Imaxino a meu avó subindo ao barco no porto de Vigo e a miña avoa despedíndoo. Imaxino bágoas, medo, incerteza e unha distancia de case 7.000 quilómetros. Chegou a Caracas tras unha longa travesía polo Atlántico e alí viviu 12 anos, traballando nunha fábrica de zapatos para mulleres. Dende ben pequena escoitei, a petición miña, as anécdotas do meu avó en Venezuela: dende unha insoportable dor de moas ata un compañeiro de camarote que roncaba a gusto. Este xoves lembreime doutra: a do meu avó no comedor da pensión na que vivía, observando como tremían os pratos dos aparadores e fuxindo cara ao exterior polo medo visceral que provocan os terremotos. Lembreime del e da soidade do emigrante.
Pensei en Venezuela durante todo o día, esa terra tan afastada e tan presente nas conversacións familiares. Dous sismos de magnitude 7,2 e 7,5, cunha diferenza de tan só 38 segundos, sacudiron o norte do país caribeño ás 18.05 horas do mércores. Mentres escribo estas liñas, o balance é devastador: 1.450 falecidos e 3.150 feridos. Non teño palabras para valorar a traxedia, só silencio.
Para explicar a catástrofe, os medios comezaron a empregar o termo “dobrete sísmico”, é dicir, dous terremotos moi seguidos no tempo, de intensidade similar e relacionados entre si. Ambos foron moi superficiais —o primeiro a unha profundidade de 20 quilómetros e o segundo a 10—, o que agravou aínda máis as súas consecuencias. E o motivo non é outro que a elevada actividade sísmica da rexión, que se atopa entre a placa tectónica do Caribe e a de América do Sur. O principal precedente en Venezuela destes dous terremotos foi o de San Narciso de 1900, cunha magnitude aproximada de 7,6 e que devastou Caracas. Por iso algúns expertos indican que a zona leva máis de 100 anos acumulando tensión sísmica.
As explicacións da xeóloga mexicana Gina Paola Villalobos Escobar, das que se fixo eco El País, poñen contexto á traxedia. “Os terremotos non matan xente […] O perigo real reside nas estruturas civís; son os edificios os que non cumpren cos requirimentos de enxeñaría sismorresistente os que colapsan e provocan as traxedias humanas”, sinala. Só así se pode explicar que o terremoto de Haití de 2010 deixase máis de 300.000 mortos, mentres que en países de elevada actividade sísmica como Xapón non adoitan rexistrarse cifras tan elevadas de vítimas mortais. De feito, media hora despois do acontecido en Venezuela rexistrouse un sismo de 6,9 no nordeste do país asiático e non houbo que lamentar falecementos, pero si catro feridos. Nun estado con moitos máis recursos económicos, unha arquitectura adaptada e un sistema moi avanzado de alerta temperá adoitan reducirse os efectos devastadores dos terremotos.
As imaxes que chegan dende Venezuela son absolutamente demoledoras. Edificios derrubados, persoas camiñando sobre os entullos, grandes fendas que rompen en dous as estradas, vídeos capaces de captar os intensos tremores, as prazas ateigadas de persoas, os equipos de rescate e a esperanza de atopar os desaparecidos con vida. O certo é que as previsións do Instituto Xeolóxico dos Estados Unidos asustan: hai un 92% de probabilidades de que haxa máis de 1.000 falecidos.
Son moitas as realidades que se poden analizar sobre a catástrofe, como a falta de subministro eléctrico e de Internet, que complica aínda o contacto con familiares e o labor informativo. Hai voces críticas coa falta de información oficial e nos medios reprodúcense as historias de veciños que crean redes de solidariedade e mesmo a dun alcalde, o do municipio de Chacao, que se armou cun magnetófono para informar. A información ofrece alivio ante a incerteza.
Galicia, a uns 7.000 quilómetros de Caracas, permanece atenta ao que está a suceder ao outro lado do Atlántico polos evidentes lazos que teceu a emigración. A nosa terra tamén ten actividade sísmica debido a pequenas fallas da placa euroasiática. Como explica o xeólogo Augusto Pérez Alberti, é a mellor forma de entender a nosa riqueza termal. Ademais, concorre outra circunstancia favorable que reduce o risco de terremotos de gran magnitude: a rocha granítica que predomina en Galicia —do radon xa falaremos outro día— fai que, en xeral, o terreo sexa máis estable.
Aínda así, a memoria de moitos galegos conserva o recordo do terremoto de Triacastela de 1997 na noite do 21 ao 22 de maio. Está considerado o de maior magnitude na historia de Galicia, ao acadar unha magnitude de 5,1. E malia que non causou vítimas mortais directas, as crónicas da época lembran como se derrubaron os muros das casas, como a xente foi durmir a coches e autobuses e como se escoitaban os berros e os lamentos dos veciños na rúa, que fuxían dos seus fogares ante o medo de que colapsasen as súas casas.
E teño que mencionar o terremoto de Lisboa de 1755, que se sentiu en Galicia e arrasou unha cidade tan fermosa, tan cálida e con tanta luz xunto a un lume devastador e un tsunami. Unha catástrofe que aínda me xera desacougo cando penso que faleceron entre 60.000 e 100.000 persoas nunha xornada que deixou profundas cicatrices no pobo portugués. Que desgraza.
Mentres escribo, comprobo cada pouco tempo que o número de falecidos polo terremoto de Venezuela non ascendeu: 235 é xa unha cifra inimaxinable. Penso de novo en meu avó, que agora ten 95 anos e unha lucidez envexable. Penso en que pensará, en como conserva na súa memoria a xeografía dunha Caracas ferida.
⚫️ Outra vez calor 🥵 Se hai un tema tan recorrente como preocupante é a extrema calor que se rexistrou a comezos de semana. Media Galicia estivo en alerta vermella por temperaturas elevadísimas que deixaron unha noite de San Xoán abafadora. A vaga de calor azoutou con forza Europa, sobre todo Francia, onde se rexistraron ata 40 mortes por afogamento mentres buscaban alivio ás extremas temperaturas. É para reflexionar.
⚫️ Mortalidade por cancro 🏥 Un informe da OCDE con datos de 2025 desvelou que Galicia é unha das comunidades con máis mortalidade por cancro, xunto con Navarra, Aragón, Valencia, Murcia, Andalucía e Estremadura. No extremo oposto están Madrid, Cataluña, A Rioxa e Canarias. Esta desigualdade levounos a analizar as causas, que expón a miña compañeira Andrea nesta reportaxe. E si, o envellecemento ten moito que ver.
⚫️ Física no rural ⚛️ Na miña aldea, onde vivín ata os 16 anos, só hai dúas persoas. Proxectos como de Paolo Benincasa, que está a rehabilitar unha en Castro Caldelas para convertela no epicentro da física no verán, espertan en min unha grande admiración. É un científico italiano que aposta polo rural, por dinamizalo a través do coñecemento científico. Recoméndovos encarecidamente a lectura da reportaxe que escribiu Noelia. Hai algún proxecto na vosa aldea que queirades compartir connosco?
Recomendación semanal 🪶
Hai unha canción que me acompaña de cando en cando e que me xera certa sensación de fogar. Non sei se é a letra, a melodía ou a historia que hai detrás. Escribiuna Valeria Castro tras o volcán de La Palma que arrasou a casa da súa avoa. La raíz é un canto de resiliencia ante a adversidade e a necesidade de autocoidarse cando non se pode controlar o que acontece. Di que pasou o que tiña que pasar e que o único que vai facer e quedar alí, coidando a raíz. É un canto ao inevitable, á aceptación ante a perda de control e, sobre todo, un canto fermoso ao seu fogar.
A canción de Hoxe, mañá e sempre coas Tanxugueiras tamén me encanta. Hai algunha que esperte en ti un sentimento semellante? Compárteo connosco!
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.















