Os galegos lideran o uso de ansiolíticos, sedantes e hipnóticos tras triplicar o seu consumo

Un estudo da USC atribúe a elevada utilización de hipnosedantes en Galicia ao avellentamento e ás altas taxas de depresión e ansiedade

Un lorazepam para durmir mellor despois dun día de moito estrés no traballo. Un alprazolam para calmar un ataque de pánico no medio da rúa. Ou un diazepam para tratar a contractura das cervicais que che provocou a ansiedade das últimas semanas. Talvez che soen máis as marcas Orfidal, Trankimazim e Valium. Independentemente do seu nome, todos son fármacos hipnosedantes, dado que engloban ansiolíticos, sedantes e hipnóticos, e empréganse para tratar trastornos de ansiedade e insomnio. Un recente estudo publicado pola Universidade de Santiago (USC) revela que os galegos, e particularmente as galegas, lideraron o seu consumo en 2022 cunha prevalencia do 14,1%, máis de catro puntos por enriba da media española (9,7%).

A investigación, publicada na revista Gaceta sanitaria, analiza os datos da Enquisa Española de Consumo de Alcol e Outras Drogas (EDADES) de 2022. As autoras, despois da análise dos datos, non só corroboraron que os galegos lideran o consumo de hipnosedantes en España, senón que o triplicaron no período a estudo. En 2005, ano no que comeza a análise, a prevalencia era dun 4,6%. En 2022, 17 anos despois, sitúase no 14,1%. As seguintes no ránking son Canarias (13,6%) e Andalucía (12,5%), mentres que Madrid está no último posto: cunha prevalencia dun 5,2%, é a comunidade autónoma con menor consumo de hipnosedantes.

Cales son as causas?

Hai varias causas detrás do significativo incremento do uso deste tipo de fármacos tanto en España como en Galicia. Segundo o estudo elaborado polo departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC en colaboración co CIBER de Epidemioloxía e Saúde Pública (CIBERESP) e o Instituto de Investigación Sanitaeia de Santiago (IDIS), a pandemia marcou un antes e un despois no diagnóstico de trastornos de ansiedade e depresión. A crise sanitaria provocada pola covid provocou “un aumento significativo” de problemas de saúde mental. En concreto, segundo unha metaanálise mencionada no estudo, en 2020 aumentou un 25,6% a ansiedade e un 27,6% a de depresión maior en todo o mundo.

Pese ao condicionante innegable que supuxo a pandemia, en 2019 España xa era o terceiro país do mundo con maior consumo de psicofármacos. Polo tanto, detrás das elevadas cifras do uso de hipnosedantes hai outros factores máis alá da crise sanitaria. Entre os que mencionan as autoras da USC están o desemprego, a precariedade laboral, o fácil acceso a este tipo de fármacos —consumidos con ou sen receita médica— e o uso de substancias como o tabaco e o cánnabis, que aumentan a probabilidade de consumir hipnosedantes.

No que respecta á elevada prevalencia en Galicia, amais dos factores xenéricos e atribuíbles ao resto de comunidades autónomas, as autoras da USC apuntan ao envellecemento da poboación: o consumo de hipnosedantes aumenta coa idade. Así mesmo, Galicia é unha das comunidades con maior prevalencia de ansiedade e depresión, polo que estas taxas avalan que se receiten, tamén, máis fármacos para tratalas.

Incremento significativo entre os 15 e os 24 anos

Independentemente do avellentamento, e xa dende un punto de vista máis global, un dos aspectos máis salientables do estudo é o aumento significativo do consumo destes fármacos na poboación de entre 15 e 24 anos. “En 2021, aproximadamente o 20% dos estudantes españois probaran os hipnosedantes”, indica o estudo. As autoras cren que os motivos detrás deste preocupante incremento na poboación máis nova son a presión académica, que deriva en estrés; os problemas coa imaxe corporal; así como as incertezas económicas e sobre o futuro.

Con todo, hai outra causa especialmente rechamante: “A accesibilidade aos hipnosedantes no fogar tamén pode desempeñar un papel crucial no consumo. Os pais, especialmente as nais, poden ofrecelos para aliviar a angustia dos seus fillos, sen ser conscientes dos perigos asociados”. Amais disto, as autoras salientan na investigación que hai varios estudos que relacionan o uso destes fármacos entre os 15 e os 24 anos con determinantes sociais como, por exemplo, un menor nivel educativo dos proxenitores.

Se es muller, consomes máis

“A prevalencia de consumo de hipnosedantes nas mulleres é un 65% maior que nos homes”. Así de contundente é o estudo, que non deixa lugar a dúbidas: elas usan máis ansiolíticos, hipnóticos e sedantes para tratar a ansiedade e o insomnio. Mais detrás desta cifra tamén hai unha explicación. Hai unha maior incidencia de diagnósticos de ansiedade e depresión en mulleres, están máis predispostas a buscar axuda profesional e adoitan estar máis concienciadas sobre a saúde mental que os homes.

Pero máis alá deses factores, a forma na que se abordan os problemas da saúde mental tamén pode estar detrás destas elevadísimas cifras de consumo de hipnosedantes en mulleres. “A veces, o enfoque terapéutico coas pacientes céntrase máis nos aspectos psicolóxicos que nas causas físicas dos seus síntomas, a diferenza dos homes”, sinalan as autoras. Polo tanto, comprender por que hai unha incidencia tan elevada nas mulleres é fundamental para elaborar estratexias de prevención tan dirixidas como eficaces.

A investigación subliña a necesidade de seguir investigando para chegar ás causas da situación, dado que o incremento significativo do uso de hipnosedantes non só se percibe nas mulleres de maior idade, senón tamén nas máis novas. É dicir, entre os 15 a 24 anos. As autoras consideran que se está a producir un “aumento preocupante do consumo entre as mulleres na adolescencia e nos principios da vintena”, sen que o estudo afonde en cales son as causas.

Outros grupos de risco

Ademais dos grupos de maior idade e das mulleres, as persoas desempregadas ou economicamente inactivas, as que teñen un nivel de educación básico ou medio, os que non viven nin en parella nin en familia, os cidadáns españois e os consumidores de tabaco e cánnabis son os grupos con maiores probabilidades de consumir hipnosedantes. As autores poñen o foco na gravidade dun uso crecente e elevado deste tipo de fármacos, dados os seus efectos secundarios. Entre eles, un maior risco de adicción e de mortalidade se se combina con outras drogas, intentos de suicidio, así como comportamentos máis agresivos e antisociais.

Máis alá dos efectos secundarios da propia medicación, as autoras da USC inciden no custo social e sanitario que supón un consumo excesivo, e a veces non tan necesario, deste tipo de fármacos: “Agrava as desigualdades en saúde mental e tamén supón un desafío para a sostibilidade do sistema”. Precisamente por iso avogan por unha colaboración entre as distintas autoridades e profesionais sanitarios que permitan abordar a saúde mental da mellor maneira posible. E, ante todo, subliñan a necesidade “dunha atención adecuada e dunha prescrición responsable”.


Referencia: Consumo de hipnosedantes en España: caracterización e tendencias temporais, 2005-2022 (Publicado en Gaceta sanitaria)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Preocupación polos varamentos en Galicia: “A toniña podería extinguirse en 20 anos”

O CEMMA alerta do crecemento exponencial nos últimos anos de animais mariños que chegan ás costas galegas mortos ou en mal estado

Un proxecto da UVigo avanza nunha tecnoloxía máis intelixente para protexer a saúde humana

Un equipo atlanTTic desenvolve unha nova xeración de dispositivos máis sensorizados que poidan adaptarse mellor ás persoas para unha relación "máis natural"

Os incendios forestais xorden cada vez máis preto das casas no norte de España

Un estudo da USC analiza a tendencia e características de máis de 100.000 lumes entre os anos 2007 e 2015 no país e en California

Un estudo con selo galego atopa unha proteína clave para “queimar” graxa

Unha investigación en ratos, na que participa Cintia Folgueira, identifica unha prometedora diana terapéutica contra a obesidade