A auga da túa billa está contaminada por nitratos? Compróbao neste mapa por concellos

O medio Datadista crea unha ferramenta interactiva sobre o impacto do composto químico, que xa afecta directa ou indirectamente a máis dun millón e medio de persoas en España

A calidade da auga da billa enfróntase a un desafío silencioso pero de amplas dimensións: a presenza de nitratos. Segundo os últimos datos oficiais do Sistema de Información Nacional de Agua de Consumo (SINAC), dependente do Ministerio de Sanidade, a contaminación por este composto químico afecta xa directa ou indirectamente a máis de un millón e medio de persoas no país. O medio de investigación Datadista recolle estes datos e presenta un mapa interactivo que permite explorar a calidade da auga en función da presenza de nitratos.

Esta ferramenta reflicte a realidade do estado dos acuíferos: un total de 227 municipios españois incumpren a normativa vixente ao superar o límite legal, deixando a 147.814 persoas cunha auga non apta para o consumo. Porén, o volume máis extenso da mostra sitúase na zona de risco, denominada ‘punto crítico’: 890 municipios, que suman 1.157.635 habitantes, atópanse categorizados nesta franxa ao superar de forma sostida os 30 miligramos de nitratos por litro. A maiores, 312.523 persoas residen en localidades denominadas ‘punto de control’; son aquelas nas que se produciron episodios previos de risco e que actualmente se atopan en seguimento.

Publicidade

A situación da auga en Galicia

O panorama xeral da comunidade galega é máis esperanzador, aínda que non ideal: hai un só punto que incumpre a normativa ao superar a cifra dos 50 mg/L. A zona afectada atópase entre Ameiró e O Couto de Abaixo, no oeste da provincia de Pontevedra.

Non obstante, as zonas que se atopan nun estado crítico (entre 30 e 50 mg/L sostidos) aumentan considerablemente: están nesta situación as augas de San Cidre (A Coruña); Bretoña, Moscán e A Pobra de San Xiao (Lugo); e Maceda, Xunqueira de Ambía, Couso de Limia, Trasmiras, Sarreaus e Villaza (Ourense). Deste xeito, fórmase unha imaxe que retrata as augas ourensás como aquelas con maior contaminación por nitratos.

Publicidade

Atópanse baixo vixilancia Vilagarcía e Silleda (Pontevedra); Bertamiráns e A Gándara (A Coruña); Trabada (Lugo); e Rairiz de Veiga e Nocedo (Ourense).

A industria agropecuaria: un factor de contaminación

A orixe desta problemática non é un misterio: reside no exceso de fertilizantes agrícolas e nos xurros procedentes da gandería industrial que se aplican nos campos de cultivo. A Comisión Europea estimou que a metade dos abonos estendidos se perden sen chegar a nutrir as plantas, o que non só deriva nun impacto medioambiental notable, senón que tamén supón un gasto de miles de millóns ao ano. Este nitróxeno non absorbido fíltrase cara ao subsolo, contaminando, así, os acuíferos e os ríos que despois abastecen as redes de auga potable de poboacións enteiras. Das 804 masas de auga subterránea catalogadas, 95 presentaron un deficiente estado químico relacionado cos nutrientes.

Unha lexislación cuestionada

Dende o punto de vista sanitario, a lexislación actual fixa o umbral de seguridade en 50 mg/L, un límite establecido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) no ano 1962 co obxectivo de previr a metahemoglobinemia —a síndrome do bebé azul— en lactantes menores de seis meses. Cando unha rede supera este valor, é obrigatorio alertar a poboación de que a auga xa non é apta para beber nin cociñar. Porén, como recolle o portal Datadista, a evidencia científica acumulada nas últimas décadas indica que os riscos reais aparecen en concentracións moito máis baixas, mesmo existen propostas que buscan baixar o límite legal ata os 6 mg/L.

Un estudo danés de 2018 detectou un aumento do risco de cancro colorrectal a partir de só 3,87 mg/L. No ámbito nacional, o Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal) achou que os homes que inxerían máis de 14 mg/día triplicaban as probabilidades de sufrir tumores de próstata agresivos. Ante esta realidade, a comunidade científica internacional esixe actualizar uns estándares que consideran obsoletos.

Como resposta, o Goberno introduciu a figura do punto crítico para redes que superan o 60% do límite legal (30 mg/L) de xeito continuado. Esta regulación cataloga dita situación como unha incidencia moi grave, obrigando os concellos a implementar medidas correctoras a través dun Plan Sanitario del Agua (PSA). O obxectivo é avaliar os riscos e mitigar unha contaminación invisible que, lonxe de remitir, ameaza o dereito fundamental ao acceso á auga limpa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

Como de conectado está o teu concello? Descúbreo con esta ferramenta interactiva

O mapa de Strado puntúa os barrios europeos en función da súa accesibilidade a servizos da vida diaria e social

Vives nunha zona de risco de carrachas? Compróbao nesta aplicación

A plataforma Garrapata Alert combina ciencia cidadá e asesoramento experto para identificar especies e aconsellar no caso de picadura

Sendegal, a nova aplicación para descubrir máis de 120 rutas de sendeirismo en Galicia

A ferramenta impulsada por Turismo da Xunta ofrece mapas interactivos, descargas sen conexión e información detallada dos percorridos