Un equipo da UDC propón unha metodoloxía para un transporte marítimo máis sostible

O sector move máis do 85% das mercancías a nivel mundial e as previsións indican que continuará medrando nos próximos anos

Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) da Universidade da Coruña (UDC) publicou recentemente na revista Journal of Marine Science and Engineering un artigo no que se aborda o control da eficiencia enerxética no transporte marítimo, un sector que move máis do 85% das mercancías a nivel mundial. Dado que as previsións indican que este medio continuará medrando nos vindeiros anos, a Organización Marítima Internacional (IMO) está regulando a súa eficiencia enerxética e emisións.

O traballo, realizado en coautoría por Julio Barreiro e Vicente Díaz, do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), e por Feliciano Fraguela e Sonia Zaragoza, do Grupo de Enxeñaría Enerxética (INGEN), forma parte da tese de doutoramento de Julio Barreiro, dirixida por Sonia Zaragoza (INGEN) e Vicente Díaz (GII).

Publicidade

Mellorar a medición da eficiencia enerxética nos buques

A medida de eficiencia enerxética máis utilizada é o indicador operacional de eficiencia enerxética (Energy Efficiency Operational Indicator, EEOI, en inglés), que enfronta problemas de fiabilidade debido á variabilidade nos criterios que utilizan as compañías navieiras, como a interpretación do valor da carga transportada ou as condicións operativas dos barcos.

Así, a investigación busca desenvolver un procedemento de cálculo multidisciplinar, automatizado e controlado en tempo real do EEOI. Para superar as limitacións, o equipo propón un método en dúas fases que selecciona valores representativos do EEOI na navegación do buque, ―como a velocidade do barco, a carga e o modo de operación― e implementa os cálculos nun sistema ciberfísico con sensores avanzados e software especializado, que recompilan e analizan o EEOI en tempo real.

Publicidade

Control continuo do rendemento enerxético mediante gráficos

A investigación tamén destaca a importancia de empregar gráficos de control de media móbil ponderada exponencialmente (Exponential Weighted Moving Average, EWMA, en inglés), unha técnica estatística que supervisa continuamente a eficiencia enerxética e as emisións dos buques. Analiza os datos, tanto actuais como históricos, para detectar pequenas variacións ou tendencias.

Se un buque comeza a contaminar máis do normal, o gráfico EWMA pono de manifesto, de xeito que é posible actuar sobre o problema antes de que se agrave. O conxunto das dúas medidas permite implantar melloras continuas moito máis eficaces e garantir así o cumprimento dos obxectivos e as normativas ambientais.

Con esta metodoloxía, o traballo achega unha solución innovadora para a mellora da eficiencia enerxética e ambiental no transporte marítimo, contribuíndo á sustentabilidade e ao cumprimento das regulacións ambientais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Unha nova campaña arqueolóxica da UDC indagará na historia dun edificio achado no Castro de Esmelle

A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e conta coa participación de nove persoas expertas en patrimonio galego

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular