Após as Perseidas en agosto, aproxímase o momento de desfrutar doutra gran chuvia de estrelas, desas que iluminan o ceo: as Xemínidas. Malia que este fenómeno astronómico mantense activo dende o pasado día 4 de decembro será durante esta fin de semana cando chegue ao seu punto álxido, cunha taxa de ata 150 meteoros por hora. Con todo, este 2024 considérase “un mal ano para a súa observación”, xa que as nubes e a lúa tampouco axudarán moito neste aspecto.
Unha chuvia de meteoros orixínase cando unha gran cantidade de partículas de materia impactan na atmosfera terrestre, normalmente asociadas a cometas, pero no caso das Xemínidas non é así. A súa procedencia foi sempre un gran misterio, xa que non se coñecía un cometa periódico que se puidese asociar a este fenómeno. Non foi ata 1983 cando se descubriu o asteroide Faetón e, estudando a súa órbita, concluíse que era o responsable das Xemínidas.
Período álxido de actividade
Esta chuvia de estrelas recibe o seu nome pola localización do seu radiante –punto do ceo dende onde semellan vir os meteoros–, que neste caso é sobre a constelación xémini (os Xemelgos). “Aparece no firmamento galego en torno ás 22 horas”, apunta o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago, José Ángel Docobo.
Cun período que vai dende o pasado día 4 ata o próximo 17 de decembro, o seu pico de actividade terá lugar na noite do venres 13 ao sábado 14 de decembro. Concretamente, “prevese que sexa arredor das dúas da madrugada”, matiza o director.
Neste espazo de tempo prevese ver, cunhas condicións de visibilidade óptimas, ata un máximo de 150 meteoros por hora, segundo o Observatorio Astronómico Nacional (OAN). Este dato converte as Xemínidas, xunto coas Cuadrántidas, na chuvia de estrelas con máis actividade. As Perseidas ocuparían o terceiro lugar nesta clasificación, acorde á información do observatorio nacional. Ademais, a velocidade de choque contra a atmosfera, de 35 quilómetros por segundo, fará que os meteoros sexan visibles durante varios segundos, o que creará longas e brillantes estelas.
Noite nubrada en Galicia
Así a todo, este ano non se darán os mellores requisitos para poder observar as Xemínidas. O punto máximo de actividade será un día despois da lúa chea, o que aumentará a iluminación do ceo, facendo máis complicado ver os meteoros menos intensos.
Amais, Galicia contará con “bastante nubosidade durante esa noite“, indican dende Meteogalicia. Concretamente, a provincia de Pontevedra e o sur de Ourense terán os seus ceos practicamente cubertos durante este período, mentres que as zonas da Coruña, Ferrol e A Mariña estarán máis despexadas, especialmente nas primeiras horas tralo ocaso.
Os expertos recomendan afastarse da contaminación luminosa, situándose en áreas afastadas de núcleos urbanos, nun alto con horizonte amplo e sen obstáculos que impidan ver por completo o firmamento. Antes de observar as estrelas é conveniente acostumar a vista á escuridade, polo que é bo deixar as pantallas durante un espazo longo de tempo e permitir que os ollos se adapten.
Para poder maximizar as posibilidades de observación en Galicia, “o ideal é estar deitado mirando cara ao leste nas primeiras horas da noite e de xeito cenital preto do punto álxido da chuvia de estrelas”, explica Docobo. Recoméndase ir ben preparado para realizar esta actividade, xa que a noite será moi fría no territorio galego, con mínimas que estarán próximas aos cero graos no interior da Coruña, en Lugo e Ourense. Incluso poderán chegar ata menos dous graos no suroeste da provincia das burgas.