Desde a década de 1960, a poboación mundial incrementou o consumo de produtos do mar. A nivel mundial, a industria conserveira pasou de representar o 4% do peixe comercializado en 1960 ao 10% en 2023. As previsións apuntan a que en 2025 a industria terá un valor superior aos 90.000 millóns de euros.
Galicia na industria conserveira
Europa, e particularmente España, xogan un papel central nesta industria. En 2021, 3.200 empresas europeas estaban dedicadas á transformación de peixe, xerando un volume de negocio de 29.400 millóns de euros.
Galicia é a principal rexión produtora de conservas en España, onde se localizan 8 das 10 principais empresas do sector. As condicións biofísicas favorables e o gran desenvolvemento da industria pesqueira extractiva permitiron a esta comunidade autónoma consolidarse como rexión líder en conservas de produtos do mar.
Con todo, nas dúas últimas décadas a industria conserveira galega tivo que enfrontar varios retos:
- A escaseza de materias primas debido á sobreexplotación dos recursos.
- A necesidade de transitar cara a modelos de produción máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.
- A crecente competencia mundial.
Estes factores provocaron que os principais organismos reitores da industria conserveira galega deseñasen novas estratexias de negocio.
Plans estratéxicos coordinados
O crecemento do sector conserveiro galego impúlsase mediante plans estratéxicos plurianuais deseñados polos seus dous principais xestores: a Xunta de Galicia e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe e Marisco.
O primeiro plan estratéxico, que se implementou en 2009, resultou fundamental para o desenvolvemento do sector. Cun investimento total de 309 millóns de euros, propiciou melloras na calidade e diversificación dos produtos, así como a adopción de innovacións nos procesos de produción. Ademais, fomentou a produción de produtos gourmet.
En 2017 aprobouse un segundo plan, o Plan Estratéxico da Conserva de Galicia – Horizonte 2020, financiado entre o sector privado e a administración pública, cunha duración ata 2022. Este plan continuou impulsando a innovación de produtos, a consolidación empresarial, a internacionalización e o acceso a materias primas clave como o atún, os mexillóns e as sardiñas.
Finalmente, o plan actual, para 2022-2030, alíñase co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (2021-2027), priorizando a innovación, a internacionalización, a mellora na cadea de produción e a conservación do medio ambiente.
Estes plans permitiron ás conserveiras galegas máis grandes consolidar o seu liderado, pero o cumprimento dos obxectivos foi menor para as medianas e pequenas empresas.
Cal é o impacto dos plans estratéxicos?
Para responder a esta pregunta é necesario dividir as empresas segundo o seu tamaño. Destaca especialmente a evolución das grandes empresas, que adoptaron estratexias clave para o seu fortalecemento como a internacionalización, a produción de marcas brancas, a aposta pola tecnoloxía e as políticas de fusións e adquisicións exitosas.
De feito, a produción de marcas brancas foi unha motor clave para o crecemento da industria. Empresas como Jealsa, Frinsa ou Calvo asinaron acordos con grandes cadeas de supermercados —Mercadona, Alcampo, Carrefour e El Corte Inglés— para producir as súas marcas brancas. Esta estratexia permitiu a estas empresas aumentar significativamente a súa produción e expandir a súa presenza no mercado.
Con todo, a produción de marcas brancas, aínda que lucrativa, tamén implica riscos ao tensionar as marxes de beneficio das empresas polo encarecemento nos prezos das materias primas, que non se trasladaron completamente aos prezos de venda.
Tamén o proceso de internacionalización reduciu os prezos de venda debido á competencia, afectando a rendibilidade a curto prazo.
Por outra banda, a internacionalización da produción foi crucial para as grandes empresas do sector. Empresas como Frinsa e Jealsa estableceron plantas de produción en Marrocos, Brasil, Polonia, Francia, Alemaña e Italia. Esta estratexia non só asegura a subministración de materias primas senón que tamén fortalece a presenza destas empresas nos mercados internacionais.
Materia pendente: as pemes conserveiras
As empresas medianas e pequenas tiveron unha dinámica algo distinta. Ata 2015, as medianas mostraron unha tendencia á alza na súa rendibilidade pero logo enfrontaron unha caída abrupta debido ao aumento do prezo do atún, do cal dependían totalmente para a súa produción.
Ademais, a renovación do acordo arancelario do atún en 2016 prexudicou a estas empresas ao reducirse significativamente as cantidades permitidas para importación, impactando negativamente nas súas marxes de beneficio.
As pequenas empresas, aínda que máis heteroxéneas no seu comportamento, experimentaron un aumento significativo na súa facturación tras a crise das materias primas de 2013. A incorporación de novas empresas ao sector, moitas delas enfocadas en produtos gourmet que as diferencien no mercado, contribuíu a esta tendencia positiva.
O sector conserveiro en Galicia demostrou ser resiliente e dinámico, pero con resultados e mesmo estratexias dispares para os distintos tamaños de empresa. Os plans estratéxicos contribuíron a un crecemento sostible, promovendo a competitividade das conservas galegas en mercados nacionais e internacionais. O reto pendente é mellorar a competitividade das pemes conserveiras galegas.
*Raquel Fernández-González é profesora de Economía da Universidade de Vigo. Félix Puime Guillén é profesor da Área de Contabilidade e Finanzas da Universidade de Coruña.
Cláusula de divulgación: As persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis aló do cargo académico citado anteriormente.