Pacientes de párkinson practican ciclismo e remo grazas á realidade virtual da UVigo

O proxecto do campus de Pontevedra pretende mellorar a integración dos doentes con exercicios curtos pero de alta intensidade que resulten motivadores

Diferentes estudos teñen demostrado os beneficios do exercicio físico na sintomatoloxía asociada ao párkinson, a segunda enfermidade neurodexenerativa máis común, por detrás do alzheimer. Mais as alteracións que esta enfermidade supón a nivel motor dificultan tamén que as persoas que a padecen poidan realizar determinadas prácticas deportivas en condicións de seguridade. Avaliar as posibilidades que achega a realidade virtual inmersiva á hora de que estes pacientes poidan levar a cabo certas actividades físicas a unha alta intensidade é o obxectivo do proxecto Integra Park, que o grupo de investigación HealthyFit da Universidade de VIgo (UViog) desenvolve xunto coa Asociación Párkinson Provincia de Pontevedra (Apropark) e que conta co financiamento do IV Plan Social Ence Pontevedra.

Como sinala o coordinador do grupo HealthyFit, José María Cancela, o obxectivo central deste proxecto é contribuír á integración das persoas con párkinson, neste caso en “modalidades deportivas que lles sería complicado realizar dunha forma segura nunha contorna real”, levándoas a cabo “de forma controlada” a través da realidade virtual. Concretamente, Integra Park comprende a combinación duns lentes de realidade virtual cun cicloergómetro e remoergómetro intelixentes, que permiten practicar ciclismo e remo a alta intensidade nunha contorna que poida resultarlles motivadora. Integrado por investigadores das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia, este grupo de investigación leva a cabo o proxecto xunto coa asociación Apropark, dando continuidade a unha liña de traballo centrada en estudar o potencial da realidade virtual para a prescrición de programas de exercicio físico a diferentes colectivos.

Publicidade

Sesións breves a unha intensidade elevada

Neste caso, trátase dun programa de cinco meses de duración, no que se combinan remo e ciclismo e que abrangue dúas sesións semanais. Coa participación de 12 usuarios e usuarias de Apropark, trátase ademais de sesións de curta duración, nas que o exercicio debe realizarse a unha determinada intensidade. “Está demostrado que para que teña un efecto nas patoloxías neurodexenerativas, ten que ser un exercicio físico dunha intensidade alta, xa que induce efectos protectores no cerebro, aumentando a neuromelanina e as sinais de transporte de dopamina (DAT) na substancia negra”, sinala Cancela.

Con esta idea, usuarios e usuarias alternan sesións de remo e ciclismo, que levan a cabo nas contornas virtuais da súa escolla, o que os leva a “pedalear por San Francisco ou remar polos canais de Venecia”, como apunta Cancela. Dotados dun sensor de cadencia, estes equipos permiten regular a intensidade do exercicio a través do software, “que establece unha distancia e un tempo para facer o exercicio e vailles dando información se van máis lentos ou máis rápidos”. Ao mesmo tempo, permiten combinar a actividade física cunha estimulación cognitiva, a través dunha “serie de toma de decisións durante o pedaleo”, tendo en conta que “o párkinson é unha patoloxía na que os programas de exercicio físico producen maiores efectos cando engaden estratexias cognitivas”.

Publicidade

Para o desenvolvemento deste programa, seleccionouse un grupo de pacientes “nos estadios 2 e 3 da enfermidade”, que implican xa certas “limitacións a nivel motriz”, como apunta Cancela. Con dúas sesións semanais, este grupo de participantes iniciou en marzo un programa que vai aumentando progresivamente a duración das sesións, para, partindo de cinco, tratar de chegar aos 15 minutos de exercicio a elevada intensidade. Co obxectivo de determinar os seus efectos sobre a sintomatoloxía motora e non motora, calidade de vida e capacidade funcional das e dos participantes, este programa vese complementado por unha serie de avaliacións. Estas buscan tamén a súa percepción sobre o que supuxo o traballo con realidade virtual en termos de motivación, experiencia persoal ou usabilidade.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Viaxar no tempo

As últimas escavacións en Santa Clara sacan á luz un tesouro arqueolóxico. Por Laura Filloy

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación