Catro galegos proban o primeiro fármaco contra o fígado graxo nun ensaio clínico pioneiro

O tratamento, que acaba de ser aprobado en Estados Unidos, pode tardar dous anos en estar dispoñible en España

“Non fumo, non bebo alcohol, fago exercicio físico e a miña dieta apenas ten graxas”, di Natalia Cabaleiro Alén, unha mestra galega de 34 anos que leva dende 2022 tratando de encontrar a causa da súa inflamación abdominal. Recentemente diagnosticáronlle fígado graxo, unha enfermidade que afecta ao 3% da poboación. É dicir, a preto de 81.000 galegos. Ata o de agora, esta doenza que pode derivar en cirrose e cancro de fígado sen apenas presentar síntomas, estaba orfa de tratamentos farmacolóxicos, máis alá da recomendación de seguir unha dieta sen graxas e realizar moito exercicio físico. Porén, a Federación de Alimentos e Medicamentos (FDA, polas súas siglas en inglés) dos Estados Unidos acaba de aprobar o resmetirom, o primeiro fármaco efectivo e seguro para tratar o fígado graxo. En Galicia xa hai catro galegos que o probaron grazas a un pioneiro ensaio clínico realizado en Pontevedra e que concluíu con resultados prometedores.

“É un tratamento seguro e eficaz que mellora os dous fenómenos biolóxicos negativos derivados do fígado graxo: a inflamación e a cicatrización”, apunta o hepatólogo Juan Turnes, xefe de servizo de Aparello Dixestivo no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Catro dos seus pacientes foron seleccionados para participar nun ensaio clínico que lles permitiu probar o resmetirom xunto a preto de 1.000 pacientes de 200 hospitais de todo o mundo. “Se o estudo conclúe que o fármaco é beneficioso, como é o caso, o laboratorio que investiu no seu desenvolvemento proporciona o medicamento de forma gratuíta a todos os pacientes”, detalla Turnes. Deste modo, catro galegos da área sanitaria de Pontevedra teñen acceso ao resmetirom un ano despois de que rematara o ensaio clínico e moito antes de que estea dispoñible en España.

Publicidade

Con todo, este medicamento tamén ten as súas contraindicacións. Máis alá dos efectos secundarios que poida producir, na súa inmensa maioría de tipo dixestivo e todos eles de baixa incidencia, está a súa eficacia: a cicatrización do fígado, é dicir, a fibrose, só mellora en un de cada catro pacientes. “Nunha enfermidade para a que non hai ningún tratamento dispoñible, que o primeiro fármaco mostre un beneficio para a fibrose é algo moi salientable pero non é a solución para esta doenza”, recoñece Turnes. De feito, o hepatólogo cre que a peza clave do resmetirom reside no seu particular mecanismo de acción, pero non tanto na súa utilidade para os doentes, dado que non vai servir para tratar á inmensa maioría de persoas con fígado graxo. A experiencia dos catro galegos que probaron o fármaco é boa, mais Turnes recoñece que non é unha mostra significativa.

Cando estará dispoñible en España?

Outra das grandes trabas ás que se enfronta o resmetirom é a súa aprobación en Europa. Segundo Turnes, é esperable que a Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) continúe o camiño iniciado pola FDA e dea luz verde a este fármaco nun prazo de entre seis e nove meses. Con todo, que Europa dea un paso adiante non significa que o resmetirom estea dispoñible en España: “Temos un proceso de regulación nacional independente. O sistema de saúde pública cobre a toda a poboación, polo que o financiamento de novos fármacos pódese prolongar arredor de 18 meses”. Por tanto, os cálculos aproximados apuntan a que o resmetirom non será accesible en España, e por tanto en Galicia, ata dentro de dous anos… Como mínimo.

Publicidade

Aínda que este fármaco abre unha esperanza para as persoas con fígado graxo, Turnes tampouco quere xerar falsas expectativas. O tratamento tardará en chegar a España pero o paso da FDA é unha saída cara a diante e unha busca das solucións que se necesitan para unha doenza prevalente pero pouco coñecida. “Afecta a tanta xente que é abafante. Un de cada catro adultos ten fígado graxo e xa hai adolescentes con cirrose por esta causa“, indica o hepatólogo do Hospital de Pontevedra. O doutor tamén acusa unha importante “falta de conciencia” sobre a enfermidade, dado que a meirande parte da poboación a asocia co consumo de alcohol. “Hai pouco coñecemento tanto a nivel sanitario como social”, insiste Turnes.

O Ozempic, unha alternativa viable

Aínda que o resmetirom rompe o bloque de xeo que se cerne sobre a falta de medicamentos para tratar o fígado graxo, en Pontevedra xa se están levando a cabo ensaios clínicos con outros tratamentos prometedores. Un deles está baseado no principio activo da semaglutida, o que se coñece comercialmente como Ozempic e que se está usando masivamente para baixar de peso, cando en realidade só está prescrito para o tratamento da diabetes. “Para o tratamento do fígado graxo habería que tomar, polo menos, unha dose 5 ou 10 veces superior á que recibe un paciente con diabetes”, indica Turnes en relación ao tratamento con Ozempic. Malia que tamén se trata dun fármaco prometedor, o problema volve ser o mesmo que para o resmetirom: cando estará dispoñible en España. O hepatólogo cre que “a decisión de financiamento pode retrasarse bastante”.

“En España aínda non hai unha decisión tomada sobre a semaglutida. O principal problema é o diñeiro: na práctica úsase igual porque a xente págao do seu propio peto, por iso hai constantes fallos de stock que afectan directamente aos pacientes diabéticos que o precisan tomar si ou si”, apunta Turnes, dando conta dos problemas de subministro que se están a dar a nivel estatal polo uso de Ozempic para adelgazar. Hai que salientar que as persoas que teñan diabetes tamén presentan un maior risco de desenvolver fígado graxo. Máis concretamente, tres de cada catro pacientes teñen esta enfermidade hepática e arredor de un de cada cinco presentan un fígado con dano avanzado. De feito, o nome técnico desta doenza cambiouse recentemente e na comunidade médica refírense a ela como “enfermidade hepática metabólica”, dando a entender na súa propia designación que está estreitamente vinculada coa hipertensión, a diabetes e a obesidade.

Como tratalo se non hai tratamento?

O resmetirom, e talvez a semaglutida no futuro, abren un fío de esperanza para os doentes de fígado graxo, dado que na actualidade o único tratamento probado que funciona é seguir unha dieta na que o paciente perda o 10% do seu peso. “Normalizar o contido en graxa no fígado reduce a inflamación e a fibrose, tanto en modelos animais como en humanos, pero adelgazar é moi difícil e tan só un 10% o vai lograr. É unha medida moi eficaz pero de alcance moi limitado”, recoñece o hepatólogo do Hospital de Pontevedra. A realidade desta doenza hepática transmítena con claridade os pacientes, como Natalia Cabaleiro. Seguen facéndolle probas, tratando de identificar a orixe da enfermidade e sen que atopen nada que explique por que alguén tan novo e con hábitos de vida sans puido desenvolver fígado graxo. “Levo esta enfermidade con incerteza porque teño a sensación de non saber se o estou facendo ben ou mal. Como evito eu que avance se a miña dieta non se diferenza en case nada de como comía antes de que ma diagnosticaran?”, pregunta sen que haxa resposta.

Detectáronlle a enfermidade en fase I, polo que está nun estadío temperán. “Eu coñecía xente con fígado graxo pero identificábao cunha persoa de idade máis avanzada, cunha dieta menos saudable. Nunca imaxinei que podía telo“, recoñece. Tanto ela, como doente, como Turnes, como médico, piden máis concienciación para unha enfermidade infradiagnosticada pero cunha elevada incidencia entre a poboación. Para Natalia Cabaleiro, por exemplo, pasou un ano ata que decidiron facerlle unha analítica que, ao dar valores moi altos de transaminasas, derivou nunha ecografía que corrobou o diagnóstico. Pero ata aquel momento, os médicos víana como unha muller nova, sa e que non encaixaba no perfil de doentes desta enfermidade. “Precisamos moita concienciación. Como eu estou delgada e son nova, non se pensaba que a miña inflamación abdominal podía vir de aí”, insiste Cabaleiro, que pon o énfase nunha enfermidade crónica coa que hai que aprender a vivir, para a que non hai tratamento e para a que se agarda que o resmetirom —e talvez outros tratamentos prometedores— se abran paso en Galicia máis pronto ca tarde.


Referencia: The first MASH drug therapy on the horizon: Current perspectives of resmetirom (Publicado en Liver International)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pacientes de párkinson practican ciclismo e remo coa realidade virtual da UVigo

O proxecto do campus de Pontevedra pretende mellorar a integración dos doentes con exercicios curtos pero de alta intensidade que resulten motivadores

Investigadoras da USC atopan unha nova diana contra o fígado graxo

A investigación do CiMUS abre a porta a novas opcións terapéuticas para unha patoloxía que afecta o 25% da poboación española

A feira ‘A ciencia que vén’ celebrarase por primeira vez en Pontevedra

O evento da UVigo englobará unha serie de obradoiros, actividades lúdicas e charlas divulgativas

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII