Xoves 5 Marzo 2026

Tes covid, alerxia ou catarro? Estas son as diferenzas

A inmunóloga e catedrática da UVigo África González sinala as diferenzas e similitudes dos síntomas que provocan as tres enfermidades

Nun momento do ano cheo de alerxias e unha repunta da covid-19 entre a poboación, convén coñecer a diferenza entre estas enfermidades que teñen uns síntomas tan semellantes. A doenza que provocou unha corentena mundial e as catarreiras están causadas por virus e son contaxiosas, mais a alerxia é unha enfermidade do sistema inmunolóxico como reacción a determinados alérxenos. Desta forma, a inmunóloga África González Fernández, catedrática da Universidade de Vigo (UVigo), explica cales son as principais diferenzas para dar resposta á pregunta: “Que teño agora?”.

A chegada da calor provoca que os niveis de pole se disparen, sendo este alérxeno un dos que máis afectan a poboación. Xunto coas reaccións ao po, ácaros e mascotas, os alérxicos están a vivir unha tempada difícil. Os síntomas, cun habitual proído dos ollos, lagrimexos, esbirros e tos, mais sen febre e malestar, provoca unha dor de cabeza que fai ás persoas dudar da procedencia desta incomodidade.

Publicidade

Fóra dos casos puntuais, aparece a covid-19. “Claramente non é un virus estacional, senón que está na poboación de forma permanente”, asegura a inmunóloga. Un incremento de hospitalizacións caracteriza ao mes de maio, mais “aínda non preocupa” o colapso dos centros sanitarios. Isto fai que a xente queira coñecer cales son os síntomas principais que diferencian cada unha destas enfermidades agora tan recorrentes.

Síntomas diferenciais

A orixe destas tres enfermidades dista entre si. No caso do catarro e da covid, teñen a súa orixe nun virus. Neste último, trátase do SARS-CoV-2, e nos arrefriados, “hai moitos virus que o producen (rinovirus, avenovirus)”. Mentres, a alerxia é unha resposta inmunolóxica do organismo a unha substancia inocua (o alérxeno), e o paciente desenvolve un cadro agudo de síntomas, minutos despois da súa exposición.

Publicidade

A principal diferenza aparece na alerxia. Nesta, non se manifesta febre nin malestar, mais si dor de cabeza. A mucosidade que producen os alérxicos é transparente, cunha tendencia habitual cara ao proído dos ollos, oídos e gorxa. A orixe das alerxias foi estudada, mais unha das explicacións que elixe África González é a Teoría da Hixiene. Segundo explica a experta, coloca o xerme da alerxia na falta de exposición ao campo na infancia. Outros factores ambientais, como a contaminación, poden estar entre os motivos. Con todo, “describíronse moitos xenes relacionados coa alerxia”, asegura.

Estas características diferencin esta reacción exacerbada da enfermidade vírica do catarro, que non adoita presentar febre, nin tampouco diarrea ou vómitos, “aínda que si tos e dor de gorxa, ademais da sensación da cansazo propia dunha infección”. A principal semellanza atópase coa gripe, que produce dor muscular no paciente, ademais de diarrea e vómitos nalgunhas ocasións.

Mentres, cando se fala da covid, maniféstase con frecuencia a febre, o cansazo e a dor muscular. Ás veces, leva á perda do gusto e olfacto, que pode “tardar uns meses en recuperarse, aínda que nalgúns casos persiste”, explica a catedrática da Universidade de Vigo. Dende esta perspectiva atópase unha semellanza coas catarreiras, que tamén poden manifestar a perda, máis de olfacto que de gusto.

Unha variedade de tratamentos

“Os tratamentos non teñen nada que ver, son moi diferentes”, inicia a investigadora da UVigo. A raíz da covid “probáronse algúns antivirais empregados soamente a nivel hospitalario”, informa. Aínda que, polo xeral, disponse de medicamentos para aliviar os síntomas máis rechamantes. Por exemplo, se aparece a febre, recéitase un antipirético. “O tratamento vai ir dirixido aos síntomas que cadaquen manifeste“, explica, aínda que o alivio da fatiga tamén é un dos obxectivos. A pesar de que co catarro ocorre algo semellante ao tratamento da covid, a diversidade de virus que produce esta enfermidade xera complexidade. Depéndese da resposta inmunolóxica do paciente ao virus, a través dos casos individuais.

Na alerxia, o seu tratamento está máis definido. “Adoitan ser antihistáminicos que reducen os síntomas de proído e lagrimexo”, aclara. Ás veces, pódense empregar colirios de forma complementaria para evitar o malestar e os ollos avermellados. Con todo, as alerxias poden derivar en crises asmáticas, que implican tratamentos diferentes: nos casos de moita inflamación empréganse broncodilatadores ou corticoides, para evitar as fortes reaccións.

Mais esta enfermidade inmunolóxica é complexa. “Un alérxico pode ter asma, e esta pódese manter e desenvolver unha asma crónica na que se lesionan os bronquios”, explica. Por iso, para evitalo, existen distintos tratamentos, entre eles as vacinas e a inmunoterapia. As vacinas da alerxia, fronte ao alérxeno que cada persoa tenta combater, pode chegar a ser un “tratamento curativo”. Mais, en casos de asmas e alerxias graves, os tratamentos de inmunoterapia bloquean os receptores ou substancias que se liberan, onde participa todo o sistema inmunitario na resposta alérxica. Estes adoitan ir dirixidos fronte a determinados anticorpos que participan nas alerxias, “como é o caso da inmunoglobulina E (IgE) e as citoquinas”.

Custos a longo prazo

Cada enfermidade ten os seus tempos, e estas non ían ser menos. Os síntomas da alerxia adoitan ser de “manifestación rápida” despois da exposición ao alérxeno, e desaparece cando xa non está exposto ao axente causante. Con todo, se se continúa coa exposición durante un longo período de tempo, os síntomas poderán manifestarse durante un pequeno espazo temporal. Ademais, a menos que sofra de asma, non causan problemas respiratorios a longo prazo.

No caso dunha infección, como poder ser un catarro ou a covid, pode durar varios días ata que “o sistema inmunitario se defende do virus e o elimina”. Os períodos de tempo poden variar segundo diferentes factores, como a previa exposición ao virus ou a vacinación, mais xeralmente poderían pasar entre unha e cinco semanas. “Se tes a vacina da covid, o máis seguro é que a duración sexa moi curta, a través do chamamento das células da memoria”, explica González, podendo chegar á curación da infección aos tres ou catro días.

Con todo, a covid pode deixar tras de si os síntomas do chamado long COVID, unha sensación a longo prazo da enfermidade. “En ocasións, pódense provocar lesións pulmonares e afectar aos vasos sanguíneos”, advirte, producindo trombos ou cansazo muscular. “Agora mesmo estase a facer investigación para coñecer a causa deste fenómeno”, afirma González, para coñecer a duración de síntomas nalgúns pacientes. Non obstante, as tres enfermidades manteranse no tempo, e a diferenciación das tres é clave para evitar as alertas.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alerta, alérxicos: os niveis de pole dispáranse esta fin de semana

Veñen días complicados para as persoas que sofren alerxias, con días solleiros e ventos que traerán o pole da floración das oliveiras do sur da península

Tes alerxia ao pole? Así é como o cambio climático agrava os teus síntomas

Unha revisión de estudos relaciona os efectos do quecemento global cunhas concentracións de alérxenos cada vez maiores

Radiografía da atención sanitaria telefónica: “Os máis novos parecen ter máis dificultades”

Investigadores da UVigo analizan a medida implantada masivamente durante a primeira onda da pandemia de covid-19

Atención, alérxicos: Galicia rexistrará niveis “moi altos” de pole esta fin de semana

As concentracións de grans de bidueiro serán especialmente elevadas entre o venres e o sábado, cunha drástica diminución o luns