Mapa de terremotos entre 1973 e 2020 no oeste da provincia da Coruña. Fonte: IGN/Elaboración propia.
Mapa de terremotos entre 1973 e 2020 no oeste da provincia da Coruña. Fonte: IGN/Elaboración propia.

Ordes e Bergantiños, dúas comarcas con actividade sísmica intermitente

O terremoto rexistrado na noite do mércores, de magnitude 3, desencadeou centos de avisos ao Instituto Geográfico Nacional en poucas horas

A comarca de Ordes rexistrou nos últimos 15 días dous sismos de magnitude 3 que xeraron un notable impacto na poboación. Aínda que apenas se sentiron como pequenas vibracións, semellantes ao paso dun camión de gran tonelaxe ou un trono, a pouca frecuencia coa que se chegan a percibir estes movementos sísmicos provocaron centos de avisos ao Instituto Geográfico Nacional (IGN), que ante a expectación xerada compartiu este xoves unha información sismotectónica que axuda a comprender o que acontece nesta zona de Galicia. Así, as comarcas de Bergantiños e Ordes, onde máis e sentiu o sismo deste mércores, xunto a cidades como Santiago ou A Coruña, rexistraron preto dun cento de tremores de magnitude entre 2 e 3,5 nos últimos 50 anos. Posiblemente sexan máis, xa que a maioría se concentra nas últimas dúas décadas, toda vez que se perfeccionaron os instrumentos de medición.

Desde o IGN, o sismólogo José Benito Bravo Monge expón varios factores que explican a expectación causada polo sismo deste mércores: “Nesta zona de Galicia, cunha actividade que non é tan intensa como noutras partes onde a poboación adoita sentir sismos, é habitual que un tremor xere inquedanza. Ademais, coincidiu que se produciu nunha hora tranquila, na que a xente está na casa, pero en moitos casos aínda non estaba durmindo, e en repouso é moito máis sinxelo percibir este tipo de sismos”, explica Bravo.

Aínda que nun primeiro momento o IGN situou o epicentro máis ao norte, entre os concellos de Carballo, Cerceda, A Laracha e Tordoia, cunha magnitude de 3,4, finalmente recalculouse en magnitude 3, con epicentro no termo municipal de Oroso, aínda que moi preto da confluencia deste concello con Tordoia, Ordes e Trazo. Foi moi preto do anterior sismo de magnitude 3, a mediados de maio, e que se enmarca entre os 20 máis intensos rexistrados na zona nos últimos decenios. Os dous maiores rexistrados na zona, en Ordes e O Pino, en agosto e decembro de 1996, acadaron magnitude 3,5. Outro dos puntos de maior actividade é o situado no punto no que conflúen os concellos de Coristanco, Carballo, Santa Comba e Tordoia, con decenas de tremores, como se pode ver no rexistro do IGN.

Con todo, José Benito Bravo isto insiste en facer un chamamento á calma: “Non é nada alarmante; non podemos predicir aínda cando vai haber sismos, aínda que podemos saber cales son as zonas con máis probabilidade. Pero non hai nada que nos faga temer un tremor de maior magnitude”, explica.

Máis de 500 notificacións

Nas 12 horas seguintes ao terremoto, centos de persoas cumprimentaron os cuestionarios macrosísmicos que o IGN pon a disposición de quen percibira o movemento. A maioría dos rexistros correspóndense aos niveis II e III de intensidade, escala que mide os efectos do sismo nas persoas, os obxectos, os animais e a natureza. Porén, houbo varios rexistros de intensidade IV.

Mapa de respostas ao cuestionario macrosísmico do IGN.
Mapa de respostas ao cuestionario macrosísmico do IGN.

Un terremoto de magnitude 3 fai tremer o noroeste de Galicia

Esta zona de Galicia é unha das de maior actividade, aínda que o movemento é máis frecuente no célebre triángulo sísmico de Lugo, e en zonas do sur de Ourense e Pontevedra ou Barbanza, onde se teñen producido nos últimos anos algúns enxames sísmicos que xeraron notable expectación nestes lugares.

No seu portal web, o Instituto Geográfico Nacional detalla unha descripción sismotectónica nas zonas de maior actividade de España. Son, ademais de Galicia, o mar de Alborán, as serras Béticas, a costa catalana, os Pireneos, o Golfo de Cádiz e o Sistema Ibérico. Cualifica a sismicidade, no caso de Galicia, de “baixa a moderada”, lembrando, entre outros o sismo de magnitude 5,1 rexistrado en 1997 en Lugo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.