Un terremoto de magnitude 3 fai tremer o noroeste de Galicia

O sismo tivo o seu epicentro no municipio de Tordoia ás 23.18 do mércores

Un terremoto de magnitude 3, un dos máis fortes dos últimos anos na provincia da Coruña, rexistrouse ás 23.18 horas deste mércores con epicentro no municipio de Tordoia, moi preto do núcleo da Pontepedra e o encoro de Vilagudín, segundo confirmou o Instituto Geográfico Nacional (IGN) a través da súa rede de información sísmica. Nun primeiro momento, o IGN situou o epicentro preto da confluencia dos municipios de Carballo, A Laracha e Cerceda, e atribuílle unha magnitude de 3,4, que foi recalculada posteriormente en 3.


O tremor percibiuse claramente en cidades como A Coruña e Santiago, e vilas de boa parte da provincia, e xerou numerosos comentarios nas redes sociais. Como adoita acontecer nestes casos, o IGN puxo a disposición das persoas que sentiron o tremor un cuestionario para medir a intensidade do sismo. En poucas horas recibíronse centos de respostas que situaron a escala de intensidade no nivel III e mesmo IV nalgúns casos, que se corresponde cos sismos percibidos dentro dos edificios por moitas persoas, e por moi poucos no exterior, e nalgúns casos chega a causar un pequeno tremor en vivendas, oscilacións en obxectos pendurados e vibracións en vaixelas, cristalerías, ventás e portas.

Publicidade

Así o viviron algunhas persoas:

 

Antecedentes

Hai só 15 días, a provincia coruñesa rexistraba outro dos sismos máis potentes dos últimos anos, tamén con magnitude 3, e non lonxe do deste mércores en Tordoia. O epicentro foi na localidade de Frades, e xerou tamén decenas de avisos. En agosto do ano pasado, un sismo en Celanova acadou a magnitude 3,4. E en novembro de 2018, un sismo de 3,8 en Melgaço, ao outro lado da raia do Miño, xerou unha importante expectación en todo o sur de Galicia con rexistros de ata intensidade IV. Os sismólogos distinguen a escala de magnitude, como Richter ou a mbLg, usada na península Ibérica, das escalas de intensidade, que serven para clasificar un sismo en función dos seus efectos nas persoas, nos edificios e obxectos e na natureza.

Publicidade

Ordes e Bergantiños, dúas comarcas con actividade sísmica intermitente

Galicia é unha das zonas de maior actividade sísmica da península Ibérica xunto aos Pireneos, Andalucía e o Levante, que se atopan en bordos de placas que provocan de forma habitual tremores con magnitude superior a 4. Con todo, son menos potentes cós doutras partes do planeta nos que conviven con sismos moito máis fortes e perigosos.

No caso de Galicia, un dos sismos máis lembrados foi o do 21 de maio de 1997, con epicentro no coñecido como triángulo sísmico de Sarria, Triacastela e Becerreá, e que espertou a boa parte do país ao acadar unha magnitude de 5,1.

A noite na que toda Galicia tremeu

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alerta sísmica no teu móbil: así funciona o sistema de Google que avisa dos terremotos en segundos

Os teléfonos Android contan cun servizo de avisos por tremores tectónicos que se lanzou nos primeiros segundos dende o comezo do fenómeno que golpeou Venezuela

Tremor no Caribe

Dous terremotos sacoden Venezuela e deixan un balance catastrófico con 1.450 falecidos e 3.150 feridos. Por Laura Filloy

As ondas sísmicas do terremoto de Venezuela deron tres voltas e media á Terra

Os fenómenos, de magnitude 7,2 e 7,5, afectaron este 24 de xuño en forma de dobrete sísmico, cunha explicación xeolóxica coñecida

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas