Marzo de 2020. Un virus descoñecido confina a poboación. Non se pode saír da casa máis alá do estritamente necesario. Nin sequera se pode acudir ao médico se non é por unha urxencia. Sentes estrés e ansiedade ante a incerteza do futuro, talvez do teu traballo ou incluso da túa saúde. O doutor dáche un ansiolítico a través dunha chamada. Non hai máis marxe de manobra. Talvez o confinamento, o illamento e a presión do sistema sanitario durante a pandemia, ao só poder recorrer á teleasistencia médica, influíron no aumento do consumo de hipnosedantes en Galicia. Esa é unha das teses que defende Nerea Mouriño, primeira autora do estudo da Universidade de Santiago (USC) que sitúa Galicia como a comunidade autónoma con maior uso de ansiolíticos, sedantes e hipnóticos en 2022.
Detrás das cifras de consumo destes fármacos, cunha prevalencia do 14,1% fronte ao 9,7% da media española, hai moitos outros factores. Un dos que poderían estar detrás do significativo incremento —triplicouse o seu uso entre 2005 e 2022— é a pandemia. “Houbo un cambio moi drástico no día a día. Moita xente sufriu de estrés e ansiedade pero só había teleasistencia en atención primaria. Non podían acudir a ningún especialista”, explica Mouriño. A fenda que abriu o confinamento entre o paciente e o doutor talvez provocou que non se afondase correctamente nas causas deses trastornos. “Temos que saber cal é o motivo do estrés ou da ansiedade antes de prescribir esa medicación. Ás veces é suficiente con exercicio físico e unha mellor organización e hixiene do sono”, indica a investigadora, actualmente docente na Escola Universitaria de Enfermaría da Coruña.
A terapia psicolóxica, unha alternativa que depende do teu peto
Mouriño explica que hai persoas que poden acudir a terapia psicolóxica e sufragala cos seus cartos, pero hai quen non pode permitirse o gasto que iso supón. Por tanto acoden aos fármacos, que son máis económicos, e exercen esa función que o paciente ve como urxente e necesaria: calmar a ansiedade. “É importantísimo que haxa máis psicólogos dentro da sanidade pública. Moita xente non pode permitir pagar a terapia privada”, incide a Mouriño, que continúa colaborando co grupo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago (USC) co que publicou o artigo en Gaceta sanitaria.
Un sistema sanitario presionado (e os seus profesionais)
Outro dos aspectos que resalta Mouriño á hora de explicar o aumento no consumo de hipnosedantes é a presión sobre o sistema sanitario. “O primeiro debería ser buscar outras alternativas para resolver a situación. Hai pacientes que piden directamente a prescrición de hipnosedantes e en moitos servizos privados concédese para contentalos”, sostén a docente. Pero isto é unha práctica moi grave dada a dependencia que poden xerar estes fármacos. “É importante que se prescriban hipnosedantes sempre e cando se valore primeiro a causa e o motivo e, despois, haxa un control e unha revisión periódica do paciente”, apunta.
Máis alá dos servizos privados, Mouriño pon o foco na elevada presión do sistema sanitario público. A investigadora denuncia a situación que viven moitos médicos de atención primaria, cunha elevadísima ratio de pacientes que impide tratar cada caso coa minuciosidade requerida. “É imposible abordar e escoitar con suficiente atención o teu doente se tes outros 50 esperando e un tempo limitado para atendelos”, lamenta a doutora da USC. Mouriño incide en que se precisa unha mellora urxente da atención primaria para evitar as repercusións negativas que recaen sobre as dúas partes: o paciente e o profesional sanitario. Polo tanto, a falta de tempo obriga, ás veces, a acudir á solución máis rápida, sen que esa sexa necesariamente a mellor.

Control da medicación
Como alternativa, Mouriño aposta por fomentar a asistencia á terapia psicolóxica e a un aumento destes profesionais na sanidade pública. Cre que isto é básico para cambiar hábitos que poden estar retroalimentando a ansiedade, o insomnio e o estrés do paciente. Por exemplo, realizar máis actividade física, alimentarse ben, durmir o suficiente e aprender a organizarse mellor. A alternativa son os hipnosedantes, que deben administrarse cando son necesarios, pero tendo sempre en conta os efectos secundarios. “Se non se leva un control desta medicación acábanse consumindo de por vida porque os pacientes xa non son capaces de deixala. Xera moita depencia”, lamenta Mouriño.
As mulleres
Con todo, hai grupos que consomen máis hipnosedantes ca outros. Segundo o estudo asinado polas investigadoras da USC, a prevalencia de uso é un 65% maior nas mulleres ca nos homes. Detrás desta cifra tan elevada agóchanse algunhas hipóteses como as que ofrece Mouriño: “Elas expresan mellor os seus problemas de saúde mental, que adoitan ser máis tabú para o sexo masculino“. O estudo recolle que o enfoque terapéutico nas pacientes céntrase máis en aspectos psicolóxicos, mentres que neles concéntrase nas causas físicas do seu malestar.
De igual modo que acontece coas mulleres, o grupo etario de 15 a 24 anos está a experimentar un aumento na prevalencia de consumo de hipnosedantes. Mouriño cre que isto tamén está moi relacionado co acontecido durante a pandemia: “Pasaron moito tempo confinados, cambiou o sistema de docencia e tiveron que recuperar a vida social. Todo isto afecta o estado anímico e xera máis estrés. A xente máis nova pode sentirse máis presionada polo rendemento académico“. Amais disto, estase vendo un aumento entre a mocidade do consumo de substancias como o tabaco e o cánnabis, que ao mesmo tempo son un factor de risco para a ansiedade e o insomnio. En resumidas contas: para o consumo de hipnosedantes.
Unha poboación envellecida
A todo isto hai que engadir que a poboación galega lidera a lista. Talvez porque ten unha poboación máis envellecida. “En 2020, unha enquisa europea sobre a saúde en España sinalaba que Galicia estaba entre as tres comunidades autónomas con máis prevalencia de depresión xunto a Asturias e Castela e León, que tamén teñen unha poboación envellecida. Está demostrado que o consumo de hipnosedantes aumenta coa idade”, di Mouriño, quen expón unha situación tan preocupante como multifactorial. Galicia lidera o consumo de hipnosedantes, ás veces necesarios, pero con moitos efectos secundarios. E o estudo da USC convida a reflexionar que se está a facer mal. Ou, noutras palabras, que é o que se podería facer mellor.
Referencia: Consumo de hipnosedantes en España: caracterización e tendencias temporais, 2005-2022 (Publicado en Gaceta sanitaria)















