Volven as Líridas, unha das chuvias de estrelas máis antigas rexistradas

As previsións de ceos cubertos e choivas dificultarán a observación deste fenómeno

Este mércores 22, a noite estará coroada polas Líridas, a primeira cita da primavera para os amantes do ceo. Esta chuvia de estrelas é visible tanto dende o hemisferio norte como, en menor medida, no sur, entre o 16 e o 25 de abril. Trátase do primeiro grande espectáculo de estrelas fugaces en case dous meses, dende a visita das Cuadrántidas a comezos de xaneiro.

O punto álxido desta cita astronómica será durante a noite do mércores 22 ás 21:40, hora peninsular española. As previsións meteorolóxicas non acompañan os afeccionados da observación das estrelas: agárdanse ceos cubertos, e ata choivas, na maior parte do territorio galego. A Lúa atoparase en cuarto crecente e estará situada nunha zona do ceo oposta á radiante (o punto do que parecen xurdir os meteoros). Resulta habitual que o evento reciba o nome da súa radiante. Neste caso, a denominación das Líridas provén da Constelación de Lira.

Publicidade

Un fenómeno con milenios de historia

As Líridas veñen producidas polos fragmentos que se desprenderon de Thatcher (C/1861 G1), un cometa que completa unha órbita ao Sol unha vez cada 415 anos. Cando se aproxima ao astro, a calor sublima o xeo do seu núcleo, o que impulsa a liberación de po e refugallos rochosos que quedan suspendidos no espazo. Cando estes meteoroides entran en contacto coa atmosfera da Terra, a fricción co aire provoca a súa combustión e, en consecuencia, ocasiona un resplandor luminoso que conforma a choiva de estrelas.

O Observatorio Astronómico Nacional sinala que as Líridas contan cunha actividade media de 20 meteoros por hora e unha velocidade de 49 km/s. En edicións anteriores, esta choiva acadou a centena de meteoros por hora; porén, non se prevé que este ano se una a unha desas ocasións destacadas.

Publicidade

Este acontecemento astronómico non é novo: xa existen referencias que aluden ás Líridas hai 2600 anos, no libro de crónicas Zuo Zhuan, datadas do 687 a.C. Considérase unha das chuvias de estrelas máis antigas das que se teñen rexistros.

Consellos para unha mellor observación

Se ben é certo que se trata dun evento modesto en relación a outros, como o das Perseidas, garantir unha boa observación pode aumentar a probabilidade de ver máis destes destellos e, con iso, facer a experiencia moito máis memorable.

As recomendacións habituais son aplicables tamén nesta ocasión: debe buscarse un lugar co ceo escuro, afastado de grandes fontes lumínicas e co menor número posible de elementos —edificios, árbores, montañas, etc.— que obstrúan a visibilidade. Deberán priorizarse os lugares con horizontes despexados.

Será prefirible dirixir a mirada cara ás áreas máis escuras do firmamento, en concreto no sentido contrario á posición da Lúa, e, cando se poida, situarse nun espazo onde algún obstáculo obstrúa a claridade do astro. Tamén é importante acostumarse á falta de luz durante varios minutos e evitar encender a pantalla do teléfono para manter a maior escuridade posible.

Este evento precede a temporada alta de choivas de meteoros, que culmina coas Perseidas no verán. A próxima cita para os seguidores das citas meteoríticas será o 6 de maio, coas Eta Acuáridas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual