A Academia de Ciencias incorpora o físico Carlos Pajares como membro de honra

O catedrático da USC foi o primeiro decano da facultade física e tamén reitor da mesma institución no período de 1984-1990

O catedrático de Física da USC Carlos Pajares durante o seu discurso. Foto: Suso Rivas
O catedrático de Física da USC Carlos Pajares durante o seu discurso. Foto: Suso Rivas

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) incorpora a Carlos Pajares Vales (Madrid, 1945), catedrático de Física de Partículas da Universidade de Santiago (USC), como académico de honra da institución. No acto de ingreso, celebrado esta tarde no Paraninfo da USC, Pajares pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado Sencillez y belleza en la ciencia y en la naturaleza (En busca de la simetría perdida), que foi contestado en nome da Academia polo seu presidente, Juan Lema Rodicio.

Pajares agradeceu á Academia a súa inclusión como académico de honra. No seu discurso formulou a pregunta ¿Por qué la naturaleza es simple y bella?. E manifestou que “unificar a diversidade de fenómenos que se dan na natureza foi unha constante nos avances da Ciencia”. Nesta liña, sinalou que “na Historia da Ciencia houbo grandes unificacións que deron lugar a grandes avances científicos e algunhas tamén a profundas consecuencias sociais e económicas. Pódese dicir que o primeiro gran unificador foi Newton ao decatarse de que a caída da mazá dunha árbore rexíase pola mesma lei que as órbitas dos planetas arredor do Sol, propoñendo a lei da gravidade e ao mesmo tempo formulando as leis que debían cumprir todos os movementos”.

O novo académico de honra tamén resaltou que a obra de Newton tivo unha repercusión enorme, mesmo en territorios aparentemente afastados, como o da Economía, no sentido da unificación de fenómenos, como a unificación dos intercambios comerciais mediante o principio do equilibrio entre a oferta e a demanda.

A simetría da natureza

Pajares apuntou que “a simetría na natureza foi fonte de inspiración da humanidade ao longo de toda a súa historia, fóra da ciencia”. A modo de exempo, referiuse á arquitectura e á escultura de Grecia, onde se acuña a definición da beleza. Tamén citou a cultura árabe, a través das súas mezquitas, palacios e xardíns. E, por último, mencionou á música, en particular a de Johann Sebastian Bach, que “pola súa estrutura, proporcións, contrapunto e beleza asociouse ás matemáticas”.

“A busca da simetría levounos ao coñecemento da evolución do Universo, onde se relaciona o máis pequeno e o máis grande. O Universo pasou por toda unha serie de etapas, un proceso no que a medida que o tempo transcorre vaise rompendo a simetría orixinal. O dar marcha atrás, investigando nas primeiras etapas da evolución, é en gran medida buscar a simetría perdida”, indicou o homenaxeado. E explicou que a busca desta simetría está a permitir na actualidade aplicacións revolucionarias como a computación cuántica.

Un papel fundamental

O presidente da RAGC, Juan Lema, remarcou a importancia do nomeamento do profesor Carlos Pajares como académico de honra da institución. Referiuse a el como “un dos científicos galegos máis destacados do último medio século”. Lembrou que “o profesor Pajares inicia a súa carreira científica fascinado polo descubrimento da Física de Partículas nun curso de Doutoramento na Universidade Complutense de Madrid, no curso 1967-68”. Tamén destacou o seu periplo periplo internacional en centros de referencia como o Laboratoire de Physique Theorique d’Orsay da Université Paris-Saclay, o Institute for Nuclear Theory da Universidade de Washington en Seatle e posteriormente no prestixioso Rutherford Appleton Laboratory en Oxford e no National Argonne Laboratory en Chicago.

En setembro de 1979 incorpórase como catedrático á Universidade de Santiago. “Moi rapidamente intúe que en Santiago poderá desenvolver un proxecto de vida persoal e académica polo que, malia as ofertas que recibe desde a Universitat Autònoma de Barcelona e da Autónoma de Madrid, decide crear un camiño máis difícil, pero tamén extraordinariamente ilusionante”, sinalou Lema. O profesor Pajares faise cargo da Dirección do Departamento de Física de Partículas, “onde implanta o seu modelo investigador cunha certeira visión de futuro, o cal serviu para proporcionarlle moitos éxitos aos grupos de investigación do departamento”.

Primeiro decano da facultade de Física

Tras formar parte do equipo de goberno da facultade de Ciencias, no ano 1981 resulta elixido como primeiro decano da facultade de Física da USC. En 1984-1990 foi reitor da Universidade de Santiago. “Baixo o seu mandato tivo lugar un desenvolvemento sen precedentes dos campus universitarios de Ourense, Lugo, Pontevedra, Ferrol e, moi particularmente, de Vigo e A Coruña; así como o decisivo impulso á investigación”, salientou Lema. No ano 1999 a súa intervención foi decisiva para a creación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, na actualidade centro de referencia internacional. O presidente da Academia puxo ademais de relevo “o papel fundamental que Carlos Pajares ten na formación das novas xeracións de reputados científicos”.

“Pola súa contribución á Ciencia, particularmente na área de Física de Partículas, como creador dunha escola recoñecida a nivel internacional, pola súa achega á dinamización da investigación universitaria como reitor e pola súa labor de divulgación e defensa da Ciencia e a investigación, o profesor Carlos Pajares Vales faise merecedor de ser nomeado Académico de Honra da RAGC”, concluíu Juan Lema.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.