Sábado 27 Abril 2024

A terra tremeu hai 25 anos: así se viviu o maior terremoto en Galicia

O 22 de maio de 1997 un forte sismo sacudiu gran parte do territorio galego, deixando danos materiais en varios municipios da zona cero

Fanse 25 anos do gran terremoto que atemorizou en plena madrugada a poboación galega. Ocorreu o 22 de maio de 1997, exactamente ás 1.50 horas da madrugada, momento no que todo tremeu como nunca antes acontecera en Galicia. O movemento rexistrou unha magnitude de 5,1 graos na escala Richter en tres zonas cero: Sarria, Triacastela e Becerreá, localidades que deron nome ao concepto “triángulo sísmico”.

A pesar da excesiva magnitude do terremoto, neses municipios xa se impartiran cursos de prevención para aprender como actuar en caso de grandes sacudidas. De feito, o día antes da catástrofe rexistrárase na mesma zona dous movementos sísmicos máis, de magnitude 4,6, coas súas réplicas. O momento foi dramático, quedando para sempre gravado nas cabezas de moitos galegos e galegas.

Publicidade

Foron varios os posteriores estudos realizados arredor das causas destes tremores. Pois o certo é, como indicara para GCiencia en 2018 o director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Praga Pondal, Juan Ramón Vidal Romaní, que o borde norte da península Ibérica é unha zona de placa activa. “Nos libros de xeografía dise que a Cordilleira Cantábrica remata ao chegar a Galicia, aínda que iso on é así exactamente”, indicaba Vidal Romaní. “Unha vez que esa cordilleira chega ao ‘triángulo sísmico’ transfórmase nunha foxa tectónica, denominada Depresión de Ourense, que vai desde esta zona ata Celanova, aproximadamente”, comentaba.

Zona de colisión entre a placa Ibérica e a Euroasiática. Imaxe cedida por Juan Ramón Vidal Romaní.

Deste modo, tal e como sinalaba Vidal Romaní, pódese apreciar como “a consecuencia do choque entre as placas Euroasiática e Ibérica, todo o norte da Península estase a erguer desde hai 65 millóns de anos”. Esa é, segundo Romaní, a cuasa dos sismos que de forma periódica seguen producíndose en Lugo.

A madrugada que ergueu a toda Galicia

Ás 16.17 horas da tarde do mércores 21, notouse o primeiro sismo, de magnitude 3,3 seguido doutro máis leve. Os veciños xa estaban acostumados a esta serie de sacudidas polo que non foi motivo de alarma, ata á 1.49 da madrugada, cando a terra volveu tremer, esta vez chegando aos 4,1 graos. Menos dun minuto despois, chegou o gran terremoto, de 5,1 graos, que levantou a media Galicia das súas camas. Aínda que só afectou a unha parte da poboación galega, todo o mundo soubo rápido do que acabara de acontecer naquel triángulo sísmico.

A noite na que toda Galicia tremeu

Cundiu o pánico. As crónicas sobre o suceso relataban un panorama case ficticio, onde se mesturaban situacións de histeria e pánico. A Radio Galega recibira máis de 10.000 chamadas e o seu locutor, Xosé Luis Portela, mesmo relatara en directo un dos tremores que chegara ao estudio de grabación. Non só foi él, tamén o príncipe Felipe declarara notar o movemento dende un hostal de León, onde estaba de visita oficial; e o presidente da Xunta, Manuel Fraga, que recoñeceu ante os medios que pasara medo pensando que lle podería caer enriba o crucifixo que colgaba sobre o cabeceiro da cama. O xornal El País tamén informou do sucedido, contando como na estrada N-VI, próxima á zona cero, se escoitaban os lamentos e berros de decenas de persoas.

Foron momentos difíciles. A pesar de que o sismo non causou danos persoais, un home en Sarria que padecía do corazón faleceu na rúa a causa dun infarto, que foi atribuido ao momento de tensión vivido durante o terremoto. Con todo, os danos materiais e psicolóxicos foron dabondo. Varios veciños viron como se derrumbaban os muros das súas casas e consumidos polo medo e a incerteza, moitos pasaron a primeira noite durmindo nos seus propios coches e, incluso, un grupo de veciños chegara a durmir nun autobús en Becerreá.

O que se viviu nos días posteriores ao suceso

As réplicas dos sismos foron sucedéndose durante os seguintes días, chegando algunhas aos 4 graos. El País tamén recolleu nas súas páxinas situacións curiosas como que un grupo de gaiteiros de Lugo improvisara un festival na rúa para amenizar a noite dos veciños que estaban á intemperie; ou como o alcalde de Becerreá, Antonio Fernández Pombo, adiviñara a magnitude dunha réplica en pleno directo dunha cadea de televisión, sen facer uso de instrumentos mecánicos.

Nos medios galegos, como La Voz de Galicia, recompiláranse testemuños de Becerreá que afirmaran ver halos de luz no ceo e mesmo que a lúa tornara de cor verde. Así mesmo o medio contou que os veciños de Sarria, unha semana despois, recuperaran a procesión do Sagrado Corazón na que participaron case medio milleiro de persoas para pedir a Deus que cesaran os terremotos, celebración que levaba dez anos sen organizarse.

Un estudo atribuía estes tremores á reactivación da falla de Baralla

Co paso dos días fóronse tomando medidas para paliar os desperfectos e intensificáronse as investigacións sobre a posible orixe daqueles tremores. De feito, un estudo publicado en 2004 na revista da Sociedad Geológica de España atribuía estes tremores á posible reactivación da falla de Baralla, que ocasionou posteriores rupturas en fendas próximas, como as de Vilaesteva ou Armada. Noutras investigacións, como a publicada en Geogaceta en 2004, apuntaban que o terremoto viña dado pola falla de Becerreá.

Ademais das medidas de prevención que xa estaban en marcha nos concellos máis próximos ao triángulo sísmico, no ano 2009 a Xunta de Galicia presentara o Plan Especial de Protección Civil ante o Risco Sísmico de Galicia (Sismigal), no que se detallaron as principais zonas de perigo e as medidas que debían realizar en caso de que se producise un tremor grave.

Dende entón, os veciños de Sarria, Triacastela e Becerreá recordan este momento que marcou as súas vidas, contando sempre coa posibilidade de que este fenómeno volvese a acontecer en Galicia e así foi, aínda que non tan traumático. O 27 de xaneiro deste mesmo ano, rexistráronse ata catro terremotos consecutivos frente as costas galegas, segundo indicou o Instituto Xeográfico Nacional na súa conta de Twitter.

A costa galega treme cun terremoto de magnitude 4.6 con epicentro no Atlántico

Este terremoto non causou danos aparentes mais gran parte dos galegos sentiron levemente a sacudida. Expertos como Juan Ramón Vidal Romaní indican que esta serie de tremores poden volver a producirse “en calquera momento”, pois “son unha mostra de que o movemento segue pesente en Galicia”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses