Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. A catedral álzase sobre os límites da vista humana, cunha escasa capacidade dos transeúntes de axexar os seus tellados. As pezas da cuberta renováronse en 2021, instaláronse novas lousas de granito procedentes da canteira Miraz (Lugo) e, en menos de dous anos de exposición, desenvolveron unha notable capa negra na súa superficie. Con todo, este estrato preséntase de forma heteroxénea —algunhas lousas están completamente negras e outras non están afectadas—, o que produce un aspecto de “taboleiro de xadrez”. Un estudo recentemente publicado por membros do grupo GEMAP —Grupo de estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural— da Universidade de Santiago (USC) trata de buscar respostas para esta tendencia, un proxecto encargado dende a Catedral ao Departamento de Edafoloxía da USC.
“Quixemos adoptar esta liña de investigación porque é pedra que leva moi pouco tempo exposta ao medio nun edificio histórico e ten un patrón curioso”, sinala Elsa Fuentes Alonso, primeira autora do artigo e investigadora do grupo GEMAP. Explica que a metodoloxía basouse na análíse do substrato granítico do tellado afectado e do biofilm colonizador mediante técnicas de secuenciación masiva, resultando ser este un consorcio de microorganismos entre os que, neste caso, predominan os fungos (Lecanoromycetes), microalgas (Trebouxiophyceae), cianobacterias (Cyanobacteriia) e bacterias (Alphaproteobacteria).
Os principais resultados indican a heteroxeneidade observada no tellado é debida a pequenas variacións nas propiedades do granito que inflúen na súa bioreceptividade —a capacidade dunha superficie de ser colonizada por organismos vivos—, un indicador difícil de medir in situ.
Colonización biolóxica da catedral
A “colonización” dunha pedra é un proceso totalmente natural que comeza practicamente dende que a rocha queda exposta ao ambiente, tal e como explica Elsa Fuentes. “É algo que acontece tanto na pedra patrimonial como na natureza; non é un fallo do sistema”, sinala. Con todo, a velocidade de colonización varía dependendo das circunstancias e, neste caso, trátase dun biofilm moi precoz.
O estudo revelou que o escurecemento non era unha capa química —consecuencia da contaminación atmosférica—, senón biolóxica. Esta acumulación está formada por microorganismos embebidos nunha matriz de substancia poliméricas extracelulares (EPS), “unha especie de cemento que ten unha elevada composición de auga, polisacáridos e carbohidratos, proteínas, ácidos nucleicos, ións e minerais”, explica a experta. Este composto facilita que os organismos sobrevivan, queden adheridos ao substrato e xeren unha comunidade ecolóxica.
Pero, como chega a formarse? A través da sucesión de organismos. “A teoría científica explica que os organismos fotótrofos —aqueles capaces de captar luz e convertila en enerxía química, como as algas e as cianobacterias— serían os primeiros; despois comezarían a asentarse os heterótrofos, que se alimentarían destes entes primarios”, explica Fuentes Alonso. Outra opción alternativa, atopada noutros monumentos en cidades europas con elevada contaminación, podería ser que a polución da cidade depositara compostos de orixe orgánica sobre o sustrato, e os primeiros en asentarse foran os heterótrofos, nutridos desta.
Os microorganismos predominantes
Unha viaxe microscópica pola superficie da Catedral de Santiago permitiríanos contemplar, principalmente, catro tipos de organismos: microalgas (destacando as da clase Trebouxiophyceae), cianobacterias (clase Cyanobacteriia), bacterias (as de clase Alphaproteobacteria) e fungos (destacando os de clase Lecanoromycetes, comunmente coñecidos como liques). Con todo, non se coñece que papel exacto desempeña cada un deles no biofilm. Elsa Fuentes sinala que os organismos fotótrofos non son os principais axentes deteriorantes da pedra, sendo ademais organismos con capacidade para producir O₂ durante a fotosíntese. Porén, como calquera organismo que respira, tamén producen CO₂, que pode disolverse na auga presente na superficie pétrea e favorecer a acidificación do microambiente.
“O da catedral é un biofilm que se formou en dous anos e presenta unha imaxe recente dos primeiros organismos; aínda non hai biodeterioración física ou química da pedra, pero esteticamente non gusta”, explica a investigadora da USC, ademais de que pode favorecer que a pedra se manteña húmida durante máis tempo, o que levaría a promover a perda, o que, en consecuencia, propicia o establecemento de novos organismos.
O porqué do taboleiro de xadrez
A pesar de proceder da mesma canteira lucense, as lousas presentan diferentes graos de colonización. “Sempre existe unha variabilidade natural e desexable nas rochas, e depende de numerosos factores”, sinala a investigadora. Entre estes parámetros están a profundidade de corte —a rocha de canteira superficial deteriorarase de forma natural—, as variacións na masa de pedra ou a orientación de corte. Unha vez expostas no edificio patrimonial, inflúen a porosidade da pedra —e, por tanto, na retención da auga— e a rugosidade —se é moi lisa, os organismos non terán capacidade de quedar retidos—. “Canta máis auga, máis posibilidades de crecemento dos fotótrofos; cunha maior porosidade, a pedra colonizarase antes”, explica.
Con todo, a permeabilidade e a dureza son os dous factores que se empregan para estudar a susceptibilidade á colonización das pedras cando xa están instaladas nun monumento como a catedral: “A dureza, xunto coa permeabilidade, permiten saber canto de susceptible é unha pedra á colonización: unha pedra máis branda normalmente é unha pedra cunha maior porosidade”, sinala Elsa Fuentes.
Poden traer consecuencias?
Segundo a investigadora da USC, existe debate arredor de cales poden ser as consecuencias do biofilm sobre a pedra: “Dependendo da natureza dos organismos, pódese acelerar a deterioración da rocha; a priori, a resposta principal é a biodeterioración”. Súmanse condicións como chuvia, sol e vento. Agora aparece o equilibrio de que eliminar o biofilm depende dos habitantes do tellado. Tamén aparece a estética na ecuación: “É unha lousa nova, pero as anteriores tamén estaban colonizadas; é un proceso inevitable, especialmente nun clima como o de Galicia”, subliña. De feito, Elsa Fuentes informa de que a liña de investigación está a derivar na análise da biodeterioración nun contexto de cambio climático, pois, tal e como explica, as condicións cambian e o asentamento de organismos tamén.
Unha das conclusións principais da investigación é que avaliar a bioreceptividade da pedra antes da restauración pode reducir os custes e as tarefas de mantemento. Con todo, “é complicado predicir, porque depende de moitas características como os ciclos ao longo do ano”, sinala, pois é un proceso máis lento en verán, mentres que o inverno facilita o asentamento.
“Pode chegar a haber riqueza nestas comunidades e existe unha valoración positiva da colonización; a visión dos piques colonizadores de pedra está a cambiar nas últimas décadas”, subliña Elsa Fuentes. E así, mentres continúan a investigar o valor dos biofilms dende a USC, especies de fungos, bacterias, algas e cianobacterias seguen a descansar no tellado da catedral, sobre o Obradoiro.
Referencia: The role of bioreceptivity in material selection for cultural heritage restoration: A case study of the granitic roof of Santiago de Compostela Cathedral (NW Spain) (Publicado en Journal of Building Engineering)














