse de agosto sen xogar a vista

O fenómeno do 12 de agosto será un momento histórico, pero é preciso tomar precaucións para evitar lesións oculares permanentes

Como escribe a Terra o teu nome? Descúbreo con esta ferramenta da NASA

O programa Landsat conta co espazo “Your name in Landsat”, que recolle unha galería de imaxes satelitais que amosan accidentes xeográficos en forma de letras.

Un ensaio antes da grande eclipse: a coincidencia astronómica que anticipa en Galicia o evento do ano

O fenómeno coñecido como "día xemelgo" permitirá comprobar o 30 de abril a mellor localización para seguir a banda de totalidade sen obstáculos

Galicia, porta de entrada da eclipse solar de agosto: esta é a guía dixital para planificar a observación

A páxina web de Turismo da Xunta ofrece mapas interactivos, horarios por concello e recomendacións de seguridade para seguir o fenómeno