Guía para observar dende Galicia a choiva de estrelas das Eta Acuáridas

O fenómeno acadará o seu punto álxido o 5 de maio, pero a luminosidade do satélite terrestre e as condicións meteorolóxicas poden dificultar a súa contemplación

O calendario astronómico de 2026 xa se aproxima á seguinte cita marcada polos amantes do cosmos: a choiva de estrelas das Eta Acuáridas. Este fenómeno, visible cada ano entre o 19 de abril e o 28 de maio, terá o seu momento de máxima actividade na noite do 5 ao 6 de maio. Segundo informa o Observatorio Astronómico Nacional, estas estrelas fugaces son especialmente recoñecidas pola súa alta velocidade, acadando uns 66 quilómetros por segundo ao entrar en contacto coa atmosfera terrestre.

Unha previsión meteorolóxica complicada

Para este 2026, as condicións de visibilidade presentan certos desafíos. Por un lado, eltiempo.es prevé ceos cubertos en Galicia durante a noite do evento, aínda que este prognóstico podería cambiar durante os próximos días. Polo outro, o máximo da choiva coincidirá cunha Lúa en fase xibosa minguante (é dicir, estará no periodo inmediatamente posterior á Lúa chea). A iluminación estimada será do 82%, o que dificultará a observación dos meteoros máis tenues. Dende o observatorio fan fincapé nas medidas que poden axudar a ver este espectáculo: débense buscar as zonas máis escuras do ceo e orientar a mirada na dirección oposta ao satélite para minimizar o seu impacto visual.

Publicidade

Aínda que as Eta Acuáridas son máis xenerosas nas latitudes tropicais e no hemisferio sur, en Galicia tamén poderán ser observadas. Para quen se atope en latitudes arredor dos 40 graos norte, o radiante —isto é, o punto do ceo de onde parecen xurdir os meteoros— situarase sobre o horizonte en torno a catro horas despois do solpor: dende ese punto ata o amencer será o mellor momento para mirar cara a arriba.

Halley, o responsable das Eta Acuáridas

A orixe deste espectáculo visual atópase no famoso cometa 1/P Halley. Aínda que non visita as proximidades da Terra máis que cada 76 anos, sendo a última vez en 1986, xa existe un rastro de fragmentos que se desprenderon do astro na súa viaxe espacial. Cada primavera, o planeta atravesa este anel de refugallos cósmicos e a fricción ao chocar co aire provoca que os meteoroides se calcinen, creando así os escintileos luminosos que se coñecen como chuvia de estrelas.

Publicidade

O cometa Halley non só é o responsable deste evento primaveral: a mesma acumulación de po cósmico que agora atravesa o noso planeta volverá dar outra cita no outono coas Oriónidas, tamén altamente veloces que acadan o seu máximo cara ao 21 de outubro. Así e  todo, non será necesario agardar tanto para volver ver o ceo salpicado de feixes de luz: en xullo terán lugar as Delta Acuáridas e, un pouco despois, as Perseidas, a choiva de meteoros máis aclamada no verán galego.

Algúns consellos de observación

As Eta Acuáridas —que reciben o seu nome da estrela Eta da constelación de Acuario, onde se localiza o seu radiante— presentan unha actividade sostida de meteoros maioritariamente débiles. Prevese unha taxa de actividade que oscila entre os 40 e os 85 meteoros por hora en condicións ideais.

Para desfrutar da experiencia non se require o uso de telescopios nin prismáticos, que, de feito, poden limitar o campo de visión. O consello do observatorio é buscar un lugar despexado de obstáculos como edificios ou árbores e con pouca contaminación luminosa. O xeito máis cómodo de observalas é tombarse no chan e permitir que a vista se acostume á escuridade durante uns minutos, sen mirar o teléfono móbil ou outras fontes de luz, e deixar que o ceo nocturno faga o resto do traballo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volven as Líridas, unha das chuvias de estrelas máis antigas rexistradas

As previsións de ceos cubertos e choivas dificultarán a observación deste fenómeno.

Guía para non perder a chuvia de estrelas das Xemínidas en Galicia

O pico de actividade chegará con máis de 120 meteoros por hora e alcanzará o seu pico entre a noite do 13 e a madrugada do 14, con ceos despexados na maior parte do territorio

Guía para non perder os grandes eventos astronómicos de maio dende Galicia

O paso de Marte polo 'Enxame' e as choivas de meteoros das Eta Aquaridas son os principais fenómenos do mes

Eclipses de lúa, de sol e chuvias de estrelas: os eventos astronómicos de 2025 en Galicia

O ano arrincou cunha aurora boreal e continuará co escurecemento total da lúa en marzo que se poderá observar a simple vista