Sábado 12 Outubro 2024

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

O ‘decaemento do ameneiro’ é unha doenza fúnxica causada por Phytophthora alni e que afecta a diferentes especies do xénero Alnus presentes en Europa. A incidencia xeneralizada desta doenza está a causar consecuencias desastrosas no eido ambiental desde hai décadas neste continente, afectando de maneira moi agresiva aos ecosistemas fluviais. A elevada mortalidade rexistrada en moitos lugares da península ibérica levou a diferentes instancias administrativas a realizar accións de restauración da cuberta vexetal dentro das que se realizaron plantacións con exemplares de ameneiros (Alnus glutinosa) procedentes de diferentes países europeos.

No ano 2017, un grupo de botánicos centroeuropeos publicaron unha revisión do xénero Alnus en Europa na que daba a coñecer a existencia de diferenzas xenéticas salientables entre os ameneiros da metade occidental da península Ibérica e o norte de África e os do resto de Europa dentro do que, ate ese momento se consideraba unha única especie, Alnus glutinosa. Estas poboacións ibéricas e norteafricanas diferenciadas foron bautizadas como Alnus lusitanica. Pouco tempo despois, no ano 2020, un grupo de investigadores de universidades do norte de España, entre os que se atopan Manuel Antonio Rodríguez Guitián, profesor da área de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, e Javier Amigo, do Departamento de Botánica adscrito ao Campus Vida de Santiago de Compostela, interviron nun estudo no que se confirmaron estas particularidades xenotípicas, logo de ampliar a área de mostraxe e o número de individuos analizados. No pasado ano, un novo traballo publicado por este grupo de investigadores aportaba información máis precisa sobre o tema e reflexionaba sobre as posibles consecuencias dun manexo non axeitado do material vexetal nos traballos de restauración ecolóxica.

Publicidade

Segundo estes autores, a perda de biodiversidade nos bosques de ribeira da franxa atlántica peninsular debido ao efecto letal que está a ter o ‘decaemento do ameneiro’ está véndose acelerada polo emprego de planta do seu conxénere europeo (Alnus glutinosa) nos procesos de repoboamento xa realizados ou que están en fase de execución. Segundo salienta Rodríguez Guitián, existe unha elevada probabilidade de que a crecente importación de material vexetal procedente doutras partes de Europa produza a medio e longo prazo unha uniformidade xenética e a desaparición das peculiaridades que, desde o punto de vista xenético, presentan as especies ou poboacións de subespecies autóctonas. Indicios na mesma dirección se teñen advertido, noutras plantas nativas presentes en Galicia, como poden ser o teixo, o castiñeiro ou a árnica, que tamén responden a xenotipos ou quimiotipos diferenciados.

Manuel Antonio Rodríguez Guitián, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Foto: USC

Doutra banda, a perda dos hábitats naturais e seminaturais propios de cada lugar, xa sexa debido á intensificación das producións, a cambios de uso do terreo ou mesmo á aplicación de políticas máis orientadas á optimización dos rendementos económicos que á conservación da diversidade vexetal, están a actuar como factores que restrinxen e diminúen a biodiversidade e, polo tanto, os seus beneficios ecosistémicos.

Publicidade

Mostra desta situación, segundo indica o profesor Rodríguez Guitián, é “a preocupante” pouca superficie cuberta por bosques en Galicia, que representaría entre o 14 e o 20% do total do territorio, segundo a fonte empregada” e a práctica ausencia daqueles que se poderían considerar coma “bosques maduros”. Cómpre lembrar, engade, que en termos de ecoloxía forestal, “os bosques e as plantacións forestais son conceptos que pouco ou nada teñen que ver, sobre todo no que atinxe á súa achega á biodiversidade”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto liderado pola USC alimentará vehículos espaciais con enerxía láser

Un equipo do CiTIUS recibe 4,7 millóns de euros de Europa para unha tecnoloxía que tamén terá aplicacións na agricultura e na industria

Unha exposición honra ao primeiro científico galego internacional

A mostra, que recolle a vida e traxectoria do Científico galego deste 2024, poderá visitarse na igrexa da Universidade de Santiago ata o 12 de novembro

Foz, Cacheira ou Estebiño: estes son os apelidos en perigo de extinción en Galicia

O proxecto da USC coordinado por Ana Boullón e Xulio Sousa establece cales son os sobrenomes con orixe galega con menos ocorrencias

‘Guerra’ biolóxica contra a velutina: pros e contras do emprego de parasitos

Un equipo da USC analiza os patóxenos da vespa asiática: “A pequena prevalencia do parasitismo podería ser clave na súa expansión”