A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), coa colaboración da Universidade de Castela-A Mancha e da Xunta de Galicia, estudaron a resposta das comunidades de aves aos incendios forestais ocorridos durante os últimos 16 anos no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. O principal achado do estudo é que as comunidades recuperaron rapidamente a súa riqueza e abundancia tras os lumes, mentres que os primeiros anos posteriores crearon condicións especialmente favorables para aves de matogueira e de espazos abertos, moitas delas en declive e con elevado interese para a conservación.
Nun contexto de cambio climático e abandono rural, no que aumenta o risco de grandes incendios forestais de elevada severidade, comprender como responde a biodiversidade ao lume resulta cada vez máis importante. “Os incendios forestais non afectan por igual a todas as especies nin todos os seus efectos sobre a biodiversidade son necesariamente negativos“, explica Fernando García Fernández, investigador do CSIC e primeiro autor do estudo.
O estudo desenvolveuse no marco do proxecto RESFIRE, no que participan equipos do CREAF e da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC). Financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, ten como obxectivo analizar como cambia a comunidade de aves ao longo dos anos posteriores ao lume e que especies se ven favorecidas ou prexudicadas durante este proceso.
Unha recuperación rápida despois do lume
A metodoloxía empregada combinou un rexistro de incendios de 16 anos con seis tempadas reprodutoras consecutivas de seguimento de aves, entre 2020 e 2025. En total, rexistráronse 13.770 individuos de 67 especies nunha rede de 210 puntos de mostraxe distribuídos a través do Parque Natural.
Os resultados amosan unha forte caída da abundancia e da riqueza de especies inmediatamente despois dos incendios. Porén, ambas as dúas métricas recupéranse rapidamente e achéganse ás rexistradas nas zonas non queimadas despois de aproximadamente tres anos. Esta rápida recuperación agocha, non obstante, respostas moi diferentes entre tipos de aves. As especies asociadas a matogueiras e espazos abertos acadaron abundancias superiores ás observadas nas zonas non queimadas, mentres que as especies forestais permaneceron por baixo deses valores durante todo o período analizado.
“Que o número total de especies ou de aves se recupere rapidamente non significa que a comunidade volva ser a mesma. Despois do lume unhas especies diminúen mentres outras atopan oportunidades que practicamente desapareceron das paisaxes actuais”, sinala Fernando García Fernández.
Aves en declive nas etapas poslume
O valor de conservación da comunidade de aves, calculado tendo en conta o grao de ameaza das especies a escala española e europea, acadou o seu máximo durante os primeiros anos despois do incendio e permaneceu por riba dos valores das zonas non queimadas durante todo o período poslume estudado, que chega ata os nove anos.
“Este patrón está relacionado principalmente coas especies de matogueira e, especialmente, coas aves de espazos abertos. Entre estas especies atópanse a papuxa do mato, a pica campestre ou o roqueiro rubio. Moitas delas están experimentando importantes declives en toda Europa asociados á desaparición progresiva das paisaxes agrarias tradicionais. O abandono de pastos, prados e cultivos favorece o avance da vexetación leñosa e a homoxeneización da paisaxe, reducindo a dispoñibilidade dos hábitats abertos e de matogueira que necesitan estas aves”, explican desde o equipo de investigación. Neste contexto, en territorios de montaña sometidos durante décadas ao abandono rural, o lume elimina parte desa densa vexetación e abre claros, xerando espazos abertos e hábitats en fases temperás de sucesión que estas especies necesitan para reproducirse ou alimentarse.
Os resultados amosan tamén a outra cara deste proceso. As aves forestais foron as principais prexudicadas polos incendios e a súa recuperación foi considerablemente máis lenta, porque reconstruír a estrutura dun bosque require moito máis tempo que recuperar unha cobertura de matogueira. “A conservación non debería formularse como unha elección entre manter bosques ou conservar espazos abertos, senón como a necesidade de preservar paisaxes heteroxéneas nas que coexistan bosques en distintos graos de madurez, matogueiras e zonas abertas. Non existe un único estado da paisaxe que sexa óptimo para todas as especies”, explica Adrián Regos, investigador da USC e coautor do traballo.
Dos incendios incontrolados á xestión planificada do lume
No Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, a recorrencia de incendios relativamente pouco extensos xerou un mosaico de zonas en distintas fases de recuperación, favorecendo a presenza continuada de hábitats en etapas temperás poslume favorables para moitas especies actualmente en declive. Esta situación constata cos grandes lumes forestais, como o de O Courel de 2022, estudado anteriormente polo mesmo equipo, onde se observou que os incendios extensos e de alta severidade poden reducir drasticamente a abundancia e a riqueza de aves durante as primeiras fases de recuperación.
A partir destes resultados, o equipo de investigación sinala a necesidade de “avanzar desde un enfoque centrado principalmente na extinción cara a unha xestión preventiva da paisaxe”. Así, ferramentas como o pastoreo extensivo, as rozas selectivas ou as queimas prescritas poden utilizarse de forma planificada para reducir a acumulación e continuidade do combustible e, ao mesmo tempo, manter os espazos abertos e as matogueiras das que dependen moitas especies en declive. Os autores inciden en que “non se trata de queimar máis; senón de decidir onde, cando e como queremos que o lume estea presente no territorio; unha queima prescrita de extensión limitada, planificada e realizada baixo condicións controladas e con obxectivos ecolóxicos e preventivos, é moi diferente dun grande incendio forestal que se propaga de forma incontrolada baixo condicións meteorolóxicas extremas”.
Manter unha rede de zonas abertas, matogueiras e bosques en diferentes estados de desenvolvemento pode contribuír simultaneamente a conservar a biodiversidade, diminuír a continuidade do combustible e construír paisaxes máis resilientes fronte aos grandes incendios forestais. No seu conxunto, este traballo constitúe a primeira caracterización integrada das traxectorias poslume das aves a nivel de especie, grupos funcionais e comunidade nesta zona de transición bioxeográfica entre as rexións atlántica e mediterránea.
Referencia: Post-Fire Abundance Trajectories of Bird Species and Functional Groups Within an Atlantic–Mediterranean Ecotone (Publicado en Fire)














