Descubertos os restos dunha ocupación prehistórica de hai 5.500 anos en Ourense

A última campaña no xacemento de Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, situado entre Oímbra e Monterrei, data o lugar a mediados do IV milenio a. C.

Desde o ano 2019, membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo (UVigo) estudan o xacemento arqueolóxico de Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, nos concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei. Os traballos realizados para coñecer o seu pasado prehistórico deron un avance significativo coa intervención arqueolóxica levada a cabo este ano, onde se localizou unha estrutura que agora vense de corfimar que data de mediados do IV milenio a.C., de hai arredor de 5.500 anos.

Un “achado prometedor”

Segundo explican desde o proxecto, na campaña realizada este ano “un dos achados máis destacados foi a identificación dun burato de poste no contexto dunha estrutura circular detectada previamente grazas á prospección xeomagnética”. Esta estrutura, detallan, podería ser unha cabana ou construción doméstica e “será clave para comprender mellor as formas de vida e organización das comunidades prehistóricas da zona”.

Publicidade

A datación por radiocarbono realizada confirmou agora que as estruturas descubertas datan de mediados do IV milenio a.C. “É a primeira vez que atopamos evidencias in situ da ocupación prehistórica no xacemento; ata agora  só se coñecían restos materiais que afloraban na superficie”, indican. Concretamente, detallan desde o equipo da UVigo participante no proxecto, os resultados das análises realizadas no laboratorio Beta Analytic (Miami) confirman que a plataforma noreste do conxunto arqueolóxico foi habitada por comunidades prehistóricas que vivían no val do Támega hai arredor duns 5.500 anos. “É un achado moi prometedor que abre novas vías de investigación. Unha futura intervención podería permitirnos coñecer completamente esta estrutura e o seu contexto”, apuntan.

O equipo investigador comenta que o achado permite establecer conexións directas co xacemento de Vinha da Soutilha (Mairos, Chaves), destacando a unidade cultural existente no val do Támega durante a prehistoria, “nunha época en que as fronteiras non existían”. Este descubrimento, engaden, “abre un abanico de posibilidades para a investigación do pasado prehistórico, facendo do val do Támega un referente clave para a arqueoloxía da prehistoria recente no noroeste peninsular”.

Publicidade

Unha investigación multidisciplinar

O conxunto arqueolóxico de A Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán atópase situado entre os núcleos de poboación de As Chás (Oímbra) e Vilaza (Monterrei), cabeceiras das parroquias homónimas. Érguese entre unha serie de outeiros que dominan unha ampla chaira situada en altura entre os vales dos ríos Támega e Búbal, o que lle confire un carácter eminentemente estratéxico. A investigación deste enclave, que conta cunha ampla historiografía que parte da prehistoria, iniciouse en 2019 co proxecto Lobarzán, no marco dun convenio entre a UVigo e os concellos de Oimbra e Monterrei. Nos primeiros traballos recolléronse materiais cerámicos e líticos en superficie, cuxos patróns decorativos apuntaban xa a unha cronoloxía anterior ao III milenio a.C.

En 2022, no contexto da tese de doutoramento da UVigo de Lucía Rodríguez Materialidade e mobilidade na Prehistoria recente no territorio do Alto Támega transfronteirizo realizouse unha prospección xeofísica en colaboración con Emmanuelle Meunier, investigadora posdoutoral financiada pola Casa Velázquez-EHEHI. Esta prospección permitiu identificar diversas anomalías no terreo, que este ano se confirmaron mediante sondaxes arqueolóxicas, “reforzando a importancia do xacemento”, tal e como indica o equipo investigador.

Fontes de financiamento

A última campaña, financiada a través das axudas GDR Agader e promovida polos concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra, centrouse en áreas clave como a plataforma da aba norte do Monte Castelo. A intervención foi realizada pola empresa Breogán Arqueoloxía, baixo a dirección de Víctor Muñiz, profesor e investigador da Área de Medieval no campus de Ourense. A sección de arqueoloxía prehistórica do proxecto estivo a cargo de Lucía Rodríguez, investigadora predoutoral da UVigo, coa supervisión e asesoramento científico de Beatriz Comendador, titular da Área de Prehistoria. O equipo contou tamén coa participación de Miguel Ángel Álvarez, investigador posdoutoral da Área de Xeografía Física, e a colaboración de José Ángel Cid, profesor da Área de Enxeñaría Cartográfica e Xeodésica. Finalmente, a datación foi financiada polo GEAAT da UVigo.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que os dinosauros dominaron a Terra? O segredo está nos seus vómitos e feces

Investigadores europeos reconstruíron, a través de restos fosilizados, como foi o auxe destas criaturas nos ecosistemas prehistóricos

Unha voda entre dous homes no Ourense do século XI?

As expresións emocionais dun documento altomedieval do mosteiro de San Salvador de Celanova poderían suxerir un matrimonio homosexual

Cantos días con máis de 35ºC haberá en Galicia a finais de século? Consúltao neste mapa

A provincia de Ourense, Monforte e os vales do Sil e do Miño, serán os que experimenten un ascenso máis acusado

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo