Un informe revela que a contaminación nas augas subterráneas da Limia “pode atribuírse” ás macrogranxas

Un estudo realizado pola UVigo tomou mostras de 76 pozos privados da comarca e máis da metade presentaban nitratos

“Non se pode vivir así. O cheiro é insorportable, como se houbese ovos podres”. Montse esfórzase por describir o ulido que desprenden as augas do embalse das Conchas, en Ourense, pero as palabras que emprega resultan insuficientes. “Se non o cheiras, non o podes transmitir”, asegura esta veciña, que vive a tan só un quilómetro. “Non o percibes se vas en coche, pero conforme te achegas… É horrible. Levamos así todo o verán”, insiste Montse. De feito, nos últimos días, unha asociación veciñal denunciou a contaminación do río Limia por ácido sulfhídrico, instando as autoridades responsables a tomar cartas no asunto. De momento, todo segue igual. As protestas continúan e a sospeita cérnese sobre as macrogranxas, espalladas por centos ao longo de toda a xeografía da Baixa Limia.

Atopar un responsable directo da contaminación, e de todo o que deixa ao seu paso —sexan embalses, fontes privadas ou augas subterráneas—, non sempre é doado. Precísase dunha sostida evidencia científica que confirme as hipóteses. Non obstante, o que non se pode negar é que as augas do embalse das Conchas están contaminadas, sexa cal sexa a súa fonte. Así o confirma, sen ir máis lonxe, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). Un dos mapas dispoñibles na súa web, onde se identifican as augas contaminadas por nitratos, sinala directamente o embalse das Conchas e o río Limia como fontes afectadas. Na comarca tamén hai outros puntos resaltados, que sinalan augas subterráneas tamén contaminadas.

Publicidade

Augas contaminadas por nitratos. Os puntos azuis sinalan as lagos ou embalses afectados. Crédito: MAPA

A evidencia científica

O caso do embalse das Conchas, e doutros puntos da Baixa Limia, non é algo novidoso. Os veciños da contorna levan anos reclamando accións e denunciando a contaminación que repercute directamente sobre as súas vidas. Por exemplo, a través dun cheiro insoportable a ovos podres. Polo tanto, sendo este un problema recorrente, tamén é un foco de atención científica. Sen ir máis lonxe, un equipo da Universidade de Vigo (UVigo) ten publicados varios artigos que tratan de dilucidar que acontece na conca do río Limia e cales poden ser as principais fontes de contaminación. Unha das últimas investigacións publicadas, que saíu na revista Agriculture, Ecosystems & Environment, trata de dilucidar cal é a relación existente entre a produción de alimentos e a calidade das augas subterráneas da rexión.

Para a realización do estudo, que saíu á luz en 2020, os investigadores do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da UVigo tomaron mostras de auga de 26 fontes naturais e 76 pozos privados. En relación a estes últimos, máis da metade presentaban contaminación por nitratos e algunhas mostras superaban o límite permitido pola lexislación para outros elementos e compostos. “Pódese deducir que a contaminación do acuífero superficial podería atribuírse á agricultura e gandería intensivas“, sinalan no estudo. Así mesmo, e citando a outros autores, os investigadores da UVigo salientan que a contaminación das augas subterráneas por parte das explotacións gandeiras “aumentou coa progresiva tendencia á implantación de explotacións intensivas”. O que popularmente se coñece xa como macrogranxas.

Publicidade

“A contaminación do acuífero superficial podería atribuírse á agricultura e gandería intensivas”

A actividade gandeira da zona, segundo o estudo, baséase na industria do vacún, a avícola e a porcina. O maior número de explotacións están concentradas na zona de montaña, que se correspondería cos concellos de Baltar e Rairiz de Veiga, entre outros. Moi preto, tamén, do embalse das Conchas. De todas formas, o estudo da UVigo céntrase na análise das augas subterráneas, concluíndo que “a contaminación do acuífero podería ser atribuíble á lixiviación dos fertilizantes e o exceso de residuos gandeiros, debido ás malas prácticas de fertilización, ao substrato moi permeable e á baixa profundidade do nivel freático”.

Finalmente, os expertos da UVigo sinalan: “Posiblemente os valores elevados nas concentracións de certos compoñentes se deban a unha fonte de contaminación agrícola e gandeira”. Non obstante, instan á realización de máis estudos, ou doutro tipo de investigacións máis detalladas, que se centren, sobre todo, naqueles pozos que mostraron os resultados máis preocupantes. Ademais, poñen sobre a mesa a posibilidade de buscar “alternativas reais” aos modelos de agricultura e gandería intensivas —propios xa desta zona—, co obxectivo de que sexan máis respectuosos co medio ambiente e coa sociedade. En definitiva, que sexan máis sostibles. E matizan que, para que este tipo de cambios se poidan levar a cabo, é imprescindible que se lancen campañas de concienciación. Non só para os traballadores do campo e os agricultores, senón tamén para a sociedade en xeral. Talvez así, se se lograsen eses avances, o embalse das Conchas e toda a comarca da Limia deixaría de estar sometida a ese “cheiro insorportable”.


Referencia: Food production link to underground waters quality in A Limia river basin (Publicado en Agriculture, Ecosystems & Environment)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. Estamos co futuro contaminado.
    Sobran granxas.
    Falta voluntad política y denuncia y determinación veciñal.
    GRANXAS SI, PERO NON ASI

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais