A Casa das Ciencias da Coruña instala unha cámara para rexistrar meteoros

Co gallo do Día Internacional dos Asteroides, o museo inicia unha colaboración co proxecto de observación SMART, dirixido polo astrofísico José María Madiedo

O 30 de xuño de 1908 produciuse o coñecido como evento de Tunguska. Unha enorme detonación, producida moi probablemente por un meteoro, arrasou unha área de 2.000 quilómetros cadrados nesta zona da Siberia central. Hai reportes do suceso a centos de quilómetros de distancia. Pero o misterio persiste 113 anos despois: non se atopou ningún cráter, polo que se cre que detonou no aire ou mesmo rozou a atmosfera sen chegar a tocar na Terra. Aquela data aprovéitase desde 2016 para conmemorar o Día Internacional dos Asteroides, co que as Nacións Unidas pretenden concienciar á cidadanía sobre o risco de impacto dos obxectos procedentes do espazo. E desde a Casa das Ciencias da Coruña vai celebrarse a efeméride coa instalación dunha cámara de rexistro de meteoros na cúpula do Planetario.

Con este aparello, o museo coruñés inicia unha colaboración co Proxecto SMART, dirixido polo astrofísico José María Madiedo, do Instituto Astrofísico de Andalucía (IAA-CSIC). Esta iniciativa, integrada na Rede de Bólidos e Meteoros do Suroeste de Europa, persegue a detección dos meteoroides que impactan na atmosfera, determinando a súa traxectoria, órbita e procedencia, a composición química e outros parámetros físicos. Ademais, no hipotético caso de que que os obxectos sobrevivan ao paso pola atmosfera, pode axudar á recuperación dos fragmentos para a súa análise.

Publicidade

O Proxecto SMART, no que están integrados planetarios, observatorios e moitas outras institucións con máis de 90 dispositivos de detección, permitirá cuantificar o número de meteoros que entren na atmosfera terrestre así como correntes meteóricas que a Terra atravesa. Os datos tamén se coordinarán cos da rede MIDAS, que rexistra os impactos de meteoritos na rexión non iluminada pero visible da Lúa.

Estas redes, segundo destacan desde a Casa das Ciencias, “son de gran utilidade para calcular o risco de impacto da Terra cun asteroide, un risco real que no pasado demostraron as colisións dos bólidos de Cheliábinsk ou Tunguska, en Rusia”.

Publicidade

Para a instalación e distribución dos datos obtidos, os Museos Científicos Coruñeses contaron coa colaboración desinteresada do astrofísico e divulgador científico Borja Tosar, colaborador habitual do Planetario da Casa das Ciencias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os Museos Científicos Coruñeses celebran este sábado unha xornada de portas abertas

A Casa das Ciencias, o Aquarium Finisterrae e a Domus festexan o Día dos Museos con entrada libre e gratuíta ás súas salas e actividades

Chega a chuvia de estrelas das Líridas: cando e como poderás vela dende Galicia

A previsión de choivas complica a visibilidade do fenómeno astronómico que comeza o 17 de abril e remata o 26

Chega o pico das Xemínidas: onde e como ver a maior chuvia de estrelas en Galicia

O fenómeno astronómico terá o seu punto álxido de actividade durante esta fin de semana, cun máximo de 150 meteoros por hora

Os Museos Científicos Coruñeses celebran a Semana da Ciencia con entradas gratuítas

A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae permitirán o acceso sen custo ás súas instalacións dende o 9 ao 17 de novembro