A UDC desenvolve unha nova metodoloxía para motores mariños de combustión

Este novo deseño podería mellorar a eficiencia térmica desta ferramentas de navegación dispoñibles no mercado

O profesor do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña da Universidade da Coruña (UDC), José Antonio Orosa García, e Ander Ruiz Zardoya, doutorado pola mesma institución académica, son os autores da optimización do deseño dun motor mariño de combustión interna de gas natural licuado para queimar combustibles alternativos. O desenvolvemento desta nova metodoloxía foi publicado nun artigo en xuño de 2023 xunto cos expertos Iñaki Loroño Lucena, profesor da Universidade do País Vasco (UPV); e Íñigo Oregui Bengoetxea e Ángel López Martínez, investigadores da empresa Siemens.

As políticas sobre emisións mariñas son cada vez máis esixentes. Polo tanto, as tecnoloxías de propulsión de buques e xeración de enerxía deben adaptarse aos escenarios actuais. O Gas Natural Licuado (GNL) xa se considera un combustible de transición e están a xurdir novas alternativas.

Publicidade

A publicación amosa parte dos resultados obtidos ao longo da tese con mención industrial de Ander Ruiz Zardoya e dirixida por Orosa e Loroño, dentro das actividades de I+D da casa Siemens e o programa de doutoramento en enerxía e propulsión da UDC.

O obxectivo do estudo

Este estudo procura desenvolver unha metodoloxía para optimizar e adaptar un motor mariño de combustión interna de GNL para queimar combustibles mariños alternativos. O presente estudo baseouse en biogás licuado (LBG), pero a metodoloxía podería replicarse con outros combustibles.

Publicidade

Durante a investigación realizáronse un total de seis probas, con tres deseños de precámara e tres deseños de buxías. Cada proba levouse a cabo nun motor monocilíndrico con dous tipos de combustible con alto contido de metano. Os experimentos demostraron que modificando a precámara e a buxía, pódense lograr melloras na eficiencia térmica do 1,9%. Esas melloras permitiron que o motor LBG sufrise só unha redución de eficiencia térmica do 4,3%, a diferenza do seu homólogo de GNL. Ao aplicar a metodoloxía proposta, poderíase mellorar a eficiencia térmica dos motores de combustión interna de gas dispoñibles comercialmente.

Este traballo foi continuado con traballos nas revistas do máis alto impacto no mundo da enerxética e da industria naval, como Energy (Q1), e precedido por outros traballos en colaboración coa Universidade das Palmas de Gran Canaria.

Premio internacional

A raíz da súa investigación, José Antonio Orosa García e Ander Ruiz acaban de ser galardoados pola revista especializada do ámbito mariño Journal of Marine Science and Engineering (JMSE) (Q1) polo seu artigo.

Estes investigadores da UDC recibiron o segundo premio JMSE 2023 Best Paper Award, xunto aos seus colaboradores, consistente en 500 francos suízos e a publicación dun artigo gratuíto na revista.


Referencia: Methodological Design Optimization of a Marine LNG Internal Combustion Gas Engine to Burn Alternative Fuels (Publicado en Journal of Marine Science and Engineering)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

A investigadora da UDC Itziar Sobrino acada unha Starting Grant para investigar en dereito ambiental

A galardoada estudará as causas polas que determinadas obrigas se aplican de maneira efectiva mentres que outras se debilitan ou se aplican parcialmente

Ten sentido fixarnos no pasado para conservar o lobo?

A súa distribución presente e futura verase condicionada pola densidade das presas silvestres máis que pola do gando. Por Alejandro Martínez Abraín (UDC) e Daniel Oro

Un modelo da UDC simula como se comportará a rótula tras unha operación de prótese de xeonllo

A ferramenta desenvolvida no CITENI permite comparar diferentes escenarios cirúrxicos e adaptados ás características de cada paciente