Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

A riqueza lingüística do galego faise notar en cada un dos lugares que compoñen o territorio. Ás veces, un non é consciente da gran diversidade de voces que se poden atopar. Por iso, o Instituto da Lingua Galega (ILG), órgano vinculado á Universidade de Santiago (USC), creou o Atlas Lingüístico Galego (ALGa) coa fin de promover o idioma. No seu volume V Léxico. O ser humano (I) (2005), publicado a raíz deste proxecto, tratan un concepto tan molesto como diverso: as variantes léxicas que se refiren ao catarro. Son verbas para referirse ao que aparece definido como “inflamación dalgunha mucosa, que produce un aumento da súa secreción e, en particular, inflamación dunha mucosa do aparato respiratorio, provocada polo arrefriamento do corpo, que comporta un aumento da secreción do moco, espirros, tose, etc”. Ao ser variantes, non todos os termos aparecen recollidos no Dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Como se pode observar no mapa, na meirande parte de Galicia empréganse as denominacións refriado e resfriado para referirse a esta patoloxía, que tamén recibe a variante de arrefriado. Outros usos como catarreira atópanse nunha situación de minoría, que se concentran principalmente nas zonas da Estrada e Caión (A Coruña), aínda que cunha pequena presenza no noroeste da provincia de Ourense.

Publicidade

Tamén se poden ver áreas delimitadas nalgunhas destas voces, como é o caso de friaxe na costa da Morte, cunha notable extensión a través doutras provincias. Con todo, estes usos non están delimitados polos bloques lingüísticos, senón pola cultura de cada un dos lugares rexistrados.

A estas palabras engádense outras respostas cun espazo máis acoutado dentro do territorio. Pulmueira é a voz representativa de Laxe (A Coruña), mais reuma é a palabra escollida en Sobrado dos Monxes (A Coruña). Gripaxe emprégase no vocabulario do Val do Dubra (A Coruña), mentres os veciños de Boborás (Ourense) prefiren falar de peleira.

Publicidade

Un proxecto onde recoller estas variacións

O ALGa é un proxecto fundacional do ILG para manifestar a riqueza da variación xeográfica do galego moderno. Entre 1974 e 1977, tres investigadores do Instituto realizaron as enquisas en 167 puntos do dominio lingüístico (152 de Galicia e 15 das comarcas galegófonas de Asturias, León e Zamora).

Deste xeito, completouse un cuestionario de 2.711 preguntas, cunha media de 4.000 formas recollidas por localidade, coas que se creou unha base de datos de casi medio millón de rexistros na que se inclúe o texto das respostas, ademais de abundante información complementaria. A conexión entre esa base e un programa de xestión de información xeográfica permite a representación cartográfica inmediata de cada resposta.

Ao longo de 30 anos, o ILG publicou diversos volumes froito da recopilación destes datos. Os resultados foron sete publicacións referidas a diferentes ámbitos: I Morfoloxía verbal (1990), II Morfoloxía non verbal (1995), III Fonética (1999), IV Léxico. Tempo atmosférico e cronolóxico (2003), V Léxico. O ser humano (I) (2005), VI. Terra, plantas e árbores (2015) e VII Léxico. O ser humano (II) (2020).

Imaxe do caderno orixinal que pasaron en Vigo os tres investigadores do ILG que recolleron os datos. Foto: ALGa

A pesar do traballo feito ata agora, o ALGa continúa actualizándose. A base da datos que recolle todas estas entrevistas feitas nos anos 70 aínda está en proceso de corrección, comentan Reis Rodríguez e os seus compañeiros, investigadores do ALGa. “Trátase da envorcadura de aproximadamente 3.000 preguntas”, apuntan, pois as respostas precisan un filtrado antes da súa introdución na base de datos.

Este proceso de informatización comezou a principios dos 90. Foi e segue sendo un traballo custoso, pois “de cada lugar, á parte da propia variante léxica, hai información etnográfica sobre por que acontecen estes cambios”. Nesta plataforma de datos están recollidos significado, morfoloxía, fonética, refráns e máis datos que recadan un anaco da cultura de Galicia.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O efecto das chuvias: a imaxe satelital de Copernicus que revela a enchente do río Miño en Lugo

O Sentinel-1 da Axencia Espacial Europea capta dende órbita o aumento de caudal ao seu paso por Outeiro de Rei, Cospeito e Castro de Rei

Dez científicas galegas que deberías coñecer

Co gallo do 11F recuperamos perfís de mulleres sobresaíntes en farmacia, neuroloxía, arquitectura, enxeñaría agrónoma e pedagoxía

Galicia rexistrou máis chuvia no xaneiro de 2025 que no de 2026: por que se pensa o contrario?

A sucesión continua de borrascas e a baixada térmica de dous graos alimentan unha percepción social que non coincide cos datos oficiais

Activada a alerta vermella na costa da Coruña por ondas de máis de oito metros

Meteogalicia acende o máximo aviso para o mércores, o laranxa para o resto do litoral e o amarelo en terra por abundantes precipitacións