Sábado 20 Abril 2024

A contaminación por nitratos dispárase na Limia: “Actuamos ou esperamos a que non haxa auga potable?”

A concentración no último trienio medrou case un 50%, segundo datos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil

A contaminación por nitratos na comarca da Limia, tanto das augas subterráneas como das superficiais, non é unha novidade. Diversos expertos e colectivos levan anos denunciándoo e solicitando que se tomen medidas o antes posible. Pero non chegan e a situación está lonxe de mellorar. Así o afirma Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN): “Vai a peor. A que esperamos? A que non haxa auga potable na Limia”. O experto, tamén investigador do CSIC, apoia o seu discurso en datos oficiais, facilitados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil e procesados pola SGHN. O resultado non deixa lugar a dúbidas e demostra que a concentración de nitratos nas augas subterráneas no trienio 2020-22 foi un 49,2% maior que a rexistrada no trienio 2014-16. É dicir, a súa calidade está a empeorar de xeito sostido.

“Unha vez que se contamina un acuífero subterráneo con nitratos, a descontaminación posterior é moi lenta”, asegura González. Segundo explica, o proceso é máis fácil de levar a cabo nun río porque as raíces e os diferentes microorganismos fan que ese nitróxeno se descompoña e pase á atmosfera. “A actividade biolóxica axuda á autodepuración das augas e a que mellore a súa calidade. Pero cando falamos dun acuífero, tamén falamos dunha bolsa de auga a decenas de metros de profundidade, onde as raíces das plantas non chegan”, continúa analizando o presidente da SGHN. A única alternativa sería a entrada de auga limpa pero mentres a que entre teña unha concentración que supere a capacidade de absorción, “é previsible que siga aumentando”. González volve xustificar as súas declaracións aludindo aos datos oficias emitidos pola Confederación.

Publicidade

“A situación dun acuífero contaminado con nitratos é moi díficil de reverter”

SERAFÍN GONZÁLEZ, presidente da SGHN

Os resultados da análise realizada pola SGHN tamén conclúen que máis da metade das estacións de mostraxe rexistraron concentracións de nitratos superiores aos 30mg/litro. Segundo explican dende o colectivo, este dato dá conta dunha calidade da auga “preocupante”. De feito, no trienio 2020-22 a frecuencia de mostras analizadas que están a piques de ser legalmente “non potables” triplicou as de anos anteriores. Algo semellante ocorre coas mostras que superaron o límite legal —situado nos 50mg/litro e xa consideradas “non potables—. “No último trienio supuxeron un 6,3% do total, duplicando e triplicando as porcentaxes observadas nos trienios anteriores”, sinalan dende a SGHN. A xulgar polos datos ofrecidos, a situación está lonxe de mellorar.

Denuncia da Unión Europea

Á preocupación que espertan estas cifras súmase o anuncio publicado no Diario Oficial da Unión Europea a finais de outubro. Así, interponse unha demanda contra España porque segue habendo superficies en Galicia —e noutras seis comunidades autónomas— que non se declararon como zonas vulnerables aos nitratos, cando os datos así o xustifican. De feito, e seguindo a información achegada pola SGHN, Galicia “declarou formalmente a non designación de zonas vulnerables no seu territorio”. Todo isto sen ter en conta que a Comisión Europea, nun procedemento sancionador, xa puxo de manifesto a presenza de “niveis significativos” de eutrofia en varios puntos localizados nas concas internas de Galicia e a obriga, por tanto, de declaración de zonas vulnerables.

“Estamos a perder o valor dos cursos e das masas de auga, por non falar do aumento da mortandade dos peixes”

SERAFÍN GONZÁLEZ, presidente da SGHN

Tal e como traslada González, un deses puntos é o embalse das Conchas. Malia que non se usa para abastecer de auga á poboación, a deterioración das súas augas si ten unha forte implicación no uso recreativo que se fai do embalse como, por exemplo, na pesca recreativa e no paseo pola contorna. De feito, o piragüísta Carlos Rodríguez, que ten un clube desta disciplina na zona, cualifica o embalse como “un desastre”. Asegura que, ás veces, é preciso baixar os nenos e coller as piraguas máis estables para evitar que caian nas augas. O que dá conta, por tanto, da súa contaminación e do perigo que pode supór para a saúde pública. “É un ben público. Estamos a perder o valor dos cursos e das masas de auga, por non falar do aumento da mortandade dos peixes”, puntualiza González.

“Carga gandeira excesiva”

Ante esta situación, o investigador do CSIC pide que se tomen medidas urxentes que poidan reverter o antes posible a contaminación das augas da Limia. “Hai moita inercia porque seguen chegando nitratos ás augas subterráneas. É certo que houbo unha mellora na xestión do esterco de galiña pero segue habendo unha carga gandeira excesiva“, apunta o presidente da SGHN, apuntando os motivos polos que a contaminación nesta zona é tan elevada. “Segue habendo un un exceso enorme de nitróxeno para a superficie agrícola dispoñible”, segue matizando González. Para realizar estas afirmacións, o investigador do CSIC volve aludir a datos oficiais achegados por un informe da Dirección General del Agua. Ao parecer, segundo citan dende a SGHN, a agricultura en Galicia é a responsable do 91% das emisión de nitróxeno ao medio ambiente. Delas, un 81% chegan aos ecosistemas acuáticos. Ademais, un 87% do amoníaco emitido á atmosfera provén da gandería.

O 81% das emisións de nitróxeno da agricultura galega chegan aos ecosistemas acuáticos

Seguindo cos datos achegados por este informe, en Galicia o exceso de nitróxeno é un 29% maior que no conxunto da Unión Europea. Pero a situación empeora considerablemente nalgúns puntos do país, como na comarca da Limica, onde hai cinco anos xa quintuplicadaba o promedio de Europa. “Galicia é a terceira comunidade autónoma con maior excedente por nitróxeno”, sinalan dende a SGHN, aludindo aos últimos mapas publicados no informe da Dirección General del Agua. “Adiar as medidas necesarias para resolver un problema nunca é unha boa estratexia, pero no caso da contaminación dos acuíferos é a peor de todas”, apuntan dende a SGHN. E conclúen: a meirande parte dos acuíferos contaminados en 2019 non se recuperarán antes de 2039 como moi cedo, mesmo reducindo nun 25% a presión actual nas zonas vulnerables.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos