O Dolmen de Cabaleiros, situado no concello de Tordoia, dentro dun peche de cantería, é un dos monumentos megalíticos máis importantes da provincia da Coruña. A fin de dar a coñecer a historia e valor desta construción, a Deputación da Coruña organiza unha serie de visitas guiadas nas que o arqueólogo Ángel Concheiro Coello se encargará de transmitirlle aos asistentes o pasado do dolmen de Cabaleiros, así como de explicar os traballos de investigación arqueolóxica que se están levando a cabo na zona. As visitas, que requiren de inscrición previa, terán lugar o venres 2 de outubro ás 19 horas e o sábado 3 ás 11 horas.
O dolmen foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1975 e conserva restos da mámoa —un túmulo funerario neolítico—. Aínda mantén seis das laxas dunha cámara poligonal de 3,10 por 2,70 metros e unha altura de 1,70 metros. A cuberta da edificación é de case 4 por 3,40 metros e destaca polo seu importante grosor.
O pasado do dolmen
O Concello de Tordoia comparte a través do portal dedicado ao Dolmen de Cabaleiros que a súa existencia na área apunta que “o grupo étnico do período megalítico asentado na zona era un dos máis importantes“. Dende a páxina engaden que tamén se baralla a posibilidade de que estas construcións se situaran nun punto ou outro co obxectivo de delimitar os territorios asentados, “que tras facer unha selección para os pastos e cultivo, queimaban zonas de arboreda, e sobre as súas conzas dedicábano á agricultura”, sinala a plataforma do concello. Indican que esta hipótese pode resultar bastante precisa “debido á orografía do terreo e a calidade dos seus pastos, que repercute na súa actividade económica, gandeira e os cultivos forraxeiros”.
A historia deste monumento tamén está fortemente vencellada á tradición oral. Conta a lenda que unha moura levou a lousa que cubre a edificación cargada na cabeza dende un lugar moi afastado e, mentres o facía, as súas mans ocupáronse tecendo un vestido. Este conto é o que lle dá o nome popular de ‘Casa da Moura‘, como compartiu a Deputación da Coruña. Noutra variante da historia, a que narra o concello de Tordoia, recibe o alcume porque se viu aparecer unha moura tecendo no seu interior, non cargando a pedra dende longas distancias.
Os futuros estudos arqueolóxicos no dolmen
Xosé Penas, deputado de Patrimonio e Contratación, avanzou nunha visita ao monumento que a Deputación da Coruña ten previsto encargar nos vindeiros meses un novo proxecto á Universidade de Santiago de Compostela para profundar na historia arqueolóxica do dolmen. Ademais, engadiu que, de xeito paralelo terá lugar unha serie de melloras na contorna da edificación. Un comunicado da deputación sinala que Penas destacou que os traballos de investigación permitirán coñecer nos próximos meses novos datos sobre o monumento, e calificou o dolmen de Cabaleiros como un dos elementos máis relevantes do patrimonio megalítico da provincia.














