Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Ata 0,70 metros podería subir o nivel do mar en varios puntos da costa galega de aquí a 2100. Así o revela unha nova ferramenta de visualización en liña publicada pola NASA, que realiza unha proxección da subida do nivel do mar a partir do Sexto Informe do Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC). O mapa interactivo permite anticiparse ás futuras subidas do mar e faculta os usuarios a descargar os datos entre calquera década entre 2020 e 2150. En Galicia, ao igual que en diversos puntos do mundo, as prediccións non son esperanzadoras. Nun escenario de referencia medio-alto no que continúan as emisións de CO2 particularmente altas como na actualidade, incluídas as de aeresois, A Coruña e as Rías Baixas sufrirían un aumento do nivel do mar de 1,23 metros ata 2150.

A crise climática estase intensificando e ningunha zona do planeta vai escapar das súas consecuencias, dende o derretemento das capas de xeo e os glaciares ata o cambio no patrón de circulación das correntes mariñas. Todo isto é crucial para o aumento do nivel do mar. Bill Nelsol, especialista da NASA, explica que a medida que os países están tomando medidas para afrontar este escenario o “acceso a datos bos e claros é clave para axudar a salvar vidas e medios de substancia”. Por iso, o mapa contempla varios procesos que poden influír para que a auga do mar “coma” terra: Groenlandia, Antártida, glaciares, almacenamento de auga terrestre, movemento vertical da Terra e o nivel de mar estereodinámico. O usuario que utilice a proxección da NASA poderá escoller os datos concretos que requira e a aplicación elaborará automaticamente o informe.

Publicidade

As variables que utiliza o programa están relacionadas coa suposta temperatura media mundial do aire en superficie que haberá en 2100. Por iso, dependendo da estimación, os informes debuxan diferentes escenarios. No caso de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), supoñendo que a temperatura aumente entre 2,8 e 4,6 graos —que é a marca que define a aplicación como confianza media— para 2080 o nivel subirá medio metro. Polo menos cun 90% de probabilidade, entre 2081 e 2100 a temperatura en superficie será entre 1º e 1,8º máis alta. Neste caso, de aquí a 100 anos, o mar subiría 0,60 metros nas Rías Baixas. O escenario menos probable, que a NASA define de “confianza baixa” e que se basea nun aumento moi intenso de temperatura do aire para os vindeiros anos, adianta os acontecementos: en 25 anos o mar xa subiría 0,28 metros de altura.

Mapa de subida do nivel do mar en Vilagarcía de Arousa nun escenario de confianza media. Foto: NASA

A Unión Europea (UE) estima que o aumento medio do nivel do mar será de entre 60 e 80 centímetros a finais de século. Isto dependerá do ritmo do derretemento na capa de xeo na Antártida. Segundo datos da UE, arredor dun terzo da poboación vive a menos de 50 quilómetros da costa. A consecuencia climática en cuestión reduce a cantidade de auga doce dispoñible, favorecerá ás inundacións e erosionará as costas con consecuencias inevitables para os habitantes e os ecosistemas dos litorais. Así mesmo, medrará a salinización da auga doce, o que pode impactar directamente na agricultura e gandaría. As secuelas na biodiversidade das costas aínda están por delimitar, pero entre as hipóteses barállase a desaparición de humedais. O mapa interactivo da NASA pretende aportar información aos gobernos para que tomen medidas ante este feito innegable que é o aumento do nivel do mar e actúen canto antes nos núcleos costeiros.

Publicidade

Os informes do IPCC

Estas proxeccións barallan todo un abano de supostos climáticos. A plataforma online emite un informe detallado da ubicación a escoller a través dos datos máis actualizados do sistema climático. O IPCC elabora avaliacións a escala mundial do clima cada cinco ou sete anos dende 1988 analizando as emisións de gases de efecto inveradoiro, a temperatura do aire e do mar e o seu nivel. Estas proxeccións realízanse a partir de datos recopilados por satélites e simulacións por ordenador. “Independentemente da rapidez coa que reduzamos as nosas emisións, é probable que vexamos arredor de 15-30 centímetros de aumento do nivel do mar promedio global a mediados de século”, apuntou o doutor Bob Kopp, un dos autores principais do informe do IPCC.

O obxectivo do IPCC é a redución nun 43 % das emisións mundiais para limitar o quecemento global a 1,5 graos, en liña co Acordo de París. O 20 de marzo de 2023 o IPCC publicou o sexto informe de síntese tras oito anos de traballo sobre a avaliación do cambio climático, no que se repara especialmente na urxencia de tomar medidas efectivas. Salientou o grave impacto do efecto invernadoiro nos organismos e ecosistemas e os expertos aseguraron que, se a temperatura aumenta 1,5 graos respecto aos niveis preindutriais, as medidas futuras para combater o cambio climático non serán eficaces. As vagas de calor e as secas son indicadores de que as estacións se alteran: os veráns son máis longos, os invernos máis curtos e os patróns de precipitacións mudan, con períodos de seca máis extensos.

Estes informes proporcionan os últimos coñecementos sobre os aspectos científicos, técnicos e socioeconómicos do cambio climático. A partir de 2028 publicarase o sétimo informe do IPCC. Os países pediron a elaboración de tres documentos: o primeiro analizará a base científica física do cambio climático; o segundo, os impactos, adaptación e vulnerabilidade; o terceiro estará adicado ás medidas destinadas a mitigar o cambio climático; e o cuarto, coma tódolos anos, será un documento de síntese. Ata finais de 2029 non estarán listos todos estes traballos e para aquel entón, a ferramenta dixital da NASA deberá actualizar as súas proxeccións. De momento, os seus expertos manexan os datos suficientes para aseverar que os escenarios se volven cada vez máis sensibles ás emisións que produce diariamente o planeta.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

  1. No mapa que reproducides e que imaxino non será responsabilidade vosa, a toponimia está deturpada. A Coruña por exemplo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Máis de 700 exemplares de mosquito tigre en Galicia en só dous anos: “A súa expansión é inevitable”

O insecto volve aparecer este ano en Vigo e Moaña pero o risco para a saúde pública aínda é baixo

Pau á caza do lobo: os sete fitos dunha longa polémica que seguirá nos tribunais

Unha medida cautelar do Tribunal de Xustiza de Galicia abre un novo capítulo dunha disputa que cumpre catro anos de vaivéns

A RAGC entrega os seus premios anuais de transferencia, divulgación e xornalismo

Os avances de NeurObesity e o grupo I+D Pharma foron recoñecidos xunto ao traballo de Galiciencia e Lucía Cancela

O TSXG suspende de forma cautelar o permiso para cazar lobos aprobado pola Xunta

O alto tribunal afirma que hai “indicios consistentes” de que podería vulnerar a viabilidade das poboacións