Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Unha nova campaña arqueolóxica realizada no xacemento do Castelo dos Mouros, na illa de Ons, documenta “unha grande estrutura con tres estancias” no exterior da muralla do castro. Así o explican dende o grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüídade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo (UVigo), que levou a cabo a escavación. O achado confirma que a ocupación do enclave na época romana estendeuse pola ladeira que conecta o castro coa praia do Canexol, onde invervencións previas permitiron identificar restos de fábricas de salgadura e peixe.

A primeira fase da nova campaña arqueolóxica, que continuará en outono, tiña como obxectivo obter novos datos respecto da ocupación do enclave tanto na época romana como na castrexa. A última escavación centrouse en dúas áreas que foran obxecto de sondaxes previas por parte do GEAAT, que traballa no xacemento dende 2021. En concreto, traballaron nunha zona situada no exterior da muralla do castro e na terraza intermedia do xacemento. Como confirmaron traballos previos, esta zona estivo densamente poboada tanto en época castrexa como romana, e a súa ocupación estendeuse ao longo de nove séculos.

Publicidade

A ocupación romana estendíase máis aló do castro

As sondaxes realizadas en 2025 permitiran localizar fóra da muralla do castro “unha pequena parte dun edificio de época romana”, como explica a investigadora do GEAAT Alba Rodríguez. De aí que un puntos centrais da nova campaña fora unha zona situada ao leste do castro, na que localizaron unha “grande estrutura con tres estancias”, que data da época romana. “A importancia desta sondaxe está en que se confirma a ocupación desta ladeira, máis aló dos limites da muralla”, salienta Rodríguez.

Ademais, leváronse a cabo traballos de roza e limpeza da vexetación “dunha nova terraza detectada anteriormente no modelo dixital do terreo e que podería, igualmente, estar ocupada”, explica a investigadora. Neste punto, sinala que será preciso “seguir escavando” para obter novos datos deste espazo situado máis aló da terraza inferior do castro. “Cremos que todas estas estruturas poderían ter relación coas factorías de salgadura” de época romana da praia do Canexol, “ben como vivendas ou mesmo como almacéns”, engade.

Publicidade

Ánforas do sur da península e de Italia

O outro punto que centrou as actuacións do equipo investigador foi a terraza intermedia do castro, na que localizaran previamente estruturas de época castrexa. “Os traballos consistiron en continuar exhumando a cabana redonda que xa se detectara na campaña anterior, quedando case visible por completo”, apunta a directora da intervención. “Documentouse parcialmente un vestíbulo de entrada”, que agardan poder escavar na seguinte fase da campaña, así como “estruturas internas que poderían corresponder con lareiras ou apoios e soportes para anaqueis ou postes”. Neste espazo atopouse tamén “abondoso material”, dentro do que destaca a cantidade de restos de ánforas localizadas, “tanto do sur da península ibérica como de Italia”, o que permite datar a ocupación desta casa “en torno ao Cambio de Era, aproximadamente entre o ano 50 antes de Cristo e o 50 despois de Cristo”. 

Traballos na ladeira que conecta o castro coa praia.
Traballos na ladeira que conecta o castro coa praia.

A campaña completarase en outono

“En xeral, pensamos que foi unha campaña moi frutífera, que permite esbozar como se configura internamente o poboamento no xacemento”, salienta Rodríguez dos traballos realizados nas últimas semanas, aos que o equipo investigador dará continuidade no outono. Nesta segunda fase, continuarán coas tarefas de escavación e a estas sumaranse os labores de conservación e restauración, dirixidos a “protexer as estruturas e permitir a visita con seguridade a estes dous novos puntos do xacemento”. A campaña está promovida polo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O castro do Castelo dos Mouros, en Ons, estivo densamente poboado durante nove séculos

Unha nova campaña arqueolóxica afonda no coñecemento sobre os asentamentos na illa entre a época castrexa e a romana

Descubertos os restos dunha ocupación prehistórica de hai 5.500 anos en Ourense

A última campaña no xacemento de Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, situado entre Oímbra e Monterrei, data o lugar a mediados do IV milenio a. C.

Descuberta unha casa castrexa na cidade romana de Armea

Durante a última campaña arqueolóxica no xacemento de Allariz atopáronse os primeiros vestixios dun poboado da Idade de Ferro

Faro de Ons, a torre que salvou vidas

Está situado a 128 metros sobre o nivel do mar e data do ano 1926