Un novo estudo do grupo Xenética Psiquiátrica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) revela patróns xenéticos compartidos e diferenciais entre oito trastornos mentais. A investigación, que acaba de ser publicada na revista General Psychiatry, aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría, ao aplicar un método matemático baseado na descomposición de valores singulares (SVD) a partir dos datos dos maiores estudos xenómicos dispoñibles para trastornos psiquiátricos. O traballo do IDIS analizou a base xenética compartida da depresión, a esquizofrenia, o trastorno bipolar, o trastorno por tensión traumática, o TDAH, o autismo, a anorexia nerviosa e a dependencia de cánnabis para identificar dimensións xenéticas ocultas que expliquen por que comparten parte do seu risco.
Cambio de método
Desde o punto de vista xenético, a relación xerarquizada entre trastornos adoita estudarse empregando un método estatístico específico, genomic Structural Equation Modelling (gSEM), que precisa de hipóteses previas sobre a estrutura da psicopatoloxía. “No noso traballo tratamos de analizala dende unha perspectiva distinta, empregando un método estatístico guiado polos datos, que xera hipóteses en función da estrutura da información no canto de basearse nunha hipótese previa. Polo tanto, é un método complementario a gSEM”, explica o líder do grupo, Javier Costas, quen asina o estudo xunto a Fernando Facal e Ana M. Pérez Gutiérrez.
”A diferenza doutros enfoques, que parten de hipóteses previas sobre como se relacionan os trastornos, o método utilizado neste traballo é completamente guiado polos datos e permite descubrir patróns xenéticos compartidos e diferenciais dunha forma máis obxectiva”, sostén Facal. ”Este traballo tamén axuda a comprender a estrutura xerarquizada da psicopatoloxía, relacionada coa presenza de distintos trastornos nunha mesma persoa”, engade Costas.
Ademais, o estudo ten un enfoque translacional, xa que se estima riscos xenéticos baseados nestas dimensións xenéticas latentes nunha cohorte independente de orixe finlandesa. “Este tipo de estimacións son unha área emerxente de estudo, mostrando ter propiedades distintas das estimacións de risco polixénicas clásicas, baseadas en diagnósticos illados”, sinala a doutora Ana Pérez Gutiérrez.
Unha psiquiatría máis personalizada
Con esta nova análise, o principal compoñente xenético latente identificado correspóndese cunha vulnerabilidade xenética xeral a desenvolver trastornos mentais. Representa unha dimensión poboacional relacionada cunha tendencia xeral a reaccionar impulsivamente a estados emocionais negativos (neuroticismo). “En casos extremos e presenza de condicionantes psicosociais adversos pode desencadear a aparición dun trastorno psiquiátrico”, explican os autores. Outros compoñentes diferencian grupos de trastornos ou axudan a distinguir entre diagnósticos clinicamente próximos, como a esquizofrenia e o trastorno bipolar, ou a depresión e o trastorno por tensión postraumática.
Estes achados son relevantes porque suxiren que ferramentas baseadas nun enfoque similar poderían axudar no futuro ao diagnóstico diferencial de trastornos que, con frecuencia, se confunden nas fases iniciais. “O principal beneficio potencial para clínicos e pacientes é avanzar cara a unha psiquiatría máis personalizada, na que as decisións diagnósticas e terapéuticas poidan adaptarse mellor ás características de cada persoa. Aínda que estas aplicacións aínda requiren validación en estudos futuros, os nosos resultados mostran unha vía prometedora para achegar a xenética á práctica clínica en psiquiatría”, indica o grupo.














