A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles

Xestionar o fluxo de calor é un aspecto clave para mellorar o comportamento nun gran número de sistemas. O sobrequecemento dos dispositivos electrónicos, como teléfonos móbiles ou calquera tipo de procesador, provoca fallos, diminúe o seu rendemento e reduce a súa vida útil. Estas e outras tecnoloxías empregan materiais cunha determinada resistencia ao fluxo de calor que pasa a través deles.

Un grupo de investigación da Universidade de Santiago (USC) chegou á conclusión de que esa resistencia térmica pode ser modulada aplicando unha pequena voltaxe. O estudo levouno a cabo o Grupo de Química da Materia Condensada do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, recentemente publicado na revista ACS Applied Materials & Interfaces. O traballo, dirixido por Rafael Ramos e Francisco Rivadulla, abre novas posibilidades para o deseño de reguladores térmicos e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles.

Publicidade

O deseño de novos materiais funcionais cuxa condutividade térmica poida ser regulable permite abordar desafíos como o da disipación térmica en compoñentes electrónicos. Entre estes dispositivos de interese atópanse os memristores (acrónimo formado a partir do inglés memory resistor), un compoñente con conmutación resistiva: ao aplicar un campo eléctrico, o material pode alternar reversiblemente entre diferentes niveis de resistencia eléctrica. No novo estudo, os investigadores demostraron que en paralelo á conmutación resistiva eléctrica, na interfaz metal-óxido do material tamén se produce un efecto de conmutación resistiva térmica, debido á acumulación de ións de osíxeno. Este cambio na resistencia ao fluxo de calor pódese modular en torno a un 20% a temperatura ambiente.

“Os óxidos son materiais cunha resistencia térmica moi sensible á concentración de osíxeno, polo que ao producir un desprazamento deses ións cando se aplica un campo eléctrico modificamos as súas propiedades térmicas” explica Víctor Álvarez, doutorando do CiQUS e primeiro autor do estudo. “Dependendo do estado resistivo do dispositivo, cun campo eléctrico conseguimos aumentar ou diminuír a condutividade térmica de maneira reversible”, engade.

Publicidade

O traballo forma parte do proxecto MEMTHERM, financiado a través das axudas para Proxectos Estratéxicos Orientados á Transición Ecolóxica e á Transición Dixital do Ministerio de Ciencia e Innovación, e que busca desenvolver novos termorreguladores baseados no control do movemento de ións en óxidos dieléctricos.


Referencia: Interfacial Thermal Resistive Switching in (Pt,Cr)/SrTiO3 Devices (Publicado en ACS Applied Materials & Interfaces)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do ‘vermicompost’ ao uso de ozono: un estudo da USC avalía o impacto ambiental de alternativas agrícolas

A tese de Sara Lago evidencia que determinadas prácticas sostibles non sempre presentan un mellor desempeño cando son analizadas de maneira integral

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

Fan falta máis medios de extinción para loitar contra os incendios forestais?

O consenso científico afirma que o problema é un modelo que continúa a investir máis en apagar o lume ca en evitar que se produzan grandes eventos. Por María-Luisa Chas-Amil e Emilio Nogueira-Moure