A chuvia de estrelas das Oriónidas alcanza o seu pico de actividade: guía para observalas dende Galicia

Os meteoros, orixinados nos restos do cometa Halley, poderán deixar ata 20 corpos celestes por hora entre o 21 e 22 de outubro

Os días marcados no calendario astronómico sinalan o pico de actividade das Oriónidas, os meteoros orixinados polas partículas de po do cometa Halley, na madrugada do 21 ao 22 de outubro. Neste período temporal poderanse ver ata 20 meteoros por hora que viaxan a máis de 66 quilómetros por segundo. A pesar de que están activas dende o 2 de outubro ata o 7 de novembro, a súa procedencia e actividade convértenas nunha das principais chuvias de estrelas do ano. Como norma xeral, pódense contemplar dende Galicia, pero o tempo e a fase luar non o porán fácil.

MeteoGalicia informa de ceos nubosos e chuvias en toda a comunidade na noite do mércores 21 de outubro, unhas condicións meteorolóxicas que se manterán durante a mañá do xoves, sobre todo no norte da comunidade. Cara ao leste, os ceos estarán máis despexados, o que poderá brindar a oportunidade de observar as Oriónidas. O máximo tamén coincide con Lúa crecente, que iluminará o ceo boa parte da noite. Para conseguir mellores resultados, quen queira contemplar este espectáculo astronómico terá que agardar ata as horas previas ao amencer, despois de que se oculte a Lúa e antes de que o Sol comece a saír.

Publicidade

Con todo, esta chuvia de estrelas pode manter unha actividade considerable durante varios días antes e despois do máximo, e mesmo fóra del. Por iso, tendo en conta o parte meteorolóxico, será posible observalos nunha das madrugada próxima ao pico.

O cometa Halley

O cometa 1P/Halley ten un período curto, pois completa a órbita arredor do Sol aproximadamente cada 76 anos —o seu próximo regreso ao sistema solar interior será en 2061—. Ao seu paso deixa correntes de po e pequenas partícula e, dúas veces ao ano, a Terra atravesa zonas destes restos, dando lugar ás Oriónidas en outubro e ás Eta Acuáridas en maio. Cando as partículas entran na atmosfera terrestre a gran velocidade, quéntanse e producen os trazos luminosos, as estrelas fugaces. Así, que viaxen a 66 km/s indica que moitas delas son rápidas, delgadas e, en ocasións, deixan trazos persistentes ou fragméntanse en pleno voo, xerando pequenos escintileos.

Publicidade

Que precisas para velas?

As Oriónidas son visibles dende ambos os hemisferios, pero existe unha condición para poder observalas: débense buscar os meteoros a unha distancia de entre 45 e 90 graos do radiante, situado na constelación de Orión. Ademais, como toda chuvia de estrelas, existen unha serie de recomendacións para poder observalas con máis claridade.

—Buscar un enclave con ceo escuro, afastado das luces da cidade.

—Ter paciencia: a rapidez das Oriónidas pode deixar estelas que duran varios segundos ou mesmo minutos. Os ollos deben adaptarse á escuridade durante uns 20 minutos.

—Non mirar directamente ao radiante: podes atopar estrelas en calquera parte do ceo.

—Non empregar instrumentos ópticos: os prismáticos e telescopios reducen o campo de visión.

—Levar bebidas quentes e roupa de abrigo: este espectáculo acontece de madrugada, polo que serán necesarias mantas, cadeiras e mesmo un termo con bebida quente.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O futuro dos medios galegos, a debate: máis de 300 estudantes participan en encontros con profesionais

GCiencia toma parte no acto organizado pola AMEGA, que se celebrou na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo

Galicia ampliará de xeito progresivo o cribado de cancro de mama a mulleres de entre 45 e 74 anos

Ao longo do ano 2027 serán invitadas por primeira vez a participar no programa as persoas usuarias nadas nos anos 1982 e 1977

A calor dispara a contaminación por ozono en Galicia ao seu nivel máis alto dende 2019

Un informe anual de Ecoloxistas en Acción alerta de episodios que superaron o limiar de información en Vigo e As Pontes

Unha intervención arqueolóxica na Illa de Ons revela novos restos castrexos

O descubrimento produciuse fóra da muralla do castro do Castelo dos Mouros, onde ata agora só se atoparan elementos romanos