Coidado coas alerxias: dispáranse os niveis de pole en toda Galicia

Pontevedra e Ourense rexistrarán os índices máis altos durante a semana, causados polas gramíneas e as altas temperaturas dos últimos días

Galicia vive uns días de altas temperaturas neste inicio do mes de xuño. Esta alza dos termómetros e a situación de estabilidade da mesma nos últimos días propicia que os niveis de alérxenos se eleven en boa parte do país. Segundo indica Eltiempo.es, o territorio galego experimentará uns altos índices de pole ao longo da semana nas catro provincias.

A principal responsable dos niveis alcanzados está a ser a temperatura, que chegou aos 30 graos esta fin de semana e axudou a espallar os grans de pole. As gramíneas e a chantaxe convértense nos factores principais das alerxias na meirande parte de Galicia, segundo informa a Sociedade Galega de Alerxia e Inmunoloxía Clínica (SGAIC). Esta convértese nunha situación que se expande por practicamente toda España.

Publicidade

Os principais niveis establécense nas provincias de Pontevedra e Ourense, segundo informa o proxecto da Comisión Europea Copernicus a través dos seus mapas interactivos. Con todo, é diversa a flora que provoca esta reacción dos alérxicos ao pole, cuxos síntomas máis frecuentes son a conxestión nasal, o picor intenso no nariz e os esbirros.

Causantes da polinose galega

As gramíneas, familia de plantas á que pertencen a avea e o orxo, teñen as súas épocas de floración na primavera e o verán, coincidindo co período de máxima incidencia da alerxia. En España, afectan a preto de 8 millóns de persoas, segundo estimacións da Sociedade Española de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SEAIC), sendo unha das causas máis importantes de polinose. 

Galicia non ía ser menos na propagación deste pole. Ata o mércores 5 de xuño, esta familia botánica, xunto coa chantaxe (Plantago major), xerarán “niveis altos” entre os 26-50 grans por metro cúbico de aire, segundo datos da SGAIC. Mentres, as estrugas ocuparán Pontevedra, A Coruña e a costa de Lugo con índices tamén elevados, e o resto do territorio con cantidades moderadas, ata 16-30 grans por metro cúbico —considéranse niveis baixos ata os 50 grans/m3—.

Segundo informa esta sociedade científica galega, en canto ás especies arbóreas os niveis de pole dos carballos acadarán valores baixos ou puntualmente medios nas zonas interiores de maior altitude. O pole das oliveiras poderá rexistrar niveis medios ou puntualmente altos na cidade de Vigo, sendo baixos no resto do territorio. Mentres, a tempada polínica dos castiñeiros está por comezar, polo que é de esperar un aumento da concentración do seu pole, especialmente nas comarcas do sur, aínda que acadando valores baixos ou puntualmente moderados polo momento.

Ademais, a través de Copernicus, pódese percibir a presenza do pole procedente da herba en Galicia ao longo da semana. Este chegará a gran parte do territorio galego o martes 4 de xuño, tendo unha influencia constante nas provincias de Pontevedra e Ourense, ata alcanzar os 100 grans por metro cúbico. Esta situación manterase ata o venres, a pesar do descenso de temperaturas.

Recomendacións para alérxicos ao pole

As medidas preventivas e o tratamento adecuado son cruciais para xestionar os síntomas e mellorar a calidade de vida dos alérxicos. Manterse informado e seguir as recomendacións médicas pode axudar a minimizar os riscos asociados coas alerxias ás plantas anteriormente mencionadas.

Deste modo, as recomendacións e consellos ditados por Eltiempo.es para os alérxicos durante a primavera son:

  • Evitar o contacto directo coas plantas que xeran alerxia
  • Manter as mans e cara limpas
  • Tomar a medicación pautada 
  • Viaxar coas ventanillas pechadas no coche 
  • Evitar as actividades ao aire libre 
  • Usar filtros de pole no aire acondicionado 
Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo recurso didáctico creado na USC conecta o patrimonio musical galego co Camiño de Santiago

O material reúne dez arranxos de música do percorrido francés e propostas para traballar este repertorio das aulas de Primaria e Secundaria

Unha autopista de humidade acende en Galicia alertas laranxas e amarelas por chuvia e vento

A sucesión de borrascas atlánticas deixará máis de 50 l/m2 en menos de 12 horas no oeste da comunidade e refachos de ata 100 km/h

Dúas xeracións únense para rescatar do abandono a historia da batería militar de Cabo Silleiro

Jesús Moreira, quen realizou o servizo en 1971, e o seu fillo Diego impulsan unha recollida de sinaturas para converter o antigo cuartel nun espazo cultural

Unha curtametraxe sobre os tesouros agochados baixo o mar da Mariña-Ortegal conquista Donosti

O biólogo focense Carlos Gil dá a coñecer a biodiversidade dos fondos galegos cun galardón no Ciclo Internacional de Cine Submarino de San Sebastián