Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

O investigador da Universidade de Santiago (USC) Matías Rivadulla Cora validou sistemas innovadores para mellorar a eliminación de contaminantes emerxentes das augas residuais urbanas. En concreto, e compostos farmacéuticos e xenes de resistencia antimicrobiana. A súa tese de doutoramento centrouse tanto en sistemas centralizados de depuración como en novas estratexias descentralizadas orientadas á reutilización segura da auga e á redución do impacto ambiental dos contaminantes. A tese desenvolveuse no grupo de Biotecnoloxía Ambiental (BioGroup) do Centro de Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC e foi dirixida por Juan Manuel Garrido Fernández e Francisco Omil Prieto. O traballo recibiu a cualificación de cum laude.

Un problema crecente

A crecente presenza de contaminantes emerxentes nas augas residuais, entre eles, antibióticos, analxésicos, hormonas e xenes de resistencia antimicrobiana, converteuse nun dos principais retos ambientais e sanitarios a nivel global. O aumento do consumo destes compostos, unido ás limitacións dos sistemas convencionais de depuración para eliminalos completamente, favorece a súa liberación ao medio natural e incrementa o risco de propagación de bacterias resistentes aos antibióticos. Neste contexto, a Unión Europea reforzou recentemente as esixencias sobre o tratamento das augas residuais urbanas e a reutilización segura da auga, impulsando o desenvolvemento de novas tecnoloxías capaces de mellorar a eliminación destes contaminantes e minimizar o seu impacto ambiental.

Publicidade

Dende a depuradora ata o laboratorio

Esta foi precisamente a liña de traballo da tese: avaliar e desenvolver novas estratexias de tratamento capaces de mellorar a eliminación de contaminantes emerxentes nas augas residuais urbanas, abordando o seu comportamento tanto en sistemas centralizados de depuración como en configuracións descentralizadas baseadas na separación de augas negras e grises. Para iso, o traballo combinou estudos en depuradoras reais de Galicia con experimentación a escala piloto na EDAR de Silvouta, para sistemas centralizados, e no Centro de Negocios de Porto do Molle (Nigrán) para a configuración descentralizada.

Ademais desenvolvéronse ensaios mecanísticos en laboratorio, empregando sistemas biolóxicos avanzados con membranas, procesos anaerobios e tecnoloxías de intensificación como carbón activado e bioaumentación microbiana para mellorar a calidade da auga depurada sen necesidade de grandes gastos de infraestrutura. Este enfoque permitiu analizar en condicións reais de operación o comportamento de compostos farmacéuticos, bacterias resistentes e outros contaminantes así como avaliar o potencial de novas configuracións orientadas á reutilización segura da auga.

Publicidade

Sistemas prometedores

Os resultados da investigación demostraron que os sistemas biolóxicos avanzados poden “mellorar significativamente a eliminación de contaminantes emerxentes presentes nas augas residuais urbanas”. A tese constatou que determinadas configuracións innovadoras permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos, como certos antibióticos, “ademais de reducir de forma notable a presenza de bacterias resistentes e xenes asociados á resistencia antimicrobiana”.

O traballo tamén confirmou o potencial dos sistemas descentralizados baseados na separación de augas negras e grises para adaptar os tratamentos ás características de cada corrente e favorecer unha reutilización máis segura da auga. Así mesmo, o uso de estratexias de intensificación, como o uso de carbón activado ou comunidades microbianas especializadas, mostrouse eficaz para mellorar o rendemento dos procesos convencionais e reducir o impacto ambiental asociado á descarga destes contaminantes no medio natural. Estas estratexias foron demostradas en condicións reais, o que achega o seu desenvolvemento un paso adiante cara a comercialización.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos